Blog | A Semana do Revés

Os focos viran cara ao PP local

Pechado o proceso congresual provincial, empeza a falarse do candidato á alcaldía de Lugo
Alberto Núñez Feijóo y Elena Candia, con el grupo municipal de Lugo en el congreso provincial del PP
photo_camera Feijóo e Candia, co grupo municipal de Lugo no congreso provincial do PP. AEP

PECHADO o proceso congresual provincial do PP, se é que desta vez vai, os focos de militantes e de cidadáns sen carné viran cara á escena local. A designación e o acerto co candidato é a cada cita que se presenta máis importante se o partido non quere seguir na bancada da oposición na capital e na Deputación. O proceso está tan aberto como algúns queren ver ou máis ben todo o contrario?

O que sucedeu na instancia superior pode que aporte pistas. A presidenta provincial, Elena Candia, fixo inicialmente un equipo con moita presenza da cidade de Lugo pero sen os principais representantes institucionais, como o actual voceiro, Ramón Carballo; o vicevoceiro, Antonio Ameijide, e o delegado da Xunta, Javier Arias, tres dos nomes que soan para a alcaldía.

No equipo de Candia tampouco estaba de primeiras o deputado autonómico e outrora tamén delegado do Goberno galego en Lugo, José Manuel Balseiro, que ten unha gran amizade con Carballo e non deixa pasar a ocasión de lembrar que o actual voceiro do PP no Concello de Lugo foi o candidato de todas as cidades galegas máis votado.

O proceso para designar candidato á alcaldía de Lugo está tan aberto como algúns queren ver ou máis ben todo o contrario? 

O peso político do mariñán, o seu coñecemento do partido e a certeza de que a renovación que buscaba Candia ía abrir vías de auga fixeron que Santiago intervira e que a presidenta tivera que dar un xiro de timón. O veterán deputado é hoxe coordinador provincial e voceiro e a súa opinión probablemente contará moito. 

Na dirección provincial hai quen cre que, se Carballo logra quitarse o sambenito de que hai dous anos non quería ser candidato, segue sendo a mellor opción que hai sobre a mesa. É unha persoa conciliadora, con experiencia orgánica e institucional (máis desta ca da primeira), a súa traxectoria proba que a política lle gusta máis do que ás veces dá a entender e a sensación que transmite neste momento é que lle colleu gusto tamén á escena municipal, por moi ingrata que ás veces sexa a oposición. 

Carballo é veterinario, pero hai moito tempo que non exerce, ten 62 anos e foi impulsado á presidencia da xunta local en 2017, como paso previo á designación como candidato á alcaldía. O mandato vence a próxima primavera e neste momento a renovación do cargo non está na axenda do partido nin a nivel local nin provincial. Tampouco na dirección galega, que nos congresos das cidades ten moito que dicir e adoita lanzar os alcaldables á vez.

Porén, no partido tamén hai quen pensa que non hai motivo para non celebrar o congreso local cando toque e que non se entendería que así fora. Como calquera proceso, mostraría as costuras da formación e permitiría coñecer a opinión dos militantes. 

E aquí hai que volver mirar cara á nova dirección provincial. Enrique Rozas, que no pasado aspirou á xunta local e deu un paso atrás, foi nomeado vicesecretario de política municipal. Hai quen ve un sinal e hai quen cre que Candia simplemente  recuperou un gran activo para o PP. É un dos políticos lucenses que máis aprezo suscita na rúa. Outra cousa son os votos e que o seu perfil sexa o de alcaldable. 
 

O congreso local
Os congresos locais adoitan servir para lanzar ou para confirmar candidatos ás alcaldías e así sucedeu nas últimas ocasións na cidade. Porén, hai quen lembra que non sempre foi así —Lugo estivo sen dirección durante unha longa época— e que o presidente local non ten por que ser o alcaldable. Non semella o máis lóxico, sobre todo cando o partido se xoga tanto, agás que teña algún as na manga. 

 

A solución das enquisas
AS ENQUISAS son case sempre a solución para elixir candidato. Habería que ver, por exemplo, se a plataforma que ten Arias na delegación da Xunta rende para dar a coñecer un político no que algúns viron un alcaldable. Se Ameijide, ademais de dominio do Concello, ten aceptación, ou que apoio real tería Rozas. O bo das enquisas é que se pode preguntar polos nomes que están en boca de todos e por outros que non están.

 

'Ciudadanos' que volven
A MEDIDA que as citas electorais van quedando cada vez máis preto, os movementos acentúanse tamén nas bases. E iso é o que parece que sucede no bando conservador de Lugo. Hai persoas que estaban afastadas do PP, que o deixaran incluso para ir noutras listas, que volven achegarse, como Ildefonso Saavedra. Tamén estarían nesa tesitura membros de formacións en horas baixas, como Cs, algúns ata con acta municipal. 

Comentarios