Blog | A Semana do Revés

Hai que falar do suicidio

Xa non se dubida de que é un problema de saúde pública, pero falta tratalo como corresponde

Concentración polo Día Mundial da Saúde Mental. AEP
photo_camera Concentración polo Día Mundial da Saúde Mental. AEP

HAI QUE FALAR do suicidio e, sobre todo, hai que previlo. E din os que saben disto, que o primeiro, se se fai ben, é clave para o segundo. Cada ano morren no mundo por esta razón arredor dun millón de persoas, a tendencia é ascendente e a cifra sube cando se fala de intentos, segundo os datos compilados pola unidade de prevención do suicidio do hospital de Ourense, única en Galicia.

Ninguén discute xa que o suicidio é un problema de saúde pública en España, máis aínda en Galicia e especialmente na provincia de Lugo. Só esta semana e só na capital, acabou coa súa vida unha muller e outra intentouno, segundo apuntan as investigacións policiais. O suicidio é a principal causa non natural de morte, por riba dos accidentes de tráfico, pero mentres que hai anos que as administracións públicas levan a cabo campañas e accións para tentar reducir o número de sinistros e a cidadanía está sensibilizada, co suicidio uns e outros imos por detrás. Non foi ata o ano pasado cando a Consellería de Sanidade aprobou o primeiro Plan de Prevención do Suicidio en Galicia, un documento base que "non conta con compromisos de execución, responsables da súa materialización, prazos nin concrección de accións", sinala o Movemento Galego pola Saúde Mental, que agrupa a máis de 400 profesionais da saúde mental pública en Galicia e a outros colectivos sanitarios e profesionais, como da xustiza.

Este colectivo sostén que nada variou, que o traballo de prevención é o que xa se levaba a cabo de forma ordinaria no Sergas, onde é certo que cada vez hai máis concienca sobre a importancia de estar alerta aos sinais suicidas. Porén, a morte de dúas persoas por esta razón en espazos sanitarios este ano demostra que os protocolos, se os hai, non están a funcionar como deberían.

É grave, e ata irresponsable, porque a experiencia demostra a efectividade dos programas de intervención intensiva, como o que puxo en marcha o hospital ourensán en 2009 cun equipo formado por un psiquiatra, un psicólogo clínico e unha enfermeira especialista en saúde mental. O primeiro foi formar a sanitarios de primaria na detección e avaliación de pacientes en risco de suicidio. O programa en si baséase nunha intervención intensiva durante seis meses, con consultas máis rápidas e máis frecuentes, teléfono de apoio aos pacientes e seguemento se non acuden a consultas, entre outras medidas. Tras tomar como mostra a pacientes atendidos en Urxencias despois dun intento de suicidio, o hospital comparou a evolución daqueles que recibiron tratamento convencional coa dos que seguiron o programa e a conclusión foi que estes tiñan menos reintentos de suicidio, ingresaban menos e o tempo transcorrido ata o primeiro reintento era maior.

Hai máis estudos que teñen demostrado a efectividade deste tipo de programas, como o que se leva a cabo dende hai anos no distrito barcelonés do Eixample. Somos conscientes da dimensión do problema e sabemos que hai maneiras de facer as cousas mellor, a que esperamos?

Non estamos á altura
Os cidadáns tamén temos responsabilidade na prevención do suicidio e moitas veces non estamos á altura. Segue a ser un tema tabú e sobre o que hai ideas erróneas. Especular sobre as causas dun suicidio ou describilo pode ser contaxioso (efecto Wherter), pero escoitar e preguntar sobre ideas suicidas, informar das portas ás que se pode chamar e animar a facelo produce o contrario (efecto Papageno).

Mentais e sociais
Segundo os estudos, un 90% das persoas que se suicidan teñen un trastorno mental, pero noutros casos non é así. Hai quen acaba coa vida porque é tanto o sufrimento ou a incapacidade de ver solucións, ante o problema que sexa, que a morte convértese na única saída. Nos últimos anos houbo suicidios tras ou ante desafiuzamentos e esas poderían considerarse mortes de causa social. Como colectividade toca evitalas.

Sempre hai outra saída
Ter  desexos suicidas non é signo de debilidade (tampouco de valentía) nin motivo para sentirse raro ou culpable, explican os profesionais. É síntoma de desesperación e de sufrimento e o que hai que facer é pedir axuda. Feafes (Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia) ten un servizo de información e asesoramento, cun teléfono gratuíto (900102661), informa na súa web.

Comentarios