jueves. 09.04.2020 |
El tiempo
jueves. 09.04.2020
El tiempo

Redactora de El Progreso na sección de Local. Especialista en información da área municipal. Tamén podes seguirme na miña conta de Twitter.

Circo e outras bicharías

ALGO DEBE estar cambiando neste país cando ata o representante dun circo -o Gottani, que estes días está en Lugo- recoñece que os espectáculos con animais están chamados a desaparecer. Non alega razóns de benestar das criaturas, senón os problemas e a oposición, cada vez maiores, que atopan cada vez que chegan a unha vila ou a unha cidade. Semella sincero, como cando di que, mentres poidan, seguirán sacando animais á pista porque «es lo que el público pide. Si el público viniera igual, nosotros no los sacaríamos», afirma. E seguramente ten razón. Levar un neno a ver un elefante é quizais unha das poucas maneiras de motivar a un cativo hoxe en día, no que a maioría das infancias van sobradas de estímulos.

A chegada do circo Gottani a Lugo volveu provocar críticas dalgúns cidadáns e da asociación animalista Libera, ademais da intervención dalgúns grupos políticos. O BNG agarrouse a un acordo que o pleno adoptou en 2014, por unanimidade e ás súas instancias, para prohibir os circos con animais. O problema é que ese acordo non se traduciu en ningunha norma e, coa Lei de Emprendemento de Galicia na man, a actividade só podería prohibirse se se levara a cabo en terreos públicos -o que non sucede- ou se as instalacións non cumpriran os requisitos que marca a normativa. O Concello deixou que actuara, así que suponse que todo está en orde. Tampouco considerou que as instalacións que aloxan os animais supuxeran unha ameaza para a seguridade cidadá, como advertiu Libera. Así que o circo continúa, a pesar do ruído que se xerou quizais dun xeito un tanto artificial, porque non parece que o uso de animais en espectáculos estea entre as principais preocupacións dos lucenses. O que non quere dicir que non sexa un problema.

A protesta semella artificial tamén porque, aínda que lexítima, é algo fácil. Non son moitas as veces que hai que mobilizarse, unha ou dúas ao ano, e adoitan ser protestas moi vistosas, precisamente polo vistosos que son os animais que defenden. Na Protectora hai a diario uns 400 cans que non viven nas mellores condicións, a pesar do nunca suficientemente recoñecido traballo do persoal da entidade e dos voluntarios que, dun xeito ou doutro, miran por eles. E neste país seguen véndose cans atados a cadeas. Con seguridade, as persoas que se indignan polo circo tamén rexeitan estoutras situacións, pero estas non adoitan ser obxecto de tantas mobilizacións.

Por non falar do case absoluto silencio que hai sobre a desaparición de especies no noso territorio e o consecuente desequilibrio dos ecosistemas. Só algunhas voces coñecedoras e concienciadas alertan de situacións como a que se dá na Chaira luguesa. As extensas plantacións de millo transxénico, que xeralmente levan asociados produtos como biocidas moi potentes e un tipo de abono moi intensivo, que adifica o solo, deixa superficies ermas. «Cando a xente ve un campo de millo ten que saber que o que está vendo é un deserto; o que pasa é que é un deserto de cor verde, e parece que non preocupa tanto. Pero son espazos practicamente baleiros de vida», afirma o biólogo Xabier V. Pumariño.

Facer compatible a actividade humana coa preservación da natureza é un asunto pendente en moitos lugares e tamén neste país. O lobo debe ser conservado, pero non é xusto que os gandeiros teñan que afrontar o custo de conservar a especie, porque a realidade é que o fondo da Xunta para indemnizacións non chega a nada. Do mesmo xeito que resulta incomprensible que non haxa un plan de xestión do xabarín, á vista do crecemento que experimentou a especie nas últimas décadas, e que a única medida de control sexa a caza.

A falta de conciencia con algúns problemas da natureza contrasta coa sensibilidade desproporcionada -ata irracional e ridícula se podería dicir- que amosan algunhas persoas cos animais. En 2009, unha asociación estadounidense criticou a Obama por matar unha mosca que o incordiaba nun programa de televisión. Unha cousa é o encarnizamento ou o maltrato gratuíto, pero que un xuíz tivera que ditaminar que afalar a unha vaca cunha vara non é maltrato, como sucedeu este ano en Lugo, dá idea de como ás veces o ser humano perde o norte. Evitar ou reducir ao máximo o sufrimento aos animais nos ensaios científicos é obrigado, pero oporse a eles mentres non haxa alternativas -hai quen as está buscando, é certo- para avanzar na saúde humana, e tamén na animal, quizais é irresponsable.

Non parece casual que, a miúdo, persoas que se din animalistas nunca viviran na natureza, onde todo o mundo sabe que o equilibrio é imprescindible e que as persoas son persoas e os animais, animais.

Circo e outras bicharías
Comentarios