Blog | El reverso de la semana / A semana do revés

Unha cidade que tire

Promocionar Lugo e captar investimento é necesario e parte do éxito depende de que se mostre como unha urbe coidada e que funciona
Imaxe de arquivo da alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, na parcela que ocupa o edificio Impulso Verde
photo_camera Imaxe de arquivo da alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, na parcela que ocupa o edificio Impulso Verde

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, recibirá o luns un equipo de quince expertos de tres continentes, membros do Programa de Economía Forestal Inteligente por el Clima, unha iniciativa que en esencia ten como obxectivo velar polo aproveitamento sostible dos bosques. Veñen coñecer o Impulso Verde, un edificio de carácter eminentemente demostrativo da arquitectura sostible e de uso dun recurso autóctono como é a madeira, dous eixos nos que traballa o goberno. 

Defende o equipo de Méndez que o Impulso Verde é un proxecto referente —di que ata a Xunta o usa nos seus foros forestais— e que é unha forma de "chegar a sitios e de captar investimentos que doutra maneira sería moi difícil. Estanos abrindo as portas a foros internacionais sen que o pidamos", di. Saír fóra e dar a coñecer Lugo nunca é malo, sobre todo nun momento no que, despois do freo da pandemia, había investidores buscando proxectos nos que meter o diñeiro. 

O panorama cambiou debido á crise económica e de seguridade, pero precisamente porque se volveu aínda máis complexo, se Lugo quere atraer capital, como pretende a través do fondo municipal Lugo Transforma, semella fundamental que a cidade funcione e ofreza certezas. Lentitude para obter licenzas de obra, por moito que un chisco se estea mellorando nos prazos, como apuntan algúns arquitectos; anulacións xudiciais de tasas, por moito que algunhas precisasen actualización tras, nalgún caso, décadas sen variacións; enormes dificultades para alugar vivenda, con prezos que non son propios dunha urbe como Lugo —por riba dos 500 euros, máis gastos, a 200 metros da muralla— e locais comerciais pechados por tódolos lados son algúns dos problemas que sofre a cidade e que condicionan a súa evolución. Que Santiago lle acabe de pasar por diante en poboación non é casual.

A capital lucense tamén ten fortalezas, que non por manidas deixan de selo. Solo industrial dispoñible; un campus que xera investigación e do que xorden empresas, ademais de persoas formadas e potenciais traballadores; un hospital punteiro, ou un patrimonio que a fai única son algunhas. E tamén a xestión municipal mellorou nalgúns aspectos, despois de anos terribles de parálise e descontrol. Por moito que a oposición sinale as facturas que hai pendentes de pago, pódese dicir que agora en termos xerais o Concello paga en prazos razoables, como sinalan os informes do Ministerio de Hacienda, e para os autónomos e pymes, que en Lugo son a maioría, non é un tema menor.

O tempo acabará dicindo se a transformación urbana que se está levando a cabo por vontade política e case por imperativo legal (da UE), como as peonalizacións e outras reformas que restan espazo aos coches para darllo a peóns e ciclistas, resulta un acerto ou un erro. Doutras cousas non hai dúbida. A mellora do aseo urbano, que debera empezar en breve coa nova empresa adxudicataria, resulta imprescindible. Para que a xente e as empresas queden e veñan, Lugo ten que amosarse como unha cidade coidada e que funciona.
 

Lara Méndez vai camiño de converterse nunha alcaldesa omnipresente

Lara Mendez chegou á alcaldía en 2015 cando ese non era o plan e facerse coa situación levoulle un tempo. Non só por inexperiencia senón polo campo de minas que era o Concello: un equipo que non fixera ela, un goberno de oito concelleiros fronte a dezasete en cinco grupos da oposición, asuntos atascados e xudicializados e un cadro de persoal escaso, desorganizado e ata insubordinado nalgún caso. A socialista tardou en saír do despacho, pero agora a súa axenda dentro e fóra del é difícil de seguir. Está en todos os sitios a todas as horas, sexan as festas das Gándaras sexa escoitando os camioneiros, a pesar de que pouco pode facer por eles. A parte menos positiva desta voráxine é que o tempo non dá para todo e tamén hai que xestionar.
Ramon Carballo e Antonio Ameijide repártense os roles na oposición

Os roles de Ramón Carballo e Antonio Ameijide na oposición municipal máis dun. Se, como todo apunta, a día de hoxe Carballo, voceiro municipal, é o candidato no que pensa o partido para volverlle disputar a alcaldía a Lara Méndez, resulta chamativo o perfil baixo que ten no Concello. Foi así dende que en 2019 chegou ao consistorio. Vese ben nos plenos, onde o peso sempre o levou Ameijide. O coñecemento que este ten do Concello, onde leva dende 2011, é un punto a favor, o mesmo que o dominio das novas maneiras de comunicar, a través das redes sociais. Os seus vídeos-denuncia son todo un éxito. Pode que tamén haxa estratexia: Ameijide exerce o rol de poli malo e Carballo, o de oposición en positivo, que desgasta bastante menos.

Comentarios