Blog | A Semana do Revés

Arre ou xo ao goberno

BNG, e sobre todo Lugonovo, sosteñen un goberno que ven incapaz pero no que non reforzan

SUPONSE QUE os partidos políticos se presentan ás eleccións coa finalidade de gobernar. Dende esa lóxica, a do interese público e non partidista, non é fácil entender o que sucede no Concello de Lugo. Lugonovo e BNG deron a alcaldía ao PSOE coa tese de que un goberno progresista sempre sería mellor que un goberno do PP, o partido que tivo con diferenza máis apoio. Suponse que manteñen a tese, pero, pasado ano e medio de mandato de Lara Méndez, hai moitas sinais que apuntan a que o goberno non dá feito e poucas de que as cousas vaian cambiar. 

Explicáronse xa moitas veces as dificultades, dende o reducido número de concelleiros e a falta de dedicación completa dalgúns deles á complicada situación da casa, con pouco persoal, medo ao xulgado e loitas de poder. Non axuda tampouco o gran número e a relevancia de moitos dos asuntos que herdeou, dende a desorde dos recursos humanos, que ademais dá lugar a sentenzas lesivas para o Concello, ata os contratos de servizos caducados e un plan de urbanismo inacabado e atascado. A isto hai que sumar a xestión dos cuantiosos fondos externos acadados e a aprobación, en cada exercicio, dos instrumentos que deberan permitir funcionar a cidade, como as ordenanzas (as fiscais e as outras) e o orzamento. E logo está a xestión diaria e a resposta a cinco grupos da oposición, que, entre propostas e críticas, agotan a calquera. 

A oposición inclúe ao BNG e a Lugonovo, aínda que a exercen de maneira moi distinta. O grupo nacionalista, escamado de coalicións anteriores e preso da decisión da asemblea de prestar un apoio limitado ao goberno, pon énfase nuns poucos asuntos, que case fai propios de tanto insistir neles –a praia fluvial, por exemplo– e entra naqueles que ten difícil esquivar, pola súa importancia ou porque se lle pregunta. Polo demais, mantén unha oposición discreta e apoia o goberno o xusto. Non respaldou, por exemplo, o reenfoque que Méndez quixo dar aos recursos humanos coa creación dunha dirección xeral, pero acaba de aprobar as taxas para 2017, "porque non é entendible a posición do non a todo sen atender os intereses dos lucenses", di. 

O modus operandi de Lugonovo é radicalmente oposto. É o auténtico sostén do goberno e non hai asunto sobre o que non se pronuncie nin día sen proposta. Algunhas quizais son algo improvisadas e precisarían máis de meditación, pero outras están ben estudadas e poñen o foco sobre aspectos tan importantes como o deficitario modelo fiscal do Concello, con falta de inspección e de ordenación para que firmas con tanto lucro como as de telecomunicacións tributen polo uso do solo público. Como fan en concellos máis pequenos, como Viveiro. 

Lugonovo critica e propón de forma pública, pero tamén en privado. Moitos dos asuntos que saca á luz fálaos primeiro co goberno, dando mostra dunha lealdade que non sempre recibe. Hai concelleiros do PSOE moi conscientes do que aporta, pero o habitual é que o goberno eluda mencionalo. Nomeadamente, a alcaldesa. Quizais Lugonovo non debería esperar moito cando, en ocasións, se lles escatima información e presenza pública aos propios edís de goberno. Unha maneira de facer sempre arriscada e máis neste caso. Non é un equipo propio e sería bo gañalo. 

A implicación de Lugonovo e a denuncia cada vez maior da "incapacidade" do goberno –fala de falta de liderado– leva a preguntarse por que a formación non entra nel ou por que non favorece outra opción. Hai quen ve incoherente e ata irresponsable esta postura, por manter un goberno que tantas dúbidas lle ofrece sobre o que será capaz de facer nos pouco máis de dous anos que quedan de mandato. É unha reflexión á que tampouco é alleo o voceiro da formación, Santiago Fernández Rocha. 

Ata que no verán se anunciou unha querella contra a alcaldesa –da que non se volveu a saber–, a disposición do grupo municipal a negociar un acordo era boa, pero as condicións que o PSOE lle puxo sobre a mesa foron pouco menos que ofensivas. Entre outras razóns, porque os recursos dun e doutro serían totalmente desproporcionados. O PSOE ten varios edís con dedicación completa e nove asesores e Lugonovo, un de cada. Paga agora as consecuencias desas políticas de denigración dos asesores, fáciles e produto do descoñecemento das necesidades dunha administración. Cambiar a organización municipal agora sería difícil porque o goberno seguiría estando en minoría no pleno. E unha cesión de soldos tampouco parece figurar nos plans do PSOE, a pesar de que neste momento non fai uso dunha dedicación exclusiva nin do salario dunha asesora. 

A desigualdade de condicións non sería o único escollo para Lugonovo, un partido cun dedicado voceiro e dous edís cuxo compromiso e capacidade están por ver. A falta de confianza que a formación ten na lealdade e na capacidade do actual goberno tampouco axuda. 

A solución para reforzar o goberno lucense non se presenta fácil, e seguramente nin Lugonovo nin o BNG están dispostos a entregar a cidade ao PP, pero a situación actual tampouco dá moito rédito aos cidadáns, polo que ambas formacións deberían decidir, e sen tardar, se arre ou xo.

Comentarios