Blog | A Semana do Revés

A auga que tira Lugo

A intraestrutura que permitiría reutilizar líquido está parada e tres depósitos están baleiros

O río Miño, preto da zona de captación da cidade de Lugo. SEBAS SENANDE (AEP)
photo_camera O río Miño, preto da zona de captación da cidade de Lugo. SEBAS SENANDE (AEP)

O PP acaba de denunciar por prevaricación á alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a varios concelleiros porque manteñen unha vintena de servizos con contratos caducados e as facturas páganse con reparos do interventor, que ten que levantar por decreto a alcaldesa. O alcance da denuncia penal está por ver, pero as consecuencias do atraso na renovación dos contratos aprézase de distintos xeitos. Por exemplo, o goberno di que esa é a razón pola que segue sen poñer en funcionamento a instalación que permitiría reutilizar auga, e outras infraestruturas, como depósitos de almacenamento.

O goberno explica que son servizos vinculados á planta potabilizadora, pero que a empresa que a xestiona (Gestagua) non os pode asumir porque ao ter o contrato caducado (dende 2011) non pode aumentar as tarefas que leva a cabo. A posta en marcha desas infraestruturas está previstas no prego de condicións no que traballa a administración local para sacar a concurso a explotación da planta, que acaban de pasar ao departamento de contratación, asegura.

Tanto a instalación para reutilizar a auga como o depósito de Penarrubia que está baleiro foron construídos durante anteriores gobernos socialistas, que non foron capaces de renovar os contratos do ciclo da auga nin de poñer en marcha as novas infraestruturas. A actualización na xestión da potabilizadora e da depuradora demorouse polo intento frustrado de crear unha empresa municipal da auga, mentres que o feito de manter inactivas infraestruturas se ten achacado a distintas causas, dende o custo de bombear a auga dende a depuradora de San Xoán de Pena ata a cidade ata os danos que sufriron algunhas pezas por inundacións. Supostamente están reparadas.

A realidade é que a cidade ten servizos parados, e pode que deteriorándose pola falta de uso. O custo de bombear a auga pode que se paliara co aforro no canon que o Concello -como o resto dos cidadáns- paga á Xunta pola auga que consume. A capacidade de almacenamento que ten a cidade faría, ademais, que non fora necesario bombear constantemente. Agora mesmo hai un depósito baleiro na Piringalla e outro no Ceao e pode que incluso se puidera utilizar para esa fin a vella potabilizadora, onde, hai que recordar, seguen catro traballadores sen apenas funcións.

E logo está o evidente beneficio medioambiental que supoñería reutilizar auga. Hai tubaxe estendida ata a Piringalla e ata os polígonos do Ceao e das Gándaras. Os camións do servizo de limpeza da cidade poderían cargar auga neses lugares e o líquido tamén se podería empregar para regar algúns xardíns -da Piringalla ao parque da Milagrosa non sería moi custoso levar canalización-, e incluso o bosque de árbores autóctonas que o Concello prantou nas Gándaras con fondos europeos.

Se se dán por boas as explicacións que se dán sobre a inactividade destas infraestruturas, é evidente que a falta de renovación dos contratos da auga ten máis consecuencias das que se pensan de primeiras.

Axuda europea parada

O SISTEMA de reutilización da auga fíxose dentro do proxecto da nova potabilizadora, que recibiu financiamento da UE precisamente polas melloras ambientais que introducía, como o mencionado. A infraestrutura non se está empregando, polo que pode que o Concello incluso estea incurrindo nalguna ilegalidade. Aínda que, máis aló diso, é incomprensible que non se use algo que se ten e que aforraría auga.

Un depósito sen estrear

ATA o presente, a cidade non sufriu episodios graves de escaseza de auga, e ben se deita, porque serían moi difíciles de xustificar habendo un depósito novo no monte de Penarrubia que está baleiro. Non se pode encher, explica o goberno local, porque é unha infraestrutura nova e non se pode entregar a Gestagua para que o xestione porque supoñería aumentarlle o contrato e este está caducado, di.

Dúbidas de mantemento

GESTAGUA asumiu en 2011 a xestión da nova potabilizadora cun contrato de posta en marcha, e non de xestión, polo que hai quen ten dúbidas respecto ao mantemento que a empresa fai da planta. Dende o departamento de medio ambiente asegúrase que se efectúan todas as operacións de mantemento necesarias no prazo establecido, incluídos os cambios dos filtros de carbono, que tocan para o ano, di.

Comentarios