martes. 16.07.2019 |
El tiempo
martes. 16.07.2019
El tiempo

Redactora de El Progreso na sección de Local. Especialista en información da área municipal. Tamén podes seguirme na miña conta de Twitter.

Externalizar oposicións

 O recurso á Academia Galega de Seguridade podería axilizar a cobertura de prazas de policía
 

Un agente de la Policía Local de Lugo.AEP
Un agente de la Policía Local de Lugo.AEP

HAI MOITOS servizos municipais con escaseza de traballadores e descabezados por xubilacións dos que eran os seus responsables, pero nas últimas semanas esa precariedade é especialmente visible na Policía Local e en Bombeiros. Porque son corpos de seguridade, e iso son palabras maiores, porque están sen mandos e porque, especialmente a Policía, mantén un pulso co goberno para tratar de acadar melloras laborais e puxo moi difícil a celebración con garantías dalgúns eventos, como a cabalgata de Reis e a carreira Corre con Nós, e agora búscalles as voltas polos plans de tráfico de obras municipais.

Esa presión está contribuíndo a que o goberno dea pasos que resulta difícil de entender por que tardaron tanto, como a aprobación, esta semana, das bases para cubrir por promoción interna tres prazas  de inspector e dúas de oficial, pertencentes á Ope de 2016. O goberno alega que hai tanto que non se celebraban estes procesos, cos seus trámites e prazos que cumprir, que a elaboración das bases, por exemplo, ten o seu aquel. En ámbitos policiais pensan peor. Din que, precisamente en Policía, todo está regrado, que noutros servizos si se convocaron ou están en marcha procesos selectivos e que coa Policía houbo abandono político e quizais pouco interese por parte de funcionarios que teñen algún papel na tramitación e que se sinten mal tratados polo goberno ou discriminados respecto ás melloras laborais comprometidas —aínda non aprobadas— para a Policía.

A urxencia de convocar prazas é patente porque ás vacantes que había súmase a prexubilación dunha vintena de axentes. Non é unha situación moi diferente á que se vive noutros concellos, pero algúns foron algo máis previsores e delegaron o proceso selectivo na Academia Galega de Seguridade Pública, que está a punto de rematar o primeiro, do que sairán 38 policías para varias localidades, e prepara un segundo. A entidade dependente da Xunta recolleu a demanda do municipalismo galego para dar resposta á falta de policías que se aveciñaba —algunha localidade quedará sin axentes— e á dificultade que os concellos máis pequenos teñen para levar a cabo estes procesos.

En Lugo, de momento, acolléronse A Fonsagrada, Sarria e Viveiro. Lugo estao pensando. A posibilidade púxoa sobre a mesa o concelleiro Enrique Rozas, pero hai quen non acaba de vela. Os detractores alegan que a academia está controlada por CSIF —como a Policía lucense, en realidade, e nalgunhas épocas tamén outras áreas municipais— e que o Concello perde o control dos prazos. Porén, o proceso é único. A entidade convoca a suma do número de prazas que lle piden os concellos e, cando rematan as probas e a formación, envía os axentes correspondentes, explica a consellería. A academia mantén aberto ata o día 31 o prazo para que as administracións locais poidan adherirse. Igual non é a mellor solución, pero ao mellor é a menos mala. E descargaría ao Concello para ir máis rápido con oposicións doutras áreas.

Crise pola falta de mandos
A situación na Policía de Lugo é especialmente precaria pola falta de mandos dende hai xa máis dun mes por baixas médicas, algunhas delas vinculadas ao pulso que o corpo mantén co goberno para que aprobe a nova RPT, que mellora os seus salarios, e pague as horas extras que lle debe dende 2017. A falta de inspectores e de xefe impide dar resposta a asuntos moi variados, desde permisos de obra a requerimentos xudiciais.

Non se espera a militares
A alcaldesa saíu ao paso da petición de Cs de que se reserven prazas na Policía Local para exmilitares como unha maneira de axilizar a incorporación de efectivos. Seguramente a Lara Méndez non lle quedou máis remedio porque é unha proposta que a Femp —que preside o socialista Abel Caballero e da que ela forma parte— puxo sobre a mesa, pero non semella que en Lugo haxa moita intención de levala á práctica.

Bombeiros sen oposición
​A nova de que o goberno baralla contratar de forma interina a bombeiros que figuran na lista da oposición de 2011, entre os que non hai ninguén que a aprobara, chamou a atención, tamén polo feito de que se faga agora, ás portas dun proceso do que sairá unha lista actualizada, e non se fixera antes. Contan que alguén puxo a idea sobre a mesa do director de Recursos Humanos sabendo do rexeitamento que ía atopar.
 

Externalizar oposicións
Comentarios