Blog | A Semana do Revés

Gastar ou non gastar

Tan lexítimo é aspirar a unha cidade con servizos como preguntarse sobre a oportunidade dalgúns e como se pagarán
Algúns servicios ampliáronse. EP
photo_camera Algúns servicios ampliáronse. EP

O concello de Lugo ten solvencia económica porque posúe remanentes de anos nos que, por circunstancias propias e alleas, non puido gastar e porque capta fondos doutras administracións, sobre todo da UE. O problema é que, dende hai dous anos, gasta máis do que ingresa e a curto e medio prazo o gasto aumentará considerablemente.

Ese incremento producirase polas novas dotacións que se porán en funcionamento (auditorio, centro social de Lamas de Prado, pavillón deportivo da Garaballa, caldas do Miño...), porque os custos de mantemento (especialmente da enerxía) levan tempo en ascenso e porque algúns servizos municipais ampliaranse, debido ao crecemento da cidade e aos novos tempos e necesidades. A contía dos contratos dos xardíns e do lixo crecerá exponencialmente.

Unha cidade con dotacións e con servizos debe ser a aspiración de calquera grupo político (sexa goberno ou oposición) e de calquera cidadán e, en Lugo, un lugar co que outras administracións non son especialmente xenerosas, é o Concello quen maior esforzo fai.

O goberno lembra que cubre servizos e sostén a economía e a oposición ve necesario conter os gastos e baixar impostos e taxas

Porén, son lexítimas as dúbidas que pode haber sobre a oportunidade dalgúns dos proxectos que se levan a cabo e nos que o goberno de Lara Méndez confía para facer de Lugo unha cidade moderna, sostible e referente no mundo. E máis lexítimo é preguntarse como se van afrontar os gastos que virán,"as festas deste goberno", di o PP, ao que pouco lle axudan os excesos verbais dos que tanto gusta.

A oposición, onde é fácil predicar, parece fialo todo a unha suposta mellora da xestión municipal, que seguramente non só é necesaria senón tamén posible, xa que a súa proposta é rebaixar impostos e taxas, ese diñeiro co que despois se pagan os servizos. Servizos que nalgúns casos son responsabilidade dou-tras administracións (escolas infantís, comedores escolares, axuda a domicilio, formación para o emprego...) pero que xestiona e financia en gran parte o Concello "porque a Xunta non o fai". O goberno defende, ademais, que en situacións de crise como a actual, a expansión do gasto público é imprescindible para soster a economía, o que, ademais, favorece a recadación. Ata a UE se deu conta, di.

Recádase menos e non só pola pandemia

O déficit que o Concello sofre dende o 2020 ten que ver coa pandemia, que parou a actividade social e económica e afectou á recadación, pero esa non é a única causa. Hai taxas desactualizadas, que están moi lonxe de cubrir o custo dos correspondentes servizos, como a da subministración de auga, e algunhas das que se revisaron foron anuladas pola xustiza por non considerar xustificados os cálculos. O interventor tamén ve necesaria máis eficacia na recadación (hai "demoras inxustificadas" do cobro dalgunhas taxas) e máis inspección tributaria. O goberno di que está niso e hai tempo que conta cunha empresa para apoiar ese labor.

Unhas contas saneadas para afrontar a crise

Ao goberno moléstalle a etiqueta de "despilfarrador" e un día despois do pleno quixo poñer sobre a mesa o que non expuxo no debate coa oposición. Di que o Concello "practicamente contivo o derrubamento da economía" no primeiro ano da pandemia, con axudas directas a empresas e apoio ás familias dende as primeiras semanas. Lembra que destina 20 millóns de fondos propios ao plan de recuperación económica da cidade, con accións de fomento do emprego, "que non nos corrresponden pero se non ninguén fai". Cre que non é o momento de subir impostos e taxas e lembra que o servizo de intervención fai un control permanente do gasto.

Comentarios