Sábado. 22.09.2018 |
El tiempo
Sábado. 22.09.2018
El tiempo

Redactora de El Progreso na sección de Local. Especialista en información da área municipal. Tamén podes seguirme na miña conta de Twitter.

Equivocouse Rocha de partido?

EQUIVOCOUSE Santiago Fernández Rocha de partido cando aceptou ser o candidato de Lugonovo á alcaldía de Lugo? É unha pregunta que se escoitaba de cando en vez no Concello, na rúa e ás veces mesmo na súa organización, e que estes días volve a xurdir, a propósito do seu anuncio de renuncia.

É coñecida, e foi instrumento de ataque en ocasións, a antiga militancia do político no CDS de Adolfo Suárez, do que chegou a ser dirixente provincial. Que acabara encabezando un proxecto de esquerdas resultaba sorprendente para algúns.

Posicionamentos e expresións como "a ideoloxía debe estar ao servizo da realidade e non ao revés» ou «o concepto de dereita-esquerda está máis na mente dos políticos ca na dos cidadáns" poderían abonar esa idea de que Rocha non encaixaba nunha organización como Lugonovo, cun discurso moi ideoloxizado e rupturista, aínda que á hora da verdade teña dificultades para levalo a cabo e, nalgúns asuntos, mesmo sufra tirapuxas entre intereses xerais e persoais.

A falta de complexos de Rocha para chegar a acordos con outras formacións políticas, incluso antagónicas, e definicións que ten feito de si mesmo –como defender o laicismo pero non ser laico ou declararse humanista galeguista, pero non nacionalista nin separatista– amosan outros aspectos que a priori poderían parecer contraditorios ou que o poderían situar facilmente noutro partido. Isto, unido á súa disposición para contribuír á gobernabilidade do Concello facía que algúns dos seus adversarios bromearan ás veces con que ía acabar no PSOE, algo realmente difícil se se ten en conta que Rocha foi, a través de Lugonovo, quen mandou para a casa ao socialista Orozco.

Pero antes diso, o político de Benquerencia votara en dúas ocasións ao exalcalde, ao que anos atrás introducira nun deses faladoiros que tanto gustan ao mariñán. O concelleiro di que lle estrañou que, nun debate da campaña electoral, o socialista se referira a el como "ese señor", exemplo da inocencia que ás veces amosa. A esas alturas a formación xa advertía de que, de seren necesarios pactos, non consentiría que Orozco fora alcalde, polas súas imputacións.

Porén, detrás de todas esas aparentes contradicións hai unha persoa e un político pragmático e cunha sensibilidade de esquerdas, de consideración polos demais, fácil de percibir e que demostra con feitos. Entregaba a diferenza entre o seu salario de concelleiro e o de mestre (preto duns 400 euros) a Cáritas, unha das organizacións que, con independencia da súa pertenza á Igrexa, máis axuda aos lucenses. E a súa marcha precipitouse porque a súa praza sae a concurso e non vía ben que a persoa que a pedira tivera que deixala nuns meses.

No fondo, Rocha encaixa nun proxecto de esquerdas. O problema é que, polo que vén amosando, Lugonovo ofrece pouca perspectiva de ser útil á xente e padece dalgúns males da vella política, dende a alerxia a entenderse con outros partidos en beneficio da cidadanía á obsesión polo control da comunicación.

Quen forma Lugonovo?

PARA ser de Lugonovo chega con asinar un manifesto. Este ten 300 firmas, pero nas asembleas adoitan participar dúas ou tres ducias de persoas. É un partido instrumental, que se rexe pola asemblea e unha coordinadora de doce membros. A metade son ex de Compromiso por Galicia, como os exedís Xosé Anxo Lage e Neves Núñez, e afíns. Dúas persoas viñan de Anova e cinco son de Podemos, con pouco peso estas.

Lamentos tardíos

POUCAS veces a marcha dun político xera tantas reaccións de recoñecemento e aprecio, incluso por parte de adversarios políticos, como a que provocou Rocha. En Lugonovo hai xente que quedou a gusto co seu abandono, pero moitos outros membros da formación e de En Marea recoñecen de forma privada ou pública que é unha perda. A pesar de que na maior parte dos casos non deron a cara por el nos órganos do partido.

A quen lle afecta a marcha?

O GOBERNO local tiña en Rocha un colaborador máis leal do que en ocasións foi con el. Co novo grupo, que está por definir, pode que sexa máis difícil entenderse. Porén, o edil tamén era un forte competidor para a alcaldesa, pola súa imaxe moderada e sensata, a súa capacidade de traballo e a facilidade para conectar cos veciños e cos funcionarios. Para o resto da esquerda tamén é unha boa nova a súa marcha.

Equivocouse Rocha de partido?
Comentarios