Blog | A Semana do Revés

Basadre, o fin sobre os medios

A edil deixará a política tras dúas décadas de controvertida e ás veces resolutiva xestión

Basadre, recentemente nunha comparecencia pública. SEBAS SENANDE (AEP)
photo_camera Basadre, recentemente nunha comparecencia pública. SEBAS SENANDE (AEP)

DI Carmen Basadre, concelleira nos sucesivos gobernos de Lugo dende 1999, que quere marchar como chegou, en silencio. Efectivamente, esta exsindicalista de UGT e funcionaria da Seguridade Social que entrou no Concello da man do exalcalde José López Orozco –e tamén pensou en marchar con el, segundo admitiu esta semana–, nunca foi de moitas palabras, e a miúdo tampouco de moi boas. Xornalistas, funcionarios, empresas e colectivos cos que tratou estes anos sufriron máis dunha vez o seu carácter brusco, que non esconde nin sequera nas comparecencias públicas nin negan os seus colaboradores. "É Carme, xa sabes", desculpan.

Carácter difícil e xestión errática e a miúdo pouco transparente son características nas que coinciden moitas das persoas que tiveron relacións profesionais con Basadre, que xestionou servizos sociais, xuventude e actualmente, cultura e turismo. Con ela é imposible prever se o espazo público que se solicita para unha actividade vai ser outorgado, porque unhas veces dise que si e outras que non sen que aparentemente haxa nada distinto, ou se vai ser receptiva á idea que se lle propón, porque sucede o mesmo. Sobre as ideas, acúsaselle, ademais, de rexeitar algunhas para, tempo despois, apropiarse delas, ou de aceptalas só a condición de que figurase como promotora a administración local.

Porén, é obvio que Basadre ten valores. O primeiro, a capacidade de resistir e de manterse en postos de responsabilidade durante vinte anos, nos que ademais estivo envolta en moitas polémicas. Acusóuselle de favorecer con contratos ou empregos a persoas da súa contorna, de non axustarse aos procedementos administrativos, de descoidar asuntos... No Nadal do 2015 houbo moitas dúbidas sobre a legalidade e a seguridade da pista de xeo; en 2016, as casetas do polbo de San Froilán estiveron en xaque por cambios nas bases de contratación, que provocaron a controvertidísima entrada dunha persoa allea ao sector e sen ningunha experiencia; en decembro, Lugo foi noticia por ser a última cidade galega en acender o alumeado ornamental, un feito que non quedou claro que fose culpa de Basadre pero que supuxo un duro golpe de imaxe para o Concello e obrigou ao goberno a deixar no caixón unha iniciativa que tiña prevista para esas datas. Aínda que o peor momento que seguramente pasou Basadre foi cando o seu fillo se disparou nun pé no seu posto de traballo, que non era un calquera, senón no centro de día municipal Antonio Gandoy, como empregado da empresa que o xestionaba.

A pesar de todo isto e de mais, Basadre rematará vinte anos de xestión sen maiores problemas coa xustiza, nun concello e nunha época na que a xudicialización está á orde do día. Tivo, eso si, que dar explicacións no pleno en moitas ocasións, pero na última, recentemente, pode que ata saíse reforzada co relato das expresións irrespectuosas que recibiu nestes anos da oposición, estratexia coa que buscou deslexitimar as acusacións. No seguinte pleno, a alcaldesa adoptou a táctica.

En 20 anos acértase e érrase

EN vinte anos de xestión é imposible non acertar nin errar. Fose mérito individual ou colectivo, a atención que o Concello presta ao eido social é indiscutible —ten máis garderías ca Xunta, sen ser competencia propia— e na cultura fixéronse cousas distintas e que funcionaron, como as catas literarias ou o festival de retranca. Máis deficitaria é a xestión dos espazos (véxase MIHL) e do turismo, que aínda así medra.

Apoio ao talento local

AO Concello repróchaselle ás veces que dá máis apoio a artistas e a empresas de fóra, e que non o precisan, que ao talento local. O ano pasado mesmo, co recén creado Caudal Fest, aínda que en realidade detrás del non estivo Basadre. Porén, ata os críticos coa edil recoñecen que sempre apoiou o talento (séxao ou non) local, o que non quita que chame a atención que, por exemplo, nunca se programase danza contemporánea.

Arde Lucus, éxito rotundo

OLLO clínico, din que ten Basadre para saber quen lle vai responder e cumprir e que ideas van funcionar, o que seguramente explica o éxito de moitas das iniciativas que saíron das súas concellerías. Aí está o Arde Lucus, un dos maiores acertos. Non está claro se foi ou non ela a nai da criatura, pero desde logo fíxoa grande. Basadre está de despedida e ultimamente nótase en cada acto, no que lle agroman as bágoas.

Comentarios