Blog | A Semana do Revés

Derrubar ou conservar

Os edificios en ruínas da parte baixa da Mosqueira e o derrubamento das casas que había na esquina de San Roque e a Ronda reabren o debate sobre o urbanismo a carón da muralla
El infractor circulaba por San Roque y se dio a la fuga por Montero Ríos. XESÚS PONTE/AEP
photo_camera Derrubamento das casas da esquina de San Roque e a Ronda. SEBAS SENANDE

A cidade de Lugo vive unha etapa de obras nas rúas, nalgúns casos para melloras parciais e outras veces integrais, ou case, como as peonalizacións e reformas xerais como será a da populosa Lamas de Prado.

Porén, esta mellora nos espazos públicos non vai acompañada da rehabilitación arquitectónica, ou dende logo non ao mesmo paso. E ese abandono urbanístico resulta agora moito más ferinte nalgúns lugares, como A Mosqueira. Este é un exemplo, ademais, do difícil que é atopar solucións urbanísticas idóneas. Na parte baixa do novo espazo peonil hai varias casas baixas en ruínas, algunhas xa vendidas á espera de trámites para formalizar o proceso. Con edificios de varias alturas ao seu redor e promotores e particulares polo xeral máis interesados en construír cos parámetros de hoxe en día ca en rehabilitar, resulta fácil imaxinar cal vai ser o futuro destas edificacións. 

Que é mellor? Conservar casas baixas a carón de medianeiras altas ou construír máis edificios para tapalas?

A contorna da muralla forma parte do Plan Especial de Protección e Reforma Interior (Pepri) e este establece que na Ronda se poden construír edificios de baixo máis catro plantas, agás naqueles lugares onde hai inmobles con algún tipo de protección, que deben conservarse.

Protección tíñana as casas da esquina da Ronda e San Roque, ata que se lles quitou cando se aprobou o Pepri, por alegacións dos promotores que xa entón eran donos dese parcelario e xusto estes días as están derrubando. Cada metro que cae ao chan permite comprobar a gran vista da muralla que queda se se camiña dende San Roque. 

O monumento faise aínda máis grande con todo ese espazo libre a carón del. Dá mágoa pensar que aí se poderán levantar edificios de baixo e catro plantas e de baixo e cinco. Os donos do solo din que aínda non teñen pensado o proxecto edificatorio, pero o planeamento que lexitimamente  deseñaron para ese lugar e que a Xunta e o Concello aprobaron permite volumes de baixo máis catro plantas e de baixo máis cinco. Retranquearanse un pouco, pero o impacto visual é facilmente imaxinable. Non menos impactantes son as medianeiras dos edificios colindantes, agora máis visibles. Que é mellor? Conservar edificios baixos ou tapar con edificios altos? Hai opinións.

Necesidade de ir para atrás e de tapar o feísmo

O Pepri é un documento aprobado nos anos noventa, en plena fase expansiva do urbanismo. Despois de tres décadas seguramente lle viría ben unha volta, porque non parece moi propio dos tempos que corren seguir levantando grandes edificios na contorna da muralla.

Hai quen  e hai quen cre que se debería ir camiñando cara a atrás outra vez e baixando alturas nas novas edificacións. De primeiras, iso suporía aumentar o scalextric urbanístico que xa existe agora, con aliñacións nas que se combinan distintas alturas. E con medianeiras cegas que tampouco contribúen, máis ben ao contrario, á paisaxe urbana.

Un cuartel en ruínas a carón dunha nova praza

É probable que nun par de anos Lugo sume ao catálogo urbanístico un novo espazo peonil cunha ruína ao lado. E non unha calquera, senón o antigo cuartel de San Fernando, das poucas mostras de arquitectura militar neoclásica que quedan en España.

O Concello transformará San Fernando nunha gran praza e desviará por detrás da igrexa de San Froilán o pouco tráfico que poderá pasar polo lugar para resaltar o edificio, que leva anos pechado e esmorece ao renunciar a Xunta a facer nel o centro galego da romanización. O goberno local non desiste e busca financiamento mentres sinala á Xunta a obriga moral de contribuír.

Comentarios