Blog | A Semana do Revés

Eses mundos de aí ao lado

HAI MUNDOS, e micromundos, tan distintos e que semellan tan afastados, a pesar de que as máis das veces están ben preto, que cando agroman deixan a un descolocado. O mundo xitano é un deles. Se de tal cousa pode falarse, porque tamén nese mundo hai moitos mundos. O que está de actualidade en Lugo é, como case sempre, o do Carqueixo, a onde acaba de volver unha rapaza de quince anos que, segundo a súa versión e a da súa familia, foi secuestrada polo rapaz que quere casar con ela e polos seus parentes. Hai uns meses, a rapaza marchara voluntariamente co mozo, tamén menor de idade, e xa daquela os pais presentaran denuncia. Entón a cousa non foi a máis e apenas trascendeu porque os pais trouxérona de volta aos poucos días, pero desta vez o secuestro ameazou con facer correr sangue debido ao nivel de tensión que se xerou entre as dúas familias. Boa parte dos parentes do rapaz marcharon da cidade ante o risco de que o asunto derivase nun axuste de contas.

Nerea está de volta na casa porque, pola razón que fora, o rapaz e a súa familia accederon a que a moza volvera cos seus pais e contactaron coa Garda Civil, segundo confirmaron fontes oficiais. A pesar de que a rapaza é menor de idade e oficialmente estaba sendo buscada, parece evidente que non se despregaron os mesmos medios nin se empregaron as mesmas enerxías que noutros casos de menores desaparecidos. É fácil imaxinar a mobilización policial, social e mediática que se tería producido se calquera outro adolescente desaparece e non hai noticias del en quince días. Por moito que no caso de Nerea houbera un antecedente de fuga, é menor e os seus pais presentaron denuncia de desaparición. É significativo, por exemplo, que a Fiscalía rexeitara autorizar o rastrexo dos teléfonos móbiles para tratar de dar co paradeiro da rapaza. Ou que a xuíza deixara en liberdade ao pai da moza tras ser detido por dirixirse con armas cara ao barrio onde vivía a familia do rapaz coa intención explícita de facer sangue. Dise que a xuíza tomou a decisión tras escoitar ao patriarca, que prometeu mediar no conflito, e co ánimo de non quentar máis o ambiente.

Porén, todo o proceso chama a atención, igual ca que a familia de Nerea queira sometela a un examen forense e pedir danos e prexuízos se se demostra que mantivo relacións sexuais co rapaz. Son canons da chamada lei xitana, unha comunidade que coma todas ten virtudes -non é habitual ver un enfermo ou un vello só, por exemplo- pero que noutros ámbitos segue sufrindo os males dunha cultura patriarcal e machista. Tamén hai eses males no resto da sociedade, é certo, queda aínda moito por andar, pero en xeral xa non son socialmente aceptados.

No caso de Nerea, houbo intres nos que parecía que algo estaba empezando a cambiar, que había algunha fenda pola que se coaban outros aires. A nai da moza dicía que o lugar desta era coa súa familia e no instituto, que era moi nova para casar. O pai incluso chegou a dicir, polo baixo, que prefería a súa filla na casa deshonrada -se unha xitana pasa varias noites fóra cun home xa está considerada tal- ca por aí adiante, aínda que pode que influira o feito de que non se leve coa familia do rapaz. Porén, con Nerea de volta na casa, todo volveu ó seu. A nai di que o mozo xa estivo casado dúas veces e que pode facelo ata sete, pero que as mulleres non, por iso ela, que é ben guapa -recalca a nai- buscará un rapaz. Nerea tiña negróns e rasguños na cara ao día seguinte de volver ao Carqueixo, non se sabe se obra dos raptores ou dos seus, a xeito de escarmento, pero dá a sensación de que non lle espera un futuro moi distinto ao da súa nai ou da súa avoa. É posible que acabe casando antes de cumprir a maioría de idade, sen rematar os estudos, e co rapaz que a familia considere axeitado. A dous quilómetros do Carqueixo parece unha loucura, pero aí está ese mundo, ao ladiño mesmo do noso, sen necesidade de retroceder décadas nin de viaxar ao outro lado do mundo.

O acervo tira moito, e con toda seguridade non sempre lle poñemos fácil aos xitanos o camiño para saír da pobreza -da material e da outra-, pero é unha realidade tamén que, nalgúns casos, o que eles poñen da súa parte tampouco está á altura do que se lles ofrece. Alomenos en Lugo, seguramente nunca tiveron tanta axuda como nas últimas décadas, non sempre aprezada nin ben empregada -como sucede ás veces no resto da sociedade, si- pero tamén é evidente que, nun espazo como o Carqueixo ten que ser moi difícil avanzar. O programa de erradicación do chabolismo que a Xunta e o Concello mantiveron durante anos deu os seus froitos, que poderían ter sido máis se fora acompañado dun traballo social máis serio, pero interrumpiuse e no Carqueixo aínda queda moita infravivenda.

Comentarios