Blog | A Semana do Revés

Está de volta o besteirismo?

O exlíder do PSdeG reapareceu tras tres anos fóra dos focos e a súa man intúese en diversos lugares
José Ramón Gómez Besteiro (dereita), co presidente da Deputación de Lugo, o socialista José Tomé. PEPE TEJERO
photo_camera José Ramón Gómez Besteiro (dereita), co presidente da Deputación de Lugo, o socialista José Tomé. PEPE TEJERO

Está de volta o besteirismo? Foise algunha vez? Son interrogantes que xurden cada pouco nos corros políticos dende que en marzo de 2016 o entón líder dos socialistas galegos dimitira do cargo. Facíao pola apertura dunha segunda investigación xudicial, pola súa etapa á fronte da Deputación, que se sumaba a outra polos seus tempos de concelleiro de urbanismo en Lugo. Hai sinais —máis visibles nos últimos tempos— que indican que, máis ca que Besteiro puidera estar preparando o seu regreso á política, o que estaría facendo sería mover fíos no socialismo lugués, e quen sabe se no galego. Algo que, nunha medida maior ou menor, nunca deixou de facer. Un indicio de moitos: os cafés de José Ramón Gómez Besteiro co presidente da Deputación da Coruña, Valentín Formoso, nesa cidade son frecuentes.

Un regreso activo de Besteiro á política semella difícil a curto prazo, non só porque os espazos orgánico e institucional están cubertos senón sobre todo porque sería imprescindible que quedara libre de toda sospeita xudicial. Hai moito tempo que se di que iso está ao caer, pero a Fiscalía tería que pedir o arquivo e a Audiencia, aceptalo e ditalo. Iso sobre dúas causas, a Garañón e a Pulpo, nas que o político suma dez imputacións.

De momento, Besteiro segue tralo escenario, influíndo na medida en que pode, que é máis do que algúns pensan, e gardando a posición. E, agora, de vez en cando tamén asomando a cabeza e xogando a poñer nervioso a quen sacou proveito da súa caída en desgraza e quen máis tería que perder ante unha hipotética restauración política do lucense: o actual líder dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero.

En plena pugna socialista pola presidencia da Deputación entre quen a gañou, o monfortino José Tomé, e quen tivo que deixar o posto, o pontenovés Darío Campos, Besteiro, pai político deste último, deixouse ver xantando co primeiro nun dos restaurantes máis populares da cidade do Cabe.

No salto de Tomé a San Marcos houbo quen viu a man de Caballero, pero o que houbo foi máis ben unha operación simbiótica. As aspiracións do de Monforte chegaron no momento propicio para os intereses do líder do PSdeG, que buscaba a maneira de desaloxar á incómoda dirección provincial e de facer cambios na Deputación tras unha etapa moi convulsa. A Tomé non lle veu mal a simpatía do PSdeG, fora real ou interesada, pero a súa relación con Besteiro é innegable e está cargada de significado. Tras máis de tres anos evitando os focos, o socialista reapareceu nada máis e nada menos que na investidura de Tomé.

Antes, e como outras veces, Besteiro xogou ao despiste, porque en datas anteriores ao xantar monfortino, o político tivo outro —tamén nun lugar público— con Campos, algún aspirante a deputado que patrocinaba este e algún socialista retirado que, nunha volta máis, agora é membro da executiva provincial que preside Tomé. Nada é o que parece, que diría aquel, nin sequera que Besteiro estea de volta. Porque en realidade nunca marchou.

Sinais de Besteirismo

Na actual bancada de San Marcos hai políticos que entraron e/ou medraron con Besteiro —Pilar Porto, Pablo Rivera, María Loureiro ou Mayra García— e algún que, a pesar de ser un verso solto, como o alcalde de Pedrafita, élle fiel. Tomé tamén recuperou ao exsecretario Mourelle Cillero, que levaba meses con el en Monforte, botou man de Díaz Valiño para negociar o bipartito e fichou a outros profesionais da era Besteiro.

Man no Concello

O grao de besteirismo vai e ben. Besteirista foi a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, que fora a súa vicepresidenta na Deputación. Din que xa non o é tanto, que hai tempo que puxo distancia co círculo de Besteiro. Porén, no seu novo equipo hai concelleiros desa corda, como Paula Alvarellos e Mauricio Repetto. E algúns asesores que a rexedora incorporou nos últimos tempos tamén chegaron por esa vía.

... E tamén en Ferraz?

SONADA foi a pillada de Pedro Sánchez a Besteiro —ata entón moi próximos— comendo con César Luena -cando este xa rompera co primeiro e impulsaba a candidatura de Patxi López- en plena disputa polo liderado do PSOE. Din que Sánchez fixo cruz e raia, pero Besteiro mantén vínculos con persoas do presidente, como César Mogo, que tras décadas de ‘obreiro’ de Ferraz quixo dar o salto a primeira liña e recibiu axuda de Sánchez, co que facía viaxes oficiais, para ser senador.