Blog | A Semana do Revés

Cando o xesto se torce

HAI XESTOS, e falta de xestos, que o din todo. Que non precisan nin engadido nin aclaración. Na vida hai xestos necesarios, imprescindibles, e xestos que sobran. E logo están os xestos na política, toda unha ciencia. Un tratado, máis ben. Se foran ciencia sería ben doado saber cando botar man deles e cando deixalos estar. O xesto da semana nesta cidade onde a política deixou de rexirse polos canons e vai camiño de entrar nos manuais de como non deben facerse as cousas foi o anuncio da presidenta da Deputación, Elena Candia, de que vai subastar o A8 que mercara e no que se desprazaba o seu antecesor para adicar ese diñeiro a fins sociais. Nada dixo de en que se vai mover ela por esta provincia de camiños estragados polos anos e a falta de mantemento e en que vai ir e vir dende o seu Mondoñedo por esa autoestrada que abre e pecha segundo barruza ou quenta o sol.

Na política hai actitudes tan necesarias como contraindicadas e ás dúas é importante atender, sobre todo nos comezos

Nunha casa grande como é calquera Deputación ha de haber alternativas, pero non vaia ser que Candia acabe facendo como o presidente saínte, que vendeu o Jaguar de Cacharro, polo que segundo a hemeroteca no seu tempo pagamos 84.000 euros para mercar un A8 que nos saíu en 106.000. Non cabe dúbida de que para visitar pola provincia adiante obras como a que, para a súa desgraza, deixou ao PSOE sen a Deputación calquera vehículo é máis axeitado que un Jaguar, pero fai graza este ‘déjà vu’ e o pouco imaxinativos que son as máis das veces os políticos. Tamén Feijóo anunciara á súa chegada á Xunta a permuta dos A8 blindados por vehículos para servizos sociais. Foi un deses xestos do que nunca máis tivemos noticia. Os políticos son pouco creativos e os xornalistas, xa se sabe, ás veces pouco constantes. E outras demasiado, para o gusto de moitos. Hai quen di que Candia xa está medio arrepentida da arroutada -ou de deixarse arroutar, porque é probable que nin dela fora a idea-, pero agora xa non hai maneira de que entre a marcha atrás.

Os xestos entre os adversarios tamén din moito de como se concibe o exercicio da política neste país. As relacións entre os que a exercen dependen, como as de todos, do carácter que cada un ten. Hai rivais que fóra do seu papel saben aparcar as diferenzas e comportarse como persoas, e outros aos que na mesma situación lles custa ata saudarse. Con todo, en vez de ir madurando ao tempo que a democracia, as relacións entre os políticos parecen levar o camiño contrario e cada vez son máis agres. A crispación que trouxeron a crise, os recortes e a corrupción, o pánico ante a emerxencia de partidos novos e as imputacións transformaron a vida política en moitos lugares. Só hai que mirar o Concello de Lugo. Hai catro anos, os trece concelleiros saíntes das diferentes formacións deixábanse fotografar xuntos ao remate do último pleno, no que os voceiros se despedían agradecidos e ata con bromas. Xa se contou aquí como foi a última sesión hai unhas semanas, cun alcalde a punto de renunciar a ser investido de novo e unha tensión que se cortaba. E se en 2011 xa non foi posible facer a foto de toda a corporación nada máis constituírse, esta vez menos. E iso que, a pesar de todo o sucedido, respirábase un ambiente bastante máis alegre.

En contra da norma do PSOE, Santín vai compatibilizar dous cargos, un xesto que non precisa explicación

As palabras da alcaldesa no discurso de investidura gustaron a moitos, o problema é que esa vontade de diálogo e participación que manifestou xa empeza a ser cuestionada pola oposición. Ou máis ben por parte dela, porque o PP mantén un elocuente silencio, só roto hai uns días por unha crítica de trámite á suposta «parálise municipal». Practicamente negociado o reparto de salarios e traballadores, o PP podería estar dando o primeiro paso para converterse na muleta do PSOE. Xa o foi nalgunha ocasión e con algún acerto nos últimos anos para asuntos tan importantes como urbanismo e investimentos e, salvo que os xestos enganen, ten pinta de que así vai seguir sendo. O resto da oposición veo vir e estase aliñando para facer fronte. O venres presentou unha alternativa de dedicacións e asesores que en conxunto é máis barata pero que resta medios ao bipartidismo e súmaos a eles. Seguramente a alcaldesa non ten moitas dúbidas de a quen elixir, tendo en conta ademais que esa oposición vai ser moito máis esixente en rexeneración e transparencia. Alomenos para os demais. Para eles parece que non tanto, porque coñecer a súa proposta de gasto político non foi fácil. Escudábanse en que primeiro querían contarlla á rexedora, pero esta tivo bastantes oportunidades de coñecela porque Lugonovo, BNG, Ciudadanos e Ace levaban días tentando ter unha xuntanza conxunta de voceiros para tratar este e outros asuntos.

Lara Méndez sostén que non é necesario ese encontro porque fala con eles de xeito individual e está aberta a recibir calquera proposta, pero ao mellor este era un deses momentos de practicar a política do xesto. Como tamén o podería ter practicado estes días o concelleiro e deputado autonómico Juan Carlos González Santín, por moi atarefado que andivera tratando de buscar un arranxo á desfeita da Deputación. A alcaldesa botou toda a semana preparando o reparto das áreas sen saber se podía contar con el ou se ía renunciar a un dos cargos, como obrigan as normas do PSOE, aínda que non todos as cumpran. Pero vai ser que non, como tampouco pensa deixar a dirección provincial do partido a pesar do golpe que levou, segundo confirmou o venres a este xornal. É outro xesto, deses que non precisan explicación.

Comentarios