viernes. 25.09.2020 |
El tiempo
viernes. 25.09.2020
El tiempo

Redactora de El Progreso na sección de Local. Especialista en información da área municipal. Tamén podes seguirme na miña conta de Twitter.

Emenda laboral á totalidade

Por que agora e non antes Méndez dá os pasos para unha nova xestión do persoal municipal
A concelleira de gobernanza, Paula Alvarellos, e a alcaldesa, Lara Méndez. ARQUIVO
A concelleira de gobernanza, Paula Alvarellos, e a alcaldesa, Lara Méndez. ARQUIVO

DIN os informes técnicos sobre os que o goberno de Lara Méndez sustenta a destitución da xefa de persoal do Concello de Lugo que a "situación organizativa" da administración local é "disparatada". Pode que a algún dos autores —interventor, secretario e vicesecretaria— se lle fora algo a man cunha adxectivación que moi probablemente o papel non aguantaría se este levara sinatura política. Aínda así, e por moito que os informes sexan técnicos, é unha autoinculpación política manifesta. Desas difíciles de ver en público. Un caramelo para a oposición.

Os informes falan de presuntas irregularidades por parte da xefa de persoal —provisións de postos sen a debida xustificación, cambios de criterios inxustificados, formulación de propostas sen pedir ou sen atender os informes xurídicos...— que se terían producido ao longo do tempo. Coa actual rexedora; co seu antecesor, que na última etapa dera máis atribucións e soldo á funcionaria, e a xulgar por algún dos casos que trascenderon, tamén co último goberno do PP, que foi cando esta traballadora chegou ao Concello en comisión de servizo (despois obtería a praza) para se pór á fronte do persoal municipal. Presuntas irregularidades que algúns técnicos sinalaban nos seus informes, o que non impediu que se seguisen producindo.

A pregunta é por que non houbo freo político nin técnico ao que agora se describe como xestión "inexistente, ou aínda peor, descabelada, aleatoria e as máis das veces inxustificada". Que foi o que cambiou? O fundamental é que semella que agora hai vontade de mudar a situación, que é o verdadeiramente determinante, porque sen isto nada do demais serviría. Á fronte do Concello segue a mesma persoa que estivo os últimos catro anos e á que lle afean non ter feito nada antes —en realidade, intentouno poñendo por riba da funcionaria directores xerais de recursos humanos—, pero a gran diferenza é que agora goberna en maioría grazas ao pacto co BNG e non coa debilidade do anterior mandato.

Outro cambio é que agora hai unha concelleira, a avogada Paula Alvarellos, que está dedicada case en exclusiva ao persoal —tamén leva economía—, con formación xurídica, curtida en contenciosos e preitos e á que non resulta fácil botarlle pulsos.

E hai alomenos unha terceira clave. O goberno está avalado por un equipo de altos funcionarios que aportan seguridade xurídica ás decisións políticas. Algún leva tempo na casa e nin antes nin agora lle faltou motivación —pode que ata persoal— para tentar acabar con algunhas dinámicas que, se son como se di nos informes, serían difíciles de xustificar.

Pero este ano o equipo viuse moi reforzado porque o Concello levaba tempo funcionando con interventores accidentais e incorporouse un habilitado nacional ao que, en parte porque chega de novas, non lle treme o pulso á hora de pedir explicacións e de tomar decisións. Parece o Concello de sempre, pero son moitos os aspectos que están a mudar. O tempo dirá se para ben ou para mal.

O PSOE leva o BNG ao rego

AO BNG non lle gustan algunhas decisións de persoal, entre outras razóns porque recibe presións de afíns, pero opta por non dar a batalla, ou por non a dar de verdade. Escúdase en que a competencia é do PSOE, pero ao mellor non o fai porque non ten a tixola polo mango e porque dalgúns cambios igual tamén sae beneficiado. O caso é que, de momento, o PSOE leva o BNG ao rego, ás veces non sen dificultade.

Si hai instrumentos legais

HAI que ver como acaban as destitucións que está a facer o goberno, porque os damnificados sempre poden ir ao xulgado. A ex-xefa de medio ambiente anunciou que o faría e xa demostrou no pasado que os xuíces non sempre opinan o mesmo que os políticos. De todos xeitos, o paso dado coa xefa de persoal, amparado na Lei de Emprego Público, deixa sen argumentos a quen sostén que é difícil ir contra os funcionarios.

Chámana a gobernanta

A xestión laboral do Concello levouse por diante nos últimos anos a todos os que estiveron á fronte dela, políticos e técnicos. De momento, Alvarellos dá a impresión de que aguanta, a pesar de que xa viviu momentos críticos e algunha vez desafogou no Twitter. Por se xa tivera pouco carácter, o nome que lle deron á súa área —gobernanza— ao mellor imprimiulle máis. Polos corredores chámana a gobernanta.

Emenda laboral á totalidade