Blog | A Semana do Revés

Cara a onde mira Elena Candia?

Mondoñedo, Lugo ou Santiago? O futuro da líder provincial do PP e vicepresidenta primeira do Parlamento é unha incógnita
Candia y Ameijide, en la reunión de la junta directiva. XESÚS PONTE
photo_camera Elena Candia e Antonio Ameijide, recentemente na sede do partido. XESÚS PONTE

Que Elena candia está nun bo momento non se pode negar. En outono foi reelixida secretaria provincial sen rivais e por aclamación; Alberto Núñez Feijóo elevouna á dirección nacional do PP, e acaba de estrearse como vicepresidenta primeira do Parlamento, un deses postos que non dá problemas.

Semella que Candia (Mondoñedo, 1978) está recibindo a recompensa a case vinte anos —os mellores da súa vida, ten dito— de absoluta dedicación á política, na que soubo aproveitar golpes de sorte, como cando o socialista Manuel Martínez lle entregou o goberno da Deputación, e na que tamén tivo que tragar sapos. Algúns non moi lonxanos, como ter renunciado á alcaldía da súa vila contando cun posto no Goberno galego que nunca chegou ou refacendo o seu equipo na provincia para volver a incorporar a José Manuel Balseiro, que seguramente é, xunto a Candia, un dos membros do PP lucense con máis peso a nivel orgánico, a pesar de non ter o protagonismo de hai uns anos.

Candia e o PP terían que articular un discurso que explicase a mudanza política da mindoniense á capital, se ese fose o seu desexo

Non se pode dicir que a Candia lle viñera nada feito, agás a oportunidade política e o apoio que en distintos momentos lle deron o propio Balseiro e o hoxe senador José Manuel Barreiro. Por iso os lucenses, dentro e fóra do partido, agardan con impaciencia por saber cal é o seguinte obxectivo dunha política que ten demostrado ambición e capacidade e que goza da confianza dos líderes do PP.

Contan que o breve paso pola presidencia da Deputación lle deixou ganas de máis. O posto vaille como un guante, xa que o habitual é que unha mesma persoa teña o poder institucional e o orgánico, como sucedeu no PP no pasado e como acontece agora no PSOE. Nese caso, Candia podería repetir na lista de Mondoñedo ou ir na da capital, fórmula que empeza a sonar tamén nalgúns sectores do partido. Tería que deixar a súa vila, que na práctica segue gobernando, e coa que está moi identificada no persoal, porque alí ten a súa residencia, e tamén no político.

Se quixese dar o salto á capital, como número dous ou incluso encabezando a lista, como empeza a especularse, Candia e o PP terían que articular un discurso que explicase esa mudanza política. Lexítima pero que sen dúbida sería chamativa.

Unha operación política de alto risco

A alcaldía de Lugo non apunta fácil para o PP, cun Vox en auxe e un Cs que en Lugo igual non sofre a desfeita doutros lugares. Volver perder o goberno da cidade será unha desgraza para quen lle toque asumir o reto, pero se quen perde é a presidenta do partido, o fracaso non será menor. Porén, nunca nada está escrito, e menos en política, cunha persoa que ten arroxo e moito interese en gañar a capital —por recuperala para o PP tras cinco lustros e porque é clave para a Deputación— e cando, a un ano das eleccións, o partido segue sen candidato. Unha mindoniense enfrontándose a unha cervense? Hai apostas.

 

Paula Prado marca o camiño para o congreso local

Se se cumpre a palabra da nova secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, o PP de Lugo terá que facer o congreso local para renovar a dirección. Esta semana, nunha entrevista radiofónica, Prado dixo que o PP non actúa con bicefalias, senón que quen preside o partido é o candidato á alcaldía. Se, como parece, Ramón Carballo deu un paso atrás, non quedaría outra que facer congreso, unha operación na que algúns ven risco porque podería abrir a porta a máis dun candidato. Se se atende a quen leva o peso e o protagonismo do PP na cidade, o mellor situado é o concelleiro Antonio Ameijide. Pero na vida o único seguro é a morte.

Comentarios