lunes. 17.02.2020 |
El tiempo
lunes. 17.02.2020
El tiempo

Redactora de El Progreso na sección de Local. Especialista en información da área municipal. Tamén podes seguirme na miña conta de Twitter.

Historia dun cuartel

Lugo mercou San Fernando hai tres lustros, un edificio con gafe tras varios cambios de plans
El patio del cuartel de San Fernando. XESÚS PONTE
El patio del cuartel de San Fernando. XESÚS PONTE

En 1999 había unha proposta técnica para facer un auditorio no cuartel de San Fernando, un acordo económico coa Xunta para financialo —logo viuse que era insuficiente— e un pacto con Defensa para mercar o edificio. Dez anos despois non hai nada. A historia do auditorio xa se coñece, malogrouse durante o bipartito da Xunta (2006) polo impacto que a proposta arquitectónica tería sobre o edificio, segundo a visión da Dirección Xeral de Patrimonio [daquela gobernada polo BNG] e de Icomos, órgano asesor da Unesco en España, que incluso vía risco de perder o título de Patrimonio da Humanidade.

En 2005, pouco antes de que o auditorio se gafara, o Concello conseguía ao fin facerse coa propiedade do cuartel, unha xestión que levou anos —entre outras razóns polos cambios de postura do Ministerio de Defensa— e que lle custou 2,4 millóns de euros.

Quizais con cargo de conciencia, en 2007, un ano despois de mandar parar o auditorio, a Consellería de Cultura [BNG] ofrecía facer no cuartel o centro da romanización de Galicia, unha idea que en realidade o alcalde José López Orozco xa puxera sobre a mesa un tempo antes, cando empezou a ver a dificultade técnica e económica que tiña o proxecto do auditorio. En 2011, o conselleiro de Cultura, nese momento xa co popular Alberto Núñez Feijóo na presidencia da Xunta, presentou o anteproxecto do museo romano como "unha infraestrutura primordial para a cidade". Pero chegou a crise e a redución do gasto público e o documento quedou no caixón. A Xunta tamén decidiu parar o proceso de recepción do cuartel e que este seguira en mans do Concello. Pasou o tempo, a economía recuperouse —din— e os Orzamentos da Administración autonómica volveron crecer.

E pasou máis tempo, sete anos en concreto, e en 2018, a Xunta empezou a poñer en dúbida a conveniencia do museo. E chegamos a decembro de 2019 e o Executivo galego varía substancialmente a proposta: propón que as administracións (o 50% poríao ela e o resto, o Concello, a Deputación e mesmo o Estado) rehabiliten a vella instalación militar para logo cedela a Paradores, que abriría nela un dos seus hoteis. A rehabilitación implicaría a exposición in situ dos restos arqueolóxicos que se atoparon no patio hai anos. O custo sería duns 10 millóns de euros, a mesma cantidade na que en 2011 se presupostaba o centro da romanización, que agora se propón levar ao MIHL —un museo municipal que ten un déficit de xestión e en consecuencia, de visitas— e metelo nunha rede arqueolóxica con outros edificios xa existentes.

A Xunta cre que un parador beneficiaría máis a cidade, que se deben aproveitar mellor os espazos museísticos xa existentes e que para iso convén máis coordinación entre as administracións. De momento non falou con ningunha; a máis interpelada, a local, xa se manifestou en contra da nova proposta, e a Xunta di que, se esta non sae, o cuartel seguirá tendo un propietario: o Concello. Estes son os feitos. Súas, as conclusións.

Coordinar: dicir e facer

Ninguén pode estar en contra de que as administracións reflexionen antes de dicidir o destino dos investimentos públicos e de que se coordinen á hora de facelos, por iso choca que se lance unha proposta na que se pretende implicar a varias institucións sen tela abordado con elas previamente, nin sequera co propietario do edificio no que se propón intervir. É arriscado e é lóxico que provoque escepticismo e ata rexeitamento.

O que puido ser o MIHL

O Concello construíu o MIHL grazas a unha operación urbanística que influíu no emprazamento. Por esa época empezábase a falar do centro da romanización, polo que quizais se perdeu unha oportunidade de concibilo así. Sería pouco axeitado fóra do casco histórico, si, o mesmo ca que haxa inxentes cantidades de fondos arqueolóxicos en almacéns e que moitos lucenses (tamén políticos) nunca visitaran o MIHL.

Divide e vencerás

É de manual que as dúas partes do goberno local tiñan que estar a unha se, como din, opinan o mesmo de San Fernando e da proposta da Xunta. O BNG unhas veces critica o Goberno galego e outras semella que lle baila a auga. Dá a impresión de que hai máis ganas de amolar o socio ca de defender a causa común. O mesmo pola parte socialista, preocupada en facer ver que é Lara Méndez quen ten o bastón de mando.

Historia dun cuartel
Comentarios