Blog | A Semana do Revés

A inacabada accesibilidade

Lugo suprimiu barreiras, pero para algúns colectivos segue habendo moitas e xorden outras

Actividade celebrada na cidade para informar sobre o autismo. XESÚS PONTE (AEP) (Lugo)
photo_camera Actividade celebrada na cidade para informar sobre o autismo. XESÚS PONTE (AEP)

LUGO RECIBIU esta semana un recoñecemento —un máis— da Fundación Telefónica pola accesibilidade da cidade e, á vez, presentou unha aplicación móbil, unha especie de Tripadvisor, que permite coñecer e describir como de aptos son os espazos públicos e privados e onde hai recursos para persoas con problemas de mobilidade, como prazas de aparcadoiro ou baños. Lugo avanzou, pero fíxoo sobre todo para persoas que, de xeito temporal ou permanente, ven reducida a mobilidade. Seguramente porque é a máis visible e polo belixerantes que foron algunhas persoas. Nos últimos anos o azoute das administracións foi Aquilino González, de Auxilia, pero lembra que antes deron a batalla outras persoas, como Marisol Bravos e Jesús Mato, que pelexaron porque a xente saira das casas. "La voluntad de lucha tiene que ser constante, de lunes a viernes y sin horario", afirma. E non se pode baixar a garda, porque, á mínima, danse pasos atrás. Non hai tanto, o Concello levantaba o empedrado nunhas rúas e colocábaos noutra. Auxilia evitouno en parte.

Hai outro tipo de barreiras nas que se repara menos. As persoas cegas seguen tendo moitos problemas para moverse pola cidade. Aínda hai moitas beirarrúas sen pavimento rugoso diante dos pasos de peóns e os sinais acústicos dos semáforos non acaban de funcionar ben. Hai veciños que se queixan de que o son molesta e cegos que o consideran baixo.

Hai limitacións incribles. Os xordos non teñen maneira de contactar cos servizos de emerxencias (Policía, bombeiros, servizos sanitarios...), como denunciou o PP varias veces, nin de comunicarse con eles cando xa hai un contacto, porque non teñen intérpretes de lingua de signos e o servizo que ofrece Asorlu só funciona de luns a venres e en horario laboral. Para os avisos, o problema podería solucionarse mediante unha app, como noutras cidades, apunta o presidente da asociación, Daniel Lourés, que tamén bota de menos poder acceder á inmensa maioría da programación cultural da cidade.

Tampouco as administracións nin os veciños —coa excepción de cidadáns moi concienzados— adoitan reparar nas barreiras que teñen as persoas con algún tipo de discapacidade intelectual, como poden ser o autismo ou outros trastornos deste espectro. Raiolas leva a cabo unha iniciativa, coa axuda da Deputación, para colocar pictogramas en espazos públicos e negocios. Hainos xa nalgúns servizos do Hula, nalgún museos e en negocios como clínicas dentais. "É importante que a xente saiba que os debuxos e as cores teñen un sentido, que entenda que é linguaxe, un medio para comunicarse", explica Inés Flores.

A conciencia é o primeiro paso e a belixerancia, o segundo, pero sen recursos económicos é imposible avanzar. A accesibilidade custa diñeiro, por iso Auxilia cre que ademais das actuacións que levan a cabo as administracións públicas sería moi importante dar axudas ao sector privado —a quen o precise— para adaptar os locais.

Aparecen obstáculos novos
Os avances tecnolóxicos axudan a sortear barreiras, pero tamén crean problemas. Afectados por glaucoma piden que se regule o uso de patíns e outros vehículos deste tipo por beirarrúas e espazos peonís. Hai cidades que o permiten en función das características da rúa. En Lugo en bici non se pode ir a máis de 10 quilómetros por hora. Como os coches híbridos ou eléctricos, silenciosos, poden ser un risco para calquera persoa.

Barreiras físicas e sociais
Invisibles e máis difíciles de rachar son as barreiras sociais que teñen para levar unha vida plena moitas persoas que sofren algún tipo de limitación. O descoñecemento e os prexuízos, que moitas veces van da man, adoitan ser o primeiro obstáculo. Sábeno ben as persoas que teñen unha discapacidade intelectual ou unha enfermidade mental, para as que o acceso á vida laboral e ao ocio resulta igual de díficil ca necesario.

De xustiza e de agradecer
Aquilino González explicaba hai uns días que ao principio non entendía, e incluso que lle molestaba, os premios á accesibilidade porque para el esta era de xustiza. Cambiou de idea. "Hay gente que trabaja mucho y bien y hay que reconocérselo, porque es un estímulo a seguir trabajando y a que otros lo hagan". Pois iso, como a vellez mesma adoita traer discapacidade e unha quere chegar a vella, gracias.
 

Comentarios