Blog | A Semana do Revés

¿En serio queremos turismo?

É FRASE COMÚN entre os políticos e os axentes da cidade —económicos, sociais, veciñais...— que, como non hai moita máis alternativa e potencial ten de sobra, o futuro de Lugo pasa por explotar o turismo. Explotar é sacar proveito de algo, pero tamén utilizar en proveito propio e en prexuízo dos demais. E dá a sensación de que en Lugo, no que atinxe ao turismo, rixe máis a segunda acepción que a primeira. Queremos que veñan visitantes, que queden días na cidade e que gasten cartos, pero nalgúns aspectos non llelo poñemos nada fácil.

En plena Semana Santa, a maioría dos museos municipais mantiveron o horario de costume, polo que a metade só puideron visitarse dende o xoves. E nun horario non moi amplo. Dúas horas pola mañá e dúas pola tarde, agás hoxe, xornada na que abren só de mañá. Son a Domus do Mitreo, o museo municipal que de lonxe máis visitantes recibe; o centro arqueolóxico de San Roque e a sala Porta Miñá. A Casa dos Mosaicos, en pleno casco histórico, e o MIHL, que por investimento estaba chamado a ser a xoia da coroa, estiveron pechados o luns, como é habitual.

A xestión dos museos —con contrato prorrogado— está a cargo dunha empresa que forma parte dun dos conglomerados empresariais cuxas relacións co Concello están baixo investigación xudicial. A prórroga débese a que o concurso para volver a adxudicar a xestión dos centros convocouse no 2014 e segue sen resolverse. Cousas que pasan en Lugo.

Lugo ten postas moitas expectativas no turismo, pero fáltalle preparación para un hipotético 'boom'

O Concello volveu a ofrecer, iso si, rutas guiadas por algúns dos bens máis valiosos da cidade, e de xeito gratuíto. A iniciativa é boa, non cabe dúbida, e a proba é que o programa adoita ter moitas visitas, pero o que se avanza por un lado pérdese polo outro con eivas tan importantes como a dos museos —e máis aínda despois do investimento que o Concello fixo neles— ou a atención turística. Por emprazamento, a maioría dos visitantes adéntranse no casco histórico pola Praza Maior, pero no lugar non hai nin un só punto de información e a sinalización para chegar ás oficinas de turismo é moi mellorable. Non é raro ver a turistas despistados tentando informarse ás portas do Concello, e atopando problemas, porque en Lugo tampouco imos sobrados de idiomas. O da Praza Maior vai camiño de solucionarse, xa que o actual goberno fixo algúns cambios nas bases do concurso dos museos para esixir que, no verán e noutras datas de forte afluencia de visitantes, haxa un punto de información nese lugar.

Outro conto son as carencias en idiomas, que se perciben a moitos niveis. Non son moitos os taxistas, hostaleiros ou comerciantes que se desenvolven fóra do castelán, unha cuestión que non é menor nunha cidade que aspira a ter no turismo un dos seus motores. É máis fácil atopar menús en inglés nunha vila como Cambados ca na capital luguesa.

É incrible tamén que o templo de Santalla de Bóveda, Monumento Nacional, Ben de Interese Cultural e un dos santuarios tardorromanos máis orixinais de occidente, só poida visitarse de luns a venres en horario de oficina porque ao seu cargo está un funcionario, e que non teña nin un triste cartel informativo no exterior.Este e moitos outros fallos, que empezan pola promoción máis aló de Pedrafita, fan dubidar de se Lugo se toma en serio o turismo e de se está preparado para un hipotético ‘boom’ de visitantes, que facilmente podería producirse nos vindeiros anos. Lugo é unha cidade barata e ten moitos atractivos, dende o patrimonio aos prezos e a seguridade, cuestión que non é menor nuns tempos de psicose polo terrorismo, que xa está mudando os destinos de moitos viaxeiros. O número de turistas vén aumentando dende hai lustros —un 92% en quince anos, segundo a alcaldesa— e o verán pasado experimentou un sorprendente salto no que seguramente influíu que Lugo pasou de ter un a tres bens Patrimonio da Humanidade. Poucas cidades poden dicir outro tanto, pero sería perigoso pensar que con iso está todo feito. Lugo ten moito que ofrecer, pero moito que mellorar e moito por explotar, no bo sentido.

Aí está o entorno da catedral e as rúas adxacentes, cheas de pintadas, ou o pórtico norte da basílica cheo de ouriños despois de noites de troula. As estacións de tren e de autobús, tampouco son a mellor carta de presentación da cidade, e no caso da primeira, o servizo que presta deixa bastante que desexar, por moito que a partir de abril teña dúas conexións diurnas máis con Madrid. E aí está o río e a súa contorna, que ofrece toda unha chea de posibilidades —seguramente compatibles coa preservación dos seus valores naturais— aínda pendentes de aproveitar.

Lugo avanzou, non hai dúbida, e é xa un gran destino turístico, pero dá a sensación de que non se o toma en serio.

Artículo publicado na edición impresa de El Progreso do domingo 27 de marzo de 2016

Comentarios