jueves. 22.08.2019 |
El tiempo
jueves. 22.08.2019
El tiempo

Redactora de El Progreso na sección de Local. Especialista en información da área municipal. Tamén podes seguirme na miña conta de Twitter.

Desmemoria e intransixencia

Hai pouca comprensión con demandas dos inmigrantes que tamén foron, e son, as nosas

Musulmáns rezan na mesquita da Milagrosa. SEBAS SENANDE
Musulmáns rezan na mesquita da Milagrosa. SEBAS SENANDE

A CIDADE de Lugo é cada vez máis multicultural e tentar que esa circunstancia non teña un reflexo no día a día é igual de inútil que querer frear a chegada de persoas doutros países. A tendencia de Lugo é, dende hai décadas, a mesma que a doutras moitas cidades. Só se viu interrumpida pola gran crise económica de finais dos primeiros 2000. Neses anos, o padrón de estranxeiros asentados en Lugo baixou por primeira vez en anos porque a falta de oportunidades laborais reduciu as chegadas —en 2008 inscribíronse 930 cidadáns doutras nacionalidades e en 2013, un terzo deles, 329— e houbo quen marchou a outros lugares en busca delas ou mesmo regresou aos seus países ante a mellora que estes experimentaron, como foi o caso de Uruguai e Brasil arredor de 2015. Porén, fose pola recuperación económica que tamén se viviu aquí ou fose polo empeoramento das condicións económicas, de seguridade... doutras nacións, os estranxeiros residentes en Lugo están de novo por riba dos 5.000. A 31 de decembro do ano pasado eran 5. 647 de 95 nacionalidades.

Marrocos (741), Rumanía (729), Colombia (644), Brasil (514), Venezuela (405), República Dominicana (368) e Portugal (349) son os países que máis estranxeiros aportan a Lugo e mostras desa multiculturalidade vense nos colexios, nos supermercados, con produtos dirixidos aos novos veciños, e en xeral nos espazos públicos. Un grupo de mulleres musulmanas vén de asociarse Desmemoria e intransixencia para tratar de acadar melloras para a súa comunidade e favorecer a súa integración. Puxeron sobre a mesa algunhas necesidades, como tradutores de árabe, para trámites como ir ao médico; un terreo para facer un cemiterio, e traballo, para depender menos das axudas sociais. As súas demandas provocaron unha riada de comentarios nas redes sociais e na barra do bar, moitos de reproche. Non se lles pode dar privilexios, teñen que vivir como nós, escóitase.

Ademais de dereitos hai obrigas, é o xusto, pero chama a atención a intransixencia que se intúe ou que agroma directamente en moitos deses comentarios. Un exemplo: Tradutores? Que aprendan español, din. É absurdo pensar que un inmigrante que vén a Lugo para quedarse porque o seu país o empuxa a iso, ou porque é lexítimo querer mellorar, non lle interesa coñecer o idioma no que vai facer a súa vida. Non quererán uns pais poder entenderse cos mestres dos seus fillos? Co médico? Ata con eses servizos sociais dos que, segundo algúns, tanto abusan? Supoño que os galegos que hai décadas emigraron a Suíza ou Alemaña tamén precisaron que alguén lles axudase nos comezos co idioma e con moitas outras cousas. Agora son os netos os que marchan, a eses e outros países, e non o fan porque os inmigrantes lles quiten o emprego aquí. A hostalaría ou o traballo doméstico ou en granxas non son actividades polas que se rifen os nacionais. É lexítimo que os mozos galegos non queiran empregos precarios e aspiren a mellores oportunidades e é lexítimo que os inmigrantes queiran o mesmo para si.

Lugo fixérono ‘inmigrantes’
Se no tema da inmigración mirásemos atrás veriamos que a cidade de Lugo fixérona inmigrantes, veciños da provincia que buscaban oportunidades. Emprego, estudos, servizos... Aqueles primeiros veciños que chegaban da Montaña ou da Chaira igual tiñan xeitos que na cidade chocaban. O salto cultural é máis grande con africanos ou latinos, pero tamén hoxe os lugueses somos máis viaxados e o mundo é global.

 

Falacias de patas curtas
Acúsaselles aos inmigrantes de abusar do sistema. Non sempre o fan —non son os que máis recorren ao médico, por exemplo, por xuventude e por vulnerabilidade— e os nacionais tamén sabemos moito do uso inaxeitado dos servizos públicos. Tampouco ten que ser unha contradición a integración e a preservación da cultura propia. Que eran —e son—, se non, os centros galegos que hai polo mundo adiante?

 

Medir as demandas 
A empatía cos inmigrantes complícase cando hai comportamentos fóra de lugar e que dan lugar a conflitos como os que se viven cada vez con máis frecuencia no Hula, segundo advirte o servizo de Seguridade. Do mesmo xeito, entenderíase mellor que os musulmáns pedisen algúns axustes para poder enterrarse cos seus ritos no cemiterio público e aconfesional de San Froilán que demandar un terreo para un propio.

Desmemoria e intransixencia
Comentarios