Blog | A Semana do Revés

Do cemento á revexetación

A CABALGATA de Reis de Lugo tivo que variar o percorrido este ano porque as carrozas non collían pola Praza de San Marcos. Estivo presta a Policía Local advertíndoo; lástima que non calculara o tempo que ía durar o novo traxecto e que os nenos tiveran que agardar unha hora polos Magos na Praza Maior. San Marcos é un lugar que, dende que foi transformado en praza, perdeu atracción e comodidade para os cidadáns, cando supostamente se buscaba o contrario. E polo que se ve, agora tampouco vale para a cabalgata.

San Marcos é un exemplo do que nas últimas décadas deron en chamarse prazas duras. Na idea de ‘limpar’ espazos, os urbanistas empezaron a facer superficies planas, grises, con pouco mobiliario e pouco cómodo. Bloques de granito, sen respaldo, máis estéticos (para gustos) ca ergonómicos, adoitan facer as veces de bancos; suprimiuse ou redúxose o arborado; eliminouse a herba e disimuláronse as fontes, alí onde as hai. Se as prazas eran antes sombras e auga, agora moitas son explanadas de granito onde o sol cae a plomo e a choiva e o vento azoutan no inverno. "Só serven para madurar a froita e curar a carne", dixo o voceiro de Lugonovo, Santiago Fernández Rocha, hai uns meses nun debate sobre actuacións urbanas. Se nun día de calor, un quere sombra e auga fresca, a opción máis sinxela, non a máis barata, é buscar a terraza dun bar.

En realidade, pouco debate fai falta sobre este tipo de urbanismo. A opinión maioritaria dos cidadáns parece bastante clara. Só fai falta botar un ollo ás últimas prazas que se fixeron en Lugo baixo os mencionados estándares. A rapazada acabou bautizando a de Horta do Seminario como ‘Praza Inútil’ e a reforma de San Marcos axudou a liberar e a destacar a fachada da Deputación, é certo, pero non conseguiu facer do lugar un espazo de estar. Incluso en días bos hai máis xubilados nos bancos da estación de autobuses ca nos da Praza de San Marcos. Os asentos que hai baixo as sóforas da Praza Maior non dán para todos.

Outro exemplo de pouco uso é a praciña recén aberta detrás do convento das Agustinas. É tan recollida e ten tanta falta de actividade que se está convertendo nun recuncho de malas prácticas. Non é un lugar de paso, non hai establecementos que chamen pola xente nin xogos que tiren de nenos e pais. Coa falta deles que hai no centro!

A Praza Horta do Seminario debe o nome ao terreo que os curas traballaban no seu día e no que abundaban as árbores froiteiras. Estaba pechado por un muro, pero poderían terse aberto entradas nel se se quixera conservar un espazo que non só serviría para contar historia senón que sería mil veces máis cómodo que a praza actual, que pouco máis se usa que para os concertos do San Froilán e as exposicións de La Caixa. Na época na que se fixo a praza, algún concelleiro burlábase de que en Lugo a xente só pedía bancos. Pois será porque fan falta, e máis nunha cidade na que case o 20% da poboación son persoas maiores. Non hai máis que ver os bancos do parque Rosalía de Castro ou do parque da Milagrosa en canto chega o bo tempo, ateigados de adultos e de pais e avós con nenos.

Non só a cidadanía parece ter claro cales son as mellores opcións. Tamén os xestores públicos e incluso os urbanistas parece que están reconsiderando este tipo de intervencións nas cidades. Nalgúnhas urbes xa se está dando marcha atrás e refacendo espazos públicos. Empezan a circular conceptos como urbanismo reparador e plans de revexetación. Nisto último está o Concello de Madrid, na idea de devolver o verde a prazas feitas na época de Gallardón. En Sevilla, o Concello presentou un proxecto para poñer árbores, xogos infantís e pavimento ecolóxico na explanada que hai diante da estación de Santa Justa.

Porque esa é outra. Primeiro quitamos ou reducimos á máxima expresión a vexetación nos espazos urbanos —agás nas rotondas, nas que quizais non facía tanta falta— e despois facemos xardíns nas cubertas dos edificios —tendencia das grandes metrópoles— ou colocamos pavimento descontaminante. É un dos últimos inventos para tentar reducir a polución nas cidades e parte dunha universidade holandesa. O pavimento é un 10% máis caro que o convencional, pero supostamente absorbe os óxidos de nitróxeno que emiten os automóbiles. Adoitan instalarse en beirarrúas de vías con moito tráfico. En Lugo vaise ensaiar en Vila de Sarria, unha pequena rúa do barrio de Recatelo que se prevé peaonalizar a curto prazo. Vai ti saber se, cando esto suceda, se quita ese pavimento para poñer outro... Cousas máis raras se viron nuns tempos no que non paramos de dar un paso para diante e outro para atrás.

Comentarios