Blog | A Semana do Revés

A hora de ordenar a casa

XOGOU AO despiste o goberno local esta semana con iso de que será a empresa Eosa quen actualizará a relación de postos do traballo do Concello, documento que leva dez anos sen apenas tocarse. No intento de manter o hermetismo nun asunto que considera crucial —supostamente vai poñer as bases para solucionar moitos dos problemas do Concello— pero que seguramente tamén abrirá a caixa de Pandora, o goberno deixou que a oposición se lle botara enriba ao dicir que a idea era encargar a Eosa a organización do persoal municipal.

Dende o principal grupo da oposición (PP) ao que máis apoio lle dá (Lugonovo) pasando polo que menos contemplacións ten con el (Ace-EU) sairon en tromba contra a "externalización" do traballo e o retraso que supostamente levaba este. Un exemplo máis, e xa son incontables, da pouca importancia que Lara Méndez lle dá a comunicar e a facelo ben.

Unha estratexia, se é que o era, absurda porque a estas alturas a rexedora e o seu equipo xa deberían saber que, antes ou despois, a verdade imponse. E a realidade é que, se as cousas non se torcen, o goberno presentará o documento aos sindicatos nas próximas semanas, e que, aínda que se contou cunha pequena aportación de Eosa —un traballo que en teoría non terá sobrecusto porque o contrato non estaba saldado—, a organización do persoal fíxose dende o Concello. Como os sindicatos reclamaron sempre e como non podía ser doutro xeito, máis aínda despois da creación dunha dirección xeral de persoal.


Con toda seguridade, o proceso non será tan tranquilo como o goberno desexa. Sábeo ben, por iso a reserva con que o leva a cabo


Eosa recibiu hai uns días o encargo de que fixera unha proposta de valoración do complemento específico, tomando como referencia a media do que se paga en cidades de tamaño similar a Lugo. Sería o último trámite para completar un traballo que o goberno e varios funcionarios municipais veñen facendo dende hai meses.

O proceso arrancou cunha petición de información aos xefes de servizo, xa antes do verán, sobre a situación e as necesidades de cada un deles. No Concello hai case 150 prazas vacantes (algunhas están cubertas por interinos) e á vez hai servizos case desmantelados por falta de persoal. Tamén hai algún departamento sobredimensionado e postos cubertos de forma irregular. CC.OO. fala duns cen e cada pouco tempo aparecen sentenzas que certifican que, nos últimos anos, non sempre se cumpriu a normativa na provisión de postos. Os dous casos máis recentes foron a anulación por parte do TSXG da asignación dos músicos da banda á escola de música, como docentes, e das funcións sobre mercados que se lle atribuíron a un psicólogo.

Hai tamén diferenzas salariais e sen xustificar en postos similares. Hai, en definitiva, unha chea de aspectos que corrixir e que mellorar e, supostamente, ese é o traballo que se fixo nos últimos meses. Buscouse organizar o persoal para intentar dar resposta ás necesidades máis imperiosas da administración e da cidadanía, para cumprir co marco normativo —a nova Lei de Procedemento Administrativo, a Lei de Acceso Electrónico dos Cidadáns aos Servizos Públicos...— e para tentar cumprir acordos plenarios, como a creación dun órgano de control das contratacións. O edil de persoal, Daniel Piñeiro; a directora de recursos humanos, Ana Sáez; a xefa de Persoal, Marta López e outros altos funcionarios levaron a cabo este traballo.

O goberno sostén que non busca revolucionar a casa senón corrixir o que está mal e poñer as bases dunha estrutura que se debe revisar moito máis a miúdo, opina. Amortizaranse algunhas prazas, crearanse outras, concretaranse funcións e revisaranse as retribucións. Segundo os cálculos dalgún sindicato, a actualizacion non suporía un incremento global moito maior dos 1,1 millóns que agora se reparten en produtividade. Aínda que tamén hai propostas inferiores.

Con toda seguridade, o proceso non será tan tranquilo como o goberno desexa. Sábeo ben, por iso a reserva con que o leva a cabo. O obxectivo é presentar o documento e negociar cos sindicatos antes de que acabe o ano. É obxectivo e necesidade porque é condición da oposición para negociar o vindeiro presuposto. No caso de Lugonovo, é condición para calquera outro apoio ao goberno. Este confía na receptividade dos traballadores, aínda que o consenso sindical nesta administración, como en case calquera, semella unha ilusión. Claro que, a lei obriga a negociar, pero a nada máis. O goberno ten potestade para sacar adiante a RPT dun xeito ou doutro, como adoita facer a Xunta. Haberá que ver se Méndez mantén a decisión que amosou ao reenfocar a xestión do persoal e se, por unha vez, os representantes dos traballadores pensan nalgo máis ca neles.

Comentarios