O BNG tomoulle a dianteira ao socio de goberno ao anunciar unha campaña para impulsar o empadroamento daqueles veciños que viven no municipio e aínda non están censados. A xogada, a propósito dun análise de poboación realizado por este diario, resentiu ao PSOE, que lembrou que xa a alcaldesa, Lara Méndez, levaba esa idea no seu programa electoral. Dá o mesmo porque, como ámbolos dous din unha e outra vez –quizais é a maneira de convencérense a si mesmos– Lugo ten un goberno e non dous e as accións teñen que ser transversais. E dá igual porque aínda non se sabe en que consistirán esas campañas. De momento non hai máis ca intencións.
Non van nin cen días dende a formación do goberno, pero do mesmo xeito que, se hai algo pensado e o tema salta á actualidade, quizais era o momento de dicir algo máis, non parece menos evidente que cumprir o reto de acadar os 100.000 habitantes oficiais precisará algo máis ca que se inscriban os que aínda non o fixeron. A alcaldesa apela a, entre outros, os estudantes universitarios, pero non semella que sexa fácil motivar esta poboación. Por exemplo, o acceso á tarxeta cidadá, que rebaixa o prezo do bus, non precisa padrón. Poden estudarse outras maneiras, como descontos nas actividades culturais e facilidades para atopar e para pagar vivenda, que seguramente é unha das cuestións que máis lles preocupa aos universitarios que chegan a Lugo, pero isto supón un esforzo e uns recursos que quizais non están nas mans do Concello.
Outra cousa é lograr que parte deses mozos queden na cidade cando rematen de estudiar, o que pasará porque atopen a maneira de desenvolver a súa actividade económica aquí. E para iso fai falta certo dinamismo. O factor que máis inflúe en que a xente non emigre dun territorio e en que este capte poboación doutros é a actividade económica, sostén o sociólogo Elías Trabada, tamén experto en urbanismo.
Hai que lograr que a xente non marche de Lugo –segundo o Ige, na última década máis de 13.000 persoas desprazáronse a outras comunidades e a o estranxeiro– e hai que incentivar a natalidade, obxectivo se cadra aínda máis difícil. Trabada ten clara a fórmula: máis estabilidade laboral e mellores salarios, vivenda de aluguer social e privada con renda asequible e acceso xeralizado a prazas públicas de garderías, di. Neste momento, a cidade ten sete garderías públicas, tres da Xunta e catro do Concello, e varios centos de familias quedan fóra cada curso. O presidente do Goberno galego acaba de anunciar a gratuidade da ensinanza de 0 a 3 anos a partir do segundo fillo dende o primeiro trimestre de 2020. É un paso.
De momento, Lugo leva anos con saldos vexetativos negativos e o crecemento poboacional pasa pola inmigración que fuxe en busca de seguridade e de sustento e que, en Lugo como noutras cidades, vese abocada a rendas sociais e a empregos precarios –por salarios ou por condicións–, habitualmente na hostalaría, na construción, a agrogandería e o sector forestal. Sempre serán necesarios estes empregos, pero impulsar á vez sectores produtivos de maior valor engadido é quizais o maior reto da cidade de Lugo.