jueves. 09.04.2020 |
El tiempo
jueves. 09.04.2020
El tiempo

Redactora de El Progreso na sección de Local. Especialista en información da área municipal. Tamén podes seguirme na miña conta de Twitter.

Co de comer non se xoga

É BEN certo iso de que coa comida non se xoga, alomenos neste país, porque hai que ver a que se montou nesta cidade co polbo de San Froilán. A adxudicación da maioría do negocio a unha empresa descoñecida polo público, con sede social en Madrid -aínda que con socios lugueses- e ningunha relación coa hostalería provocou tal sorpresa e descolocou tanto aos puxadores locais -presumían seguro o negocio despois de toda a vida repartíndoo- que o asunto traspasou fronteiras. Ata na feira Franca de Pontevedra, celebrada días despois con presencia tamén de grandes polbeiros de Lugo, se falaba do tema.

Algún dos hostaleiros prexudicados ameazan con impugnar a poxa no xulgado, aínda que polo momento non hai ningún dato que apunte a que houbera irregularidades. O que houbo foron cambios tan grandes, e tan pouco e tan mal explicados, que aínda hoxe é difícil dilucidar se foron acertados e imposible saber se a única motivación foi «favorecer a participación e a competencia» ou se, pola contra, se buscaba prexudicar ou favorecer a alguén en concreto. Non se trata de pensar mal, é o que sucede cando se regatean explicacións e cando ademais son contraditorias.

Segue sen estar claro, por exemplo, se os técnicos foron por libre, como deron a entender os políticos, ou se cambiaron as bases co coñecemento e/ou o impulso da concellería de cultura e do goberno en xeral. Se a decisión foi dos técnicos, só caben dúas formas de actuar: ou se confía neles, e nese caso explícanse as motivacións meridianamente e deféndese a decisión de xeito firme, ou do contrario actúase en consecuencia e esíxense responsabilidades a quen tomou a decisión. Ningún dos feitos se produxo e iso deu lugar ao peor escenario posible: unha cidade que ou dubida das intencións municipais ou da súa capacidade.

Os cambios na poxa do polbo provocaron un resultado sorprendente e de efecto impredecible


Porque logo hai unha segunda parte. Causa aínda máis estupefacción que, durante case dúas semanas, e ás portas do San Froilán, o goberno mantivera que non sabía nada, por moito que a firma estivera en prazo, porque a realidade é que estamos a tres semanas do San Froilán e aínda non se sabe se a empresa vai poder cumprir. Se esa falta de comunicación fora verdade, non se podería alcanzar maior nivel de irresponsabilidade. Pero como nesta cidade todo se sabe, non foi difícil comprobar que si houbo conversas entre as partes. De novo a pregunta é por que Basadre o negou e por que o resto do goberno o mantivo. Ou non o sabía? Calquera das respostas é inquietante.

E como non hai dúas sen tres, o asunto aínda se enturbou máis cando se confirmou que a adxudicataria negociaba cos hostaleiros prexudicados para cederlles parte do negocio, supostamente porque a firma se atopou con máis casetas e caldeiros dos que podía xestionar e porque os restauradores lugueses non se resignaban a quedar sen tallada. Os amaños entre os poxadores non son novos. Tampouco a súa gravidade, xa que se especula con solo público, pero este ano subiu varios graos porque unha das partes é nova e polo escurantismo co que se desenvolveu o concurso público.

É grave, pero tamén curioso, que a cidade se leve as mans á cabeza con este asunto cando hai contratos municipais bastante máis grandes que levan anos en precario. Dende hai un lustro, o Concello paga máis de tres millóns de euros a Gestagua pola potabilizadora e a depuradora en base a un contrato caducado. O PP leva anos advertindo dos cartos que se perden por non renovar este e outros contratos e Lugonovo sumouse á denuncia. Tampouco a cidadanía se alporiza tanto con verdadeiros problemas de país, porque son estruturais, como os do sector lácteo, cárnico e pesqueiro ou os incendios.

O que é seguro é que o nerviosismo que se xerou co polbo tería sido menor se non estiveramos a tres semanas das festas. Se o concurso se tivera feito con meses por diante e tempo para ver se o novo adxudicatario era quen de ofrecer o servizo ou para deixar paso aos seguintes.

Non se sabe como vai acabar a película. A alcaldesa tomou as rendas e anunciou unha entrevista cos adxudicatarios, no que parece unha desautorización á concelleira de cultura. Sen tempo non foi, opinan moitos, porque Basadre é un dos membros do goberno máis veteranos (entrou en 1999) pero tamén dos máis controvertidos. Hai xusto un ano, estaba nos faladoiros porque se sospeitaba que os concertos de San Froilán pasaran polas mans do seu fillo, que anos antes xa se vira implicado nun escabroso episodio cando traballaba nun centro municipal a través da empresa que o xestionaba. Non foron estes os únicos tropezos de Basadre, pero aínda así nunca deixou de ter responsabilidades importantes e sempre formou parte do círculo máis próximo ao exalcalde. Pode que algunhas cousas cambiaran, pero outras parece que non.

Co de comer non se xoga
Comentarios