Blog | A Semana do Revés

Desafíos do urbanismo de Lugo

Axilizar procesos e clarificar normativa son retos da concellería de urbanismo de Lugo, que non ten xefe de arquitectura nin edil propio
Representación das construcións previstas fronte á porta de San Pedro. AEP
photo_camera Representación das construcións previstas fronte á porta de San Pedro. AEP

O negativo convenio urbanístico que se tramita fronte á porta de San Pedro, ao que se suma un contencioso de Adega, pon de novo sobre a mesa as disfuncionalidades do urbanismo lucense. O deseño deixouse en mans dos donos do terreo. Foi aprobado despois polo Concello e a Xunta, pero a representación do que alí se prevé facer chama a atención a calquera profano, sen entrar en se cumpre ou non a lei. 

É probable que ningún Concello teña a capacidade de poñerse á fronte de todos os seus desenvolvementos urbanísticos, ou que isto incluso exceda as súas competencias, pero parece lóxico que o fixera en zonas de especial interese como esta, con dous Bens Mundiais. O Concello ten neste momento cinco arquitectos, de seis postos existentes, e dous aparelladores, dos tres que inclúe o cadro laboral que aprobou o ano pasado o goberno e que por tanto ve axustado ás necesidades da cidade. Porén, a situación non é a desexable, porque o servizo de arquitectura está sen xefe e a área de urbanismo, sen responsable político propio.

O xefe de arquitectura, cuxo nomeamento en xaneiro por libre designación foi polémico e desembocou na dimisión do concelleiro da área, Miguel Couto, deixou esas funcións en setembro para facerse con outra praza en propiedade a de —xefe adxunto–, pero neste momento tampouco exerce porque está de baixa por enfermidade. O seu papel foille asignado ao traballador con máis experiencia e coñecemento da área.

Do lado político, tras a dimisión de Couto foi nomeado concelleiro de urbanismo Álvaro Santos, e o interventor municipal, Manuel Vázquez, coordinador xeral da concellería, unha figura nova. Dende o verán, Santos tamén está de baixa e mentres tanto a área está a cargo de Paula Alvarellos, concelleira de economía e persoal.

Dende o equipo de Lara Méndez asegúrase que esta situación non está afectando e que o ritmo de traballo non baixou. Explica que está traballando na cobertura das prazas vacantes e nunha reorganización xeral, xa que a alcaldesa é consciente de que é necesario axilizar o funcionamento para facilitarlle a vida aos cidadáns e para xerar actividade económica. Recentemente xa se fixeron algúns cambios, como unha redistribución de funcións entre os traballadores, para que non haxa ningunha que caia unicamente nunha persoa.

O goberno, explica, tamén está traballando na clarificación dalgunha normativa e na unificación de criterios interpretativos, como xa fixo hai uns meses coas rasantes nos plans parciais e co Pepri. Así mesmo, está redactando unha ordenanza sobre concesión de licenzas e outros asuntos, como comunicacións previas de obras e actividades.

Porén, o Colexio de Arquitectos non ve resultado de todo isto. E para proba invita a revisar as licenzas que dá o goberno semanalmente: "Para o rural, para reformas e para ascensores. É moita cantidade, pero a nivel de volume de obra non é substancial", di a presidenta, Carmen Figueiras.
 

O hándicap da normativa
Lugo non ten ten unha normativa fácil. Ten un PXOM incompleto —en Galicia só hai outro caso, Moaña— moito planeamento incorporado e redaccións que dan lugar a interpretacións que ás veces acaban no xulgado. Como mostra, a Xunta aprobou unha homoxeneización dos niveis de protección no Pepri, a instancia do Concello. Esa complexidade normativa provoca un excesivo labor de integración e interpretación. 

 

Os proxectos entran mal?
O Concello atribúe a tardanza na concesión dalgunhas licenzas de obra a que os proxectos que se lle presentan son deficientes ou incompletos. A administración di que a proba é que a Xunta tamén lle dá para atrás a algúns planeamentos pola mesma razón, aínda que admite que o problema se concentra nalgúns profesionais con moita carga de traballo e que os requerimentos técnicos da Xunta son complexos.

 

A peculiaridade de Lugo
Unha vella demanda do Colexio de Arquitectos é que o Concello conceda licenza de obra con proxecto básico, como sucede na maioría de lugares, di. Lugo esixe o proxecto de execución, moito máis elaborado. Busca garantir maior seguridade do que se vai facer, pero está aberto a estudalo. A tensión entre o colexio e o Concello foi alta no último ano. Os arquitectos botan en falta unha "escoita activa" da administración.

Comentarios