miércoles. 01.04.2020 |
El tiempo
miércoles. 01.04.2020
El tiempo

Redactora de El Progreso na sección de Local. Especialista en información da área municipal. Tamén podes seguirme na miña conta de Twitter.

Cansa a democracia?

A oposición apreta ao goberno a conta do incumprimento dos acordos do pleno

DIXO DANIEL PIÑEIRO, concelleiro de goberno en Lugo, que Carlos Portomeñe, único representante de Ace-EU no Concello, quizais buscaba "facerse notar" cando utilizou a súa primeira intervención no pleno desta semana para anunciar que se marchaba, que o deixaba, que non aguantaba máis a "pantomima" de aprobar unha moción tras outra e non ver cumprida case ningunha. Que buscaba protagonismo parece bastante evidente nun político ao que non se lle pode achacar falta de ideoloxía, de coherencia e de traballo, pero que quizais goza en exceso da política espectáculo. Ninguén dixo que non sexa importante algo de teatro, e ata necesario, pero, con Ace-EU, ás veces un ten a sensación de que lle pode máis destruír ca construír. 

No caso de Portomeñe, hai que dicir que o espectáculo non adoita ser gratuíto, senón que ten moita base. O concelleiro buscaría a foto e o titular –quen non o fai–, pero está cargado de razón. A proba é que o resto da oposición entrou ao trapo, que seguramente era o que buscaba o voceiro de Ace-EU. Prodúxose un auténtico estourido de queixas porque todos os grupos coinciden en que o nivel de cumprimento dos acordos plenarios é ridículo. Abriuse un debate que ben pode quedar en nada ou ter consecuencias moi serias. 

O voceiro do PP, Jaime Castiñeira, advertiu de que, se o goberno segue sen executar os acordos de pleno, haberá que esixirlle responsabilidades. Non dixo como, seguramente porque non ten fácil facelo, agás que colla o camiño do xulgado. E nun Concello que xa está tan xudicializado, pode que non todo o mundo entenda a medida. 

O que parece evidente é que a corporación debe tomar outro camiño, porque os plenos son unha perda de tempo para os políticos e os funcionarios –¡co que teñen que facer!–, ademais de cartos, e os cidadáns sacan pouco ou nada en limpo. Vai un ano de mandato e xa se aprobaron máis dun cento de proposicións, moitas por unanimidade e algunhas de moito calado, como a remunicipalización de varios servizos ou, esta mesma semana, a posta en marcha dunha renda municipal básica. 

Mellorar a regulación semafórica en cruces conflitivos ou implantar un sistema que permita ás persoas xordas comunicarse cos servizos de emerxencia –outros dous acordos tomados no último pleno– non debería ser difícil de facer. En realidade non debería ser preciso que a oposición tivera que instar ao goberno a semellante labor. Nin a oposición debera enredar no pleno sobre quen foi o primeiro en ter a idea ou sobre que sistema tecnolóxico é mellor. 

E uns e outros son responsables de que os acordos non se cumpran. O goberno máis, que para iso goberna, e, ademais, non se corta dicindo si a gran parte das mocións da oposición –non terá moita capacidade de execución, pero vontade ponlle– nin pedindo a outras administracións. Mesmo accións en campos nos que o equipo municipal non o fai mellor. O PSOE volveu esta semana co requerimento á Xunta de que faga gratuíto o párking do Hula cando o Concello non foi capaz de explanar e de acondicionar a parcela na que prometeu o leirapárking unha ducia de veces, ao pouco. O orzamento municipal está en vigor dende o 21 de maio, a finca é propia, non hai trabas urbanísticas e a Xunta xa dixo hai tempo como se debe de protexar a mámoa que hai no terreo, pero tampouco no pleno o goberno explicou que sucede con este proxecto. 

Facer proposicións e aprobalas en pleno custa tan pouco que a maior parte das veces preséntanse á lixeira. Estaría ben que o PSOE chegara á Xunta para ver se facía gratis o párking do hospital, e como o facía, porque a empresa que o xestiona ten uns dereitos adquiridos. E non estaría mal ver ao PP gobernando o Concello de Lugo para comprobar se era capaz de reimplantar a Ora na cidade, gratis e xestionada pola administración. 

Pode que tamén a Lugonovo lle viñera ben entrar no goberno para ver en primeira persoa a dificultade de xestionar un concello, e máis o de Lugo, polas razóns mil veces explicadas, así como as implicacións que teñen determinadas proposicións, como a de establecer unha renda social. E seguramente ao PSOE lle viñera ben que Lugonovo se sumara, porque non anda sobrado de cabezas e de acerto. 

Cando non ían máis que dous ou tres plenos, o voceiro desta nova formación dixo que as sesións eran "un pitorreo". Esta semana púxose máis serio e lembrou as vidas dos que loitaron pola democracia e quedaron polo camiño, como para agora deixar que a democracia se desvirtúe, dixo. No goberno municipal hai quen cre que o que sucede é que a oposición decátase de que a democracia cansa. É laboriosa, dende logo, pero o problema parece ir moito máis aló.

Cansa a democracia?
Comentarios