Blog | A Semana do Revés

Funcionarios ou empresas privadas?

A CORPORACIÓN lucense acordou esta semana a municipalización integral do servizo de xestión tributaria, posto que hai anos que a recadación das multas de tráfico, o cobro das taxas e tributos que os cidadáns non pagan en período voluntario e outros labores, como a «inspección e colaboración na xestión en materia catastral», fainos a empresa Tribugest.

É este o terceiro servizo que a corporación lucense acorda municipalizar, despois da Ora e a grúa. A proposta do BNG para ir polo mesmo camiño coa información turística e a xestión dos museos non saíu adiante e tampouco a de recuperar o servizo de recollida de lixo e limpeza da cidade, aínda que neste caso o goberno comprometeuse a estudar posibilidades de xestión.

En todo caso, co acordo sobre a xestión tributaria probablemente sucederá o mesmo ca cos anteriores, quedará en nada. Non son procedementos sinxelos, o goberno e os funcionarios teñen moito a que atender e o primeiro escusarase en que non hai persoal municipal para asumir todo ese traballo. Sen ir más lonxe, o departamento de inspección só conta cun inspector, un axente, un auxiliar e o xefe, que leva tempo de baixa. A súa actividade nos últimos tempos céntrase case exclusivamente no imposto de plusvalías, segundo os datos aportados polo goberno. E o peor é que no novo cadro de persoal que se prepara non se prevén moitas máis prazas, nin neste nin na maioría dos servizos. Segundo o goberno, debido ás restricións estatais, que ademais condicionan a cobertura de prazas vacantes.

A proposta de municipalización do servizo, rexeitada polo goberno e aprobada por toda a oposición, partiu de Ace-EU, quen sostén que a lei prohíbe que o sector privado xestione actividades públicas nas que se manexan datos dos cidadáns. A realidade é que algúns tribunais están anulando contratos deste tipo, como sucedeu recentemente no País Vasco, e que este tipo de contratos se disfrazan como «de colaboración» ou «complementarios». Ace-EU lembra tamén que, no seu día, a adxudicación a Tribugest foi polémica -houbo queixas de competidoras- e que a empresa -non a oficina de Lugo- está investigada na rama asturiana da operación Pokemon.

Pero máis aló de se hai razóns para renunciar a esta externalización habería que pensar moi ben se convén. É certo que o contrato da empresa é substancioso, pero recada cantidades que habería que ver se se recuperarían con persoal municipal.

Os contratos con empresas non sempre se demostraron a forma máis eficaz e barata de atender os servizos públicos -a proba é que se está estendendo unha corrente remunicipalizadora por moitas cidades-, pero cos problemas de funcionamento que hai no Concello de Lugo, onde os trámites máis cotiás custan un mundo, xurden dúbidas de cal sería o resultado. Hai traballadores responsables e dedicados, pero tamén empregados subidos á parra e ocupados en guerras que non lles corresponden. A escaseza de persoal non é o único problema.

Ingresou 1,4 millóns...

TRIBUGEST ten once traballadores e cobra unha porcentaxe do que recada. Segundo datos recabados por C’s, en 2016 ingresou 1,4 millóns. Pola recadación das multas de tráfico percibe o 25% o e o 30% en período executivo. Pola recadación de taxas e tributos en vía executiva, ingresa o 15% e o 30% nos xuros de mora. Por cada expediente catastral cobra 44 euros e un 15% polo traballo de inspección. As porcentaxes son sen Ive.

E recadou máis de 5,2

SEGUNDO datos do goberno, con data de 12 de decembro, Tribugest recadou 5,3 millóns de euros en 2016. Iniciou 4.005 expedientes de recadación executiva (nesa data tiña 12.531 vivos) e recuperou 4,3 millóns. Así mesmo, cobrou 746.621 euros en multas de tráfico de diversos anos. Por último, aportou 627 unidades fiscais novas para o padrón do imposto de bens inmobles, con 314.059 euros de liquidacións netas.

A trinta multas por día

TRIBUGEST recadou durante o ano pasado multas de tráfico correspondentes a 2012, 2014, 2015 e 2016 e iniciou 11.048 novos expedientes. Saen a unhas trinta sancións por día, unha cifra que non semella alta para unha cidade do tamaño de Lugo e cos problemas de mobilidade que ten. Hai que ter en conta, ademais, que non todas son sancións impostas polos axentes senón que parte son do fotorroxo e dos radares.

Comentarios