Blog | A Semana do Revés

Se os cidadáns se opoñen

A mobilización das familias da Anexa obrigou á Xunta e á USC a entenderse
Manifestación de familias da Anexa. SEBAS SENANDE
photo_camera Manifestación de familias da Anexa. SEBAS SENANDE

Os nenos do colexio Anexa seguirán usando o pavillón da facultade de Formación do Profesorado, que llelo cedeu hai anos, e os estudantes do grao universitario empregarán o do Politécnico. O acordo alcanzárono esta semana a Xunta e a Universidade, responsables de cadansúa instalación, pero non tería sido posible sen a presión das familias da Anexa. Non hai probablemente nada máis mobilizador que os fillos, e as nais e os pais deste colexio saíron á rúa e fixeron ruído para que os seus nenos non perderan un equipamento que lles permite facer ximnasia e actividades extraescolares e que os resgarda da choiva nos recreos.

Non fixeron falta moitas protestas nin algarabías porque a razón estaba do seu lado e iso precipitou a solución. Para ganar batallas é fundamental que así sexa porque, aínda que non é o habitual, ás veces hai mobilizacións que van xustas de argumentos. Igual de imprescindible é que sexa posible dar solucións. Aquí habíaas e o sucedido é a demostración de que, cando os cidadáns se poñen, aos políticos non lles queda outra que andar e entenderse.

Probablemente non hai nada máis mobilizador que os fillos, e ese factor foi clave na resposta dos pais de Anexa

Non é a primeira vez que algo así sucede na cidade. O Concello tivo que modificar o trazado do carril bici nalgunhas rúas da cidade ou facer axustes despois de que os vecinos lle fixeran ver fallos e as prazas de estacionamento que perdían.

Non chegou a haber grandes mobilizacións, a pesar de que é un proxecto que xera moita controversia entre os cidadáns. Tanta que, mentres os grupos da oposición a alimentan, os do goberno manteñen silencio respecto a el. Só o racha o BNG de vez en cando por necesidade, para aclarar ante a opinión púbkica que é unha obra do PSOE.

Pero se nos últimos anos houbo unha mobilización cidadá con maiúsculas foi a levada a cabo para lograr servizos sanitarios no Hula que estaban comprometidos e non acababan de chegar, como Hemodiálese e Radioterapia. Acabou politizada, como está agora a do tren, onde a voz máis alta é neste momento a do BNG. A diferenza é que esta loita que non ten nin de lonxe a forza da primeira. E é unha mágoa, porque sen saúde non vivimos, pero sen comunicacións é difícil sobrevivir.

Cuestión de orgullo: preservadores do patrimonio

Os cidadáns tamén son clave para a preservación e a valorización do patrimonio. Mariña Patrimonio, Patrimonio dos Ancares, o Foro do Camiño ou O Sorriso de Daniel son só algúns dos colectivos que traballan con esa finalidade na provincia. A miúdo están integrados por persoas preocupadas, apaixonadas pola historia e perseverantes nas súas loitas, que de vez en cando dán froitos. En Cospeito, a Xunta e o Concello ao fin van botar unha man pola deteriorada Torre de Caldaloba. Máis preto, en San Xoán de Pena, os vecinos andan emocionados polas excavacións que están a confirmar unha igrexa perrománica. A pasión dos particulares abre moitas veces a porta a recuperar o patrimonio.

Modelo de cidade: causas máis difíciles

Hai causas, nobres tamén, que supoñen unha verdadeira loita de David contra Goliat. Unha pode ser a emprendida polo Foro do Camiño e Adega para evitar que se constrúa na esquina de San Roque e a Ronda da Muralla, ou alomenos para que non se edifique tanto como acordaron os propietarios, o Concello e a Xunta. Semella difícil acadar este obxectivo porque nalgunhas batallas o altofalante político é crucial e esta non conta con ningún. O PSOE e o PP non entran porque son parte e o BNG e Cs de momento non se mollan. E outra dificultade desta guerra é que o lugar precisa unha solución urbanística e non parece doado atopar unha. Houbo batallas urbanística previas, como a do Garañón.

Comentarios