Blog | A Semana do Revés

Cocido de xabaril

A idea de potenciar o consumo de porco bravo mostra o verde que está o plan para controlalo

Femia de xabaril con cría nunha finca chea de maleza no centro de Monforte. TOÑO PARGA
photo_camera Femia de xabaril con cría nunha finca chea de maleza no centro de Monforte. TOÑO PARGA

Ou se descubren novas propiedades culinarias do xabaril —a Xunta quere potenciar o seu consumo— e o porco bravo se incorpora ao cocido galego ou o Concello de Lugo vai ter que modificar as funcións da Policía Local para incorporar o pastoreo deste animal silvestre co que tanto simpatizan algúns colectivos e partidos políticos.

A poboación —tamén os medios de comunicación— levaba anos advertindo do problema que supón o xabaril para a seguridade viaria e, sobre todo, para os cultivos, sen que as administracións desen resposta acorde á envergadura do problema e sen que sentasen á mesa a todos os implicados. Non o fixeron ata hai uns meses, cando o xabaril empezou a pasearse polas rúas e os parques da cidade case como as pombas e o goteo de coches golpeados nos talleres empezou a ser constante. Os sindicatos agrarios consideraron a reacción da Xunta —necesaria— case un insulto e ás poucas semanas o Goberno galego anunciaba que este ano reactivará as axudas por danos en cultivos.

A pesar de que o xabaril pasou de ser unha especie case exótica a un animal familiar, o problema no que se convertiu a aparente superpoboación —non hai censos rigorosos— colleu verde á Administración autonómica, que é a que ten máis competencias na xestión do territorio e da fauna silvestre. A proba é que o grupo de traballo que a Xunta promoveu en Lugo leva meses poñendo sobre a mesa opcións para reducir Cocido de xabaril o número de porcos bravos e para afastalos da cidade, solucións que foron variando e que non acaban de poñerse en marcha. Falouse de esperas nocturnas, de caza a cargo de experimentados cazadores que irían acompañados de axentes medioambientais e de policías, de rozas, de gaiolas e, o último, de sacrificio con arco.

Non é un asunto fácil. Son animais fortes e de reacción imprevisible e non se trata de actuar no medio do monte, senón na contorna dunha cidade, con todo o que iso supón. O primeiro, a delimitación de competencias, un aspecto que se complica cando as administracións implicadas son de distinta cor política, como é o caso. A Xunta e o Concello repróchanse responsabilidades —ao principio máis que agora— porque ambas acabaron decatándose de que, se hai un suceso tráxico, os afectados e a opinión pública non van distinguir á hora de sinalar culpables. Por isto e porque hai veces nas que, á marxe das loitas partidistas públicas, detrás dos focos imponse a cordura e hai vontade de entendemento. Ao fin e ao cabo, na política tamén se está para solucionar os problemas dos cidadáns.

Por se o panorama xa non fose abondo complicado, as presións dos animalistas, con denuncia incluída na Fiscalía e advertencia de prevaricación, introduciu novos elementos de dúbida.

En resumo, as solucións non acaban de chegar e o problema ameaza con aumentar cando as femias empecen a parir. O cocido de xabaril non semella unha opción nunha terra na que sabemos moito de cocidos, así que algo vai haber que facer.

Comentarios