Blog | A Semana do Revés

Da operación Pulpo á Disney

"PREOCÚPANOS QUE a operación Pulpo acabe sendo unha operación Disney". A frase pronunciábaa esta semana, con certa reserva, un funcionario da Deputación de Lugo, despois de que a xuíza Pilar de Lara puxera un dos focos no convenio dos traballadores da institución. No que atinxe ás axudas sociais, é o mellor de cantos hai nas administracións públicas, tal como se explica nas páxinas anteriores. É algo que xa se intuía, sen necesidade de facer comparativa. Lugo é un pobo, para o bo e para o malo, e quen non coñece en primeira persoa ou por referencias a un funcionario da Deputación e non tivo escoitado algunha vez historias de viaxes a prezos de bicoca —un deles, a Eurodisney—, de adiantos de nóminas para renovar os mobles da cociña ou de axudas para operar a miopía.
Tan mítico era o convenio da Deputación —todo era ruxerruxe, e iso que estaba ben ao xeito de quen quixera velo, no Boletín Oficial da Provincia—, que agora que se informou del, hai a quen ata non lle parece para tanto. Pode ser a impresión a primeira vista, pero se un le a letra pequena e observa as modificacións que o convenio foi experimentando co tempo, non pode sentir máis que envexa dos traballadores da Deputación. Máis aínda da que o común dos cidadáns xa tiñamos. E iso que, nos últimos anos, o fondo social foi obxecto de recortes —elimináronse as viaxes, por exemplo— e de restricións.
Se en calquera situación sería difícil de entender que un traballador (e se cumprían os requisitos, tamén fillos e parellas) tivera dereito a gafas subvencionadas tódolos anos —no caso dos cristais, sen límite de contía— a cargo do erario público, que iso se mantivera nuns tempos nos que miles de cidadáns non teñen para cubrir as necesidades máis básicas sería obsceno. Esta é unha das axudas que se limitou e un exemplo de que algunhas, máis que dereitos parecían privilexios. Parecen, porque na última negociación do fondo social, en setembro pasado, aumentouse o teito a partir do cal se concece axuda para o pago de xuros de compra de vivenda. Algún sindicato pedía que se subvencionaran integramente, xa que hoxe en día están baixos, pero a petición non foi atendida. Así e todo, da caixa pública sae diñeiro para axudar a pagar a hipoteca a traballadores con soldo fixo e traballo garantido de por vida.

O convenio da Deputación contribuíu a que na institución imperara unha paz social impropia das administracións


É obvio que, aínda que nalgún tempo había máis manga ancha, non todos os funcionarios facían un uso indebido das axudas. E seguramente tamén había quen as precisara. Din os sindicatos que hai máis soldos por baixo dos 20.000 euros dos que se pensa e persoas con circunstancias complicadas. Pero é unha realidade que houbo abusos. Recoñéceno en privado sindicatos e traballadores, e a proba é que se mellorou o control. Nalgún tempo, as viaxes xustificábanse con facturas proforma, ata que empezaron a esixirse facturas orixinais. O goberno tamén tivo que poñer límite aos recibos de tratamentos de medicina alternativa que presentaba algún funcionario.
A cuestión é por que a Deputación ten un dos mellores convenios que se coñecen. A narrativa popular di que foi o instrumento que o defunto Francisco Cacharro, e sucesores, empregaron para que o persoal vira, calara e correspondera. Sexa certo ou non, a realidade é que a paz social que imperou sempre non é propia de ningunha administración. Os traballadores chegaron a homenaxear a Cacharro na última comida de Santa Rita —con el firmaron os primeiros convenios e viviron os tempos de máis prosperidade— e polo velorio do político pasaron ringleiras e ringleiras de funcionarios.
A pesar de que a realidade é a que é, moitos traballadores da Deputación sinten que se lles critica en exceso —din, con razón, que non son os únicos traballadores públicos que dispoñen de axudas— e teñen medo a que o debate e a investigación sobre o traído e levado fondo social tape outras prácticas da Deputación que ao mellor son máis cuestionables, din.
Os funcionarios, sexan de onde sexan, adoitan replicar que se teñen unha praza pública é por que a traballaron, e que calquera podía concorrer a ela. Aínda que no caso da Deputación de Lugo, como no doutras administracións, o acceso de moitos traballadores está cheo de dúbidas. En tempos pretéritos e noutros máis recentes. Nun dos primeiros procesos selectivos do bipartito, todo era dicir que as cousas cambiaran, que os amaños se acabaran. Pode ser que fora así, pero as dúas persoas que o ruxeruxe facía favoritas antes do primeiro exame foron as que gañaron as prazas.
É certo tamén que os traballadores da función pública adoitan levar o sambenito de privilexiados cando non sempre o foron. Houbo unha época na que a vida se gañaba moito mellor na empresa privada e ser funcionario case era de paparóns. Así mesmo, empezaron a perder poder adquisitivo moito antes da crise a cambio de melloras, como días libres, que despois tamén lles recortaron. E logo está o que supón ser funcionario, firmar papeis, nos tempos que corren, co xudicializado que está o desempeño político e administrativo. Con todo, os traballadores públicos xa están no camiño da recuperación de dereitos e quédalles o verdadeiro privilexio de hoxe en día, ter asegurado un traballo para toda a vida.

Comentarios