Blog | A Semana do Revés

Anuncios para xente de fe

Coas promesas de novos aparcadoiros comezou a competición política por quen dá máis
Aspecto que presentaba este viernes el leirapárking del Hula. SEBAS SENANDE
photo_camera Leirapárking. SEBAS SENANDE

OS POLÍTICOS e os xornalistas vivimos nunha eterna conta atrás para a seguinte cita coas urnas, case dende o día seguinte ao que se pechan; pero agora si, esta semana quedou demostrado que o contador para as municipais da primavera de 2023 empezou a correr.

Se facemos caso a todo o que nos contaron a Xunta e o Concello nun só día, o xoves aproveitando a celebración na cidade dun dos últimos consellos do Goberno galego que presidirá Alberto Núñez Feijóo, non vai haber esquina de Lugo sen obras nos vindeiros meses. O dos vindeiros meses ninguén o remarcou expresamente, é o que se deduce dos termos nos que se expresaron o presidente da Xunta e a alcaldesa, Lara Méndez, pero agás que sexan vostedes cidadáns de moita fe, mellor lles sería tomar con prudencia os anuncios.

Faltan proxectos, faltan trámites legais que permitan executar algunhas desas obras e nalgúns casos falta ata orzamento. Os fondos europeos Next Generation son a divindade á que agora rezan todas as administracións, e ata as empresas, pero son moitos a comer e pode que a guerra en Europa mingüe a torta. Sempre quedaría a opción de facer modificacións nos orzamentos municipal e autonómico para arrimar máis, pero se non había previsión, implica quitar dun sitio para meter noutro, ou aforrar nos gastos ordinarios, ese capítulo no que entra de todo e que tan fácil é de reducir para quen non goberna como tentador reAnuncios para xente de fe sulta para quen manda.

Pero teñamos fe. Se os lugueses seguen dándolle as costas ao carril bici e non se produce o milagre de que os buses urbano e interurbano sexan unha opción, terán aparcadoiros para deixar o coche miren canda a onde miren.

A Deputación anunciou hai uns días 165 prazas gratuitas polas tardes e as fins de semana no complexo de Santa María, para o que xa está facendo o proxecto, asegura. O goberno local informou de que prevé acondicionar dúas parcelas máis a carón do Hula para estacionamento libre, con alcatrán, material que tamén lle aplicará ao chamado leirapárking. Para ámbalas cuestións precisará aprobar o PXOM, pendente nesta zona, previo visto bo da Xunta. Di a alcaldesa que será cuestión «de semanas», pero a Xunta aínda non recibiu o documento que ten que fiscalizar. A aprobación desta e doutras partes do PXOM, que afectan ao 5% do territorio, está pendente dende o ano 2011.

A Xunta, pola súa banda, anunciou un aparcadoiro disuasorio con 150 prazas na entrada a Lugo pola Avenida das Américas. Di que está buscando parcela e que o financiará "no marco" dos Next Generation, como o proxecto para unir os parques Rosalía de Castro, Marcos Cela e Miño con pasarelas e ascensores e o proxecto da senda peonil e ciclista dende a futura estación intermodal ata o Hula, pola Chanca e Galegos. Ao mellor está rematada antes que a intermodal, que segue pendente de varias cuestións, algunha tan determinante como o financiamento para construír o necesario aparcadoiro.

Programar sen coordinar

A Xunta veu a Lugo con varios proxectos baixo o brazo. Algúns prevé executalos en terreos públicos, como as sendas a través de parques, pero esta é a primeira nova que teñen os seus donos, Deputación e Concello. Que outra administración proxecte obras nunha cidade sen coordinalas, e nin sequera falalas, co seu goberno é, cando menos curioso. Sucedeu o mesmo co proxecto da praza na actual estación de autobuses.

Abarcar sen acabar

Anúncianse obras mentres que o remate doutras se retrasan sen explicacións moi convincentes ou, o que é peor, están rematadas e non se lles saca proveito. O novo auditorio xa se sabe como está, e a biblioteca da Piringalla, que Méndez desatascou e revonverteu en centro social, ía abrir o verán pasado. Tamén as hai que figuran nos presupostos un ano tras outro e nunca empezan, como a ronda leste.

Bailes sans e políticos

Os bailes das fins de semana volveron a algúns centros sociais despois de dous anos sen eles. Da actividade gozan sobre todo as persoas maiores, as máis necesitadas de socialización, sempre, e máis tras a pandemia. A mellora sanitaria, que hai un mes o Concello non vía suficiente, permitiu recuperar os bailes agora. Chegan a tempo para poñer en forma pernas e cabezas e coller camiño cara ás urnas.

Comentarios