lunes. 22.07.2019 |
El tiempo
lunes. 22.07.2019
El tiempo

Redactora de El Progreso na sección de Local. Especialista en información da área municipal. Tamén podes seguirme na miña conta de Twitter.

E se Méndez sofre un Orozco?

Cobra relevancia o segundo posta da candidatura se a alcaldesa chega imputada ás eleccións

Santos e Méndez, no congreso no que o primeiro saíu secretario provincial. J.VÁZQUEZ (AEP)
Santos e Méndez, no congreso no que o primeiro saíu secretario provincial. J.VÁZQUEZ (AEP)

LARA MÉNDEZ chegou á alcaldía despois de que a esquerda forzara a marcha de José López Orozco, tal como viñera avisando os meses antes. A rexedora estivo imputada dúas veces durante a súa etapa na Deputación e as dúas quedou libre, pero volve a estar nesa situación dende outubro pasado por unha denuncia do sindicato CSIF relacionada cun asunto de persoal que viña da época de Orozco. E, hai uns días, o PP presentou outra denuncia contra ela, porque ve prevaricación no feito de que o Concello manteña servizos con contratos caducados dende hai anos.

A denuncia do PP entrou no xulgado número 2 e hai que ver que recorrido ten, pero, polo pronto, Méndez xa terá que pasar polo xulgado o próximo mes, para responder polo asunto da CSIF. Prestará declaración ante Pilar de Lara, un xulgado no que algúns asuntos se eternizan, polo que é bastante factible que a alcaldesa chegue ás eleccións cunha imputación, se non son dúas. Se iso sucede e as papeletas da esquerda volven a sumar máis que as da dereita, o PSOE igual se volve a ver na tesitura de hai catro anos. Se esa esquerda mantén o criterio non podería permitir que a alcaldía quede en mans dunha persoa imputada -aínda que para ser rigorosos, esa é a condición de Méndez dende hai meses- e por iso, quizais esta vez máis que nunca, vai ser moi relevante quen ocupe o número dous da candidatura.

Unha das persoas que soa para a lista municipal é o do secretario provincial do PSOE, Álvaro Santos. Nalgúns círculos barállase ese nome e podería ter encaixe de número dous porque o PSOE fai listas cremalleira e porque, tradicionalmente, ese posto ocúpao o aspirante a presidir a Deputación. Santos é o actual vicepresidente e entraría dentro da lóxica que quixera postularse –outra cousa son os apoios que teña, porque o partido aínda non coseu, en terminoloxía socialista, as feridas das autolesións dos últimos tres anos–, pero nalgúns ámbitos hai quen cre que os seus desexos non estarían tanto en San Marcos como na Praza Maior. É un runrún anterior incluso á súa chegada á dirección provincial. E quen sabe se no Concello ata ten algunha man aliada.

Que as relacións de Santos co PSdeG non son boas é sabido, pero algúns movementos do lucense desconcertan, como o recente envío dunha carta a membros da executiva manifestando o malestar co secretario xeral, Gonzalo Caballero, por non ter coordinado con el unha visita a Lugo. Erro de cálculo ou outra cousa? Pregúntanse algúns. Ir na candidatura da capital permitiríalle non ter que baterse de novo en Friol, praza difícil para o PSOE, e sería un trampolín para a Deputación, sempre que Darío Campos, tamén presidente por accidente, dera un paso atrás, o que non está nada claro. E se viñeran mal dadas para Méndez e houbera que facerse cargo da alcaldía, aí estaría el. A esquerda "xusticieira", como di Orozco polo BNG e Lugonovo, terá que medir as esixencias, porque non parece que apartar a Orozco solucionara, ou sequera mellorara, os problemas da cidade. E, por riba, de momento sae ben parado dos asuntos xudiciais, o que non significa que non teña responsabilidade algunha no que presuntamente sucedeu no Concello. Aínda queda moito por xulgar.

O PP non o fai Pilar de Lara

O PP xoga forte —ruín, segundo o PSOE— e busca outra imputación da alcaldesa a conta dos contratos caducados, pero hai a quen lle chamou a atención que non aproveitara a garda do xulgado de Pilar de Lara para presentar a denuncia. Entre a cidadanía cada vez está máis estendida a sensación de que á xuíza lle falta neutralidade, así que hai quen se pregunta se no PP alguén tivo pouca vista ou pola contra dubidaba da decisión.

Enquisas internas do PSOE

XA se coñecen ou se intúen os candidatos da maioría dos partidos que se presentarán ao Concello de Lugo, porque sobre esa candidadura de independentes (con desencantados do PSOE) da que se fala dende hai meses hai bastantes dúbidas de que poida prosperar. Porén, o panorama está bastante aberto. Ao PSOE hai enquisas internas (non destes días) que lle dán os mesmos edís ou un máis. Haberá que velo.

Onde se arrima Cs?

En Lugo fálase dunha maioría de esquerdas (PSOE, BNG, Lugonovo e ACE-EU) ou de dereitas (PP e Cs), pero hai quen se pregunta para que lado arrimará o partido de Olga Louzao, política que polo seu perfil podería encaixar en distintas organizacións. Louzao é un dos arietes do PSOE e, a nivel nacional, Cs escora cada vez máis á dereita, pero o partido tamén di que o obxectivo é entrar en todo tipo de gobernos.

E se Méndez sofre un Orozco?
Comentarios