viernes. 06.12.2019 |
El tiempo
viernes. 06.12.2019
El tiempo

Redactora de El Progreso na sección de Local. Especialista en información da área municipal. Tamén podes seguirme na miña conta de Twitter.

O Concello, cliente difícil

Concursos desertos e firmas que rexeitan prórrogas ou non repiten empezan a ser habituais

Lara Méndez. XESÚS PONTE
Lara Méndez. XESÚS PONTE

RECORDABA SEMPRE Orozco, que cando el chegou á alcaldía, as empresas non querían traballar para o Concello polo tarde que pagaba este. Nos seus mandatos corrixiuse a situación, pero volveu a empeorar e, nalgúns momentos e nalgúns servizos, hai quen tarda en cobrar. Porén esta non é a única razón, nin probablemente a de máis peso, para que algunhas firmas renuncien a agotar os tempos de contrato e outras opten por non repetir.

A navarra Idea, que xestiona o centro de día Antonio Gandoy, acaba o contrato este mes e, salvo que as condicións do novo sexan mellores, non prevé presentarse. De momento segue, porque llo pediu o Concello e porque non pode —nin o faría, asegura— abandonar ata que haxa novo xestor. A firma asegura que o contrato lle dá perdas porque xa era moi axustado e porque o Concello non lle actualiza o IPC, di. E, por riba, quéixase de que tarda unha media de dous meses en cobrar e que ten que tirar da súa tesourería para pagar as nóminas.

En 2014, a lucense Alalás xa decidira non volver a presentarse porque "as contas non nos daban", di o xerente. Alalás vivira varias vicisitudes, dende denuncias de extraballadoras por mala atención aos usuarios a un polémico accidente dun empregado, pero non influíron na decisión, asegura.

Algúns empresarios explican que as condicións técnicas e/ou económicas dalgúns contratos públicos son "leoninas" en moitas administracións, porque ademais estas non están obrigadas a actualizar o IPC pero os gastos de funcionamento suben, alegan. Anos atrás, a escaseza de licitacións nalgúns ámbitos favorecía que houbera moita competencia e que as ofertas foran moi axustadas e ás veces pouco realistas.

Con todo, nos últimos anos varios concursos quedaron desertos, o que apunta a que quizais os canons ou os estudos de custos non están moi afinados. Semella que foi o que pasou coa axuda no fogar, que dende 2016 xestiona Valoriza e volverá a saír a concurso porque a empresa renunciou aos dous anos de prórroga. No anterior prego non se especificaba o custo da quilometraxe, grande nun concello tan extenso e rural.

Noutros casos nos que as empresas renuncian a seguir probablemente teñan moito que ver as investigacións xudiciais. Sucedeu con Sermasa (Grupo Vendex), que decidiu non volver a competir polos museos municipais, e Cechalva, a empresa da grúa. Sermasa di que as razóns de non concurrir quedan dentro da empresa, mentres que Cechalva sostén que non lle resulta rendible, a pesar de que, para moitos, o contrato é "leonino", pero para administración. A empresa recauda uns 40.000 euros ao mes polos coches que retira e o Concello compénsalle o que lle custa prestar o servizo, uns 450.000 euros ao ano, segundo as contas que presenta a empresa. O servizo municipal de intervención míraas con lupa e en ocasións iso demorou os pagos e o cobro por parte dos traballadores.

Por unhas razóns ou por outras, para moitas empresas, o Concello de Lugo non parece que sexa un cliente fácil.

Espazos que ninguén quere
O Concello mantén espazos e servizos sen uso, pero habería que saber se é porque non hai interese neles, porque non se ofrecen (no Mercado e na Praza hai postos baleiros dende hai anos) ou porque as condicións nas que se ofertan non resultan rendibles. A cafetería do Uxío Novoneyra leva tempo pechada e para a do Vello Cárcere só houbo un candidato, que non cumpría requisitos. A limitación do horario puido influír.

Empresas ‘da casa’
Hai contratos que non lles resultan atractivos ás empresas e outros nos que as adxudicatarias levan case unha vida porque o Concello non renova os concursos, o que acaba de motivar unha denuncia do PP á alcaldesa por presunta prevaricación. Un exemplo é Gestagua (potabilizadora e depuradora). Mantén que a situación lle perxudica porque non se actualizan custos. Tampouco se arrisca a perder o contrato. 

Contratos con picaresca
Cando os contratos interesan, as empresas amárranos ben. Os polbeiros do San Froilán forzaron cambios nas bases para, por exemplo, poder subir o prezo da ración, debido ao encarecemento en orixe. Os pregos non prevén penalización por renuncia, o que provocou que un hostaleiro pedira dúas casetas para eliminar competencia pero coa intención de explotar só unha, segundo asegurou.

O Concello, cliente difícil
Comentarios