Blog | A Semana do Revés

Unha volta ás terrazas

Outros sectores económicos da cidade e algúns cidadáns observan con envexa o apoio que recibe o gremio da hostalería
Terrazas en la Praza Campo Castelo. XESÚS PONTE
photo_camera Terrazas na cidade de Lugo. XESÚS PONTE

Tomar un café ou unha cervexa nunha terraza foi, aló pola primavera de 2020, un pracer insospeitado para moitos cidadáns tan só unhas semanas antes. Case un luxo asiático, despois de moitos días pechados na casa, con nós na gorxa polas novas sobre o Covid que chegaban a través de xornais, as radios e as televisións. Quen máis e quen menos gozou deses momentos ao aire libre e en compañía, tan necesario o primeiro como o segundo, e se solidarizou cun sector que, coma outros, tivo que pasar a chave da caixa rexistradora da noite para a mañá.

Durante moitos meses, a hostalaría viviu pendente de restricións de funcionamento, que cambiaban dunhas semanas a outras e que se anunciaban con escaso marxe de tempo para que os negocios se reorganizasen.

A cidade volcouse coa hostalería, que move a economía e axuda a socializar, pero tamén provoca molestias

En Lugo, como na maioría dos lugares, a cidade volcouse coa hostalería. O Concello permitiu extender as mesas e cadeiras a rúas, beirarrúas e ata carrís de circulación e decidiu non cobrar por iso. E os cidadáns lanzámonos a ocupalas, con máis ou con menos gozo en función do momento sanitario e da prudencia de cada un. Houbo negocios que se quedaron polo camiño porque non puideron adaptarse ás novas formas de traballar e aos novos tempos, que cambiaron por máis razóns que o covid, pero as caixas de moitos outros locais volveron funcionar como antes da pandemia. Nalgúns casos, aínda mellor.

Por iso, cando pasaron volvemos vivir nunha falsa normalidade, co covid xa como un máis da familia, cada día que pasa resulta máis difícil de entender que os hostaleiros sigan ocupando o solo público sen ningún ou con pouco control e que non paguen por el. A hostalería, e todo o que supón, é unha parte importante da economía e do emprego da cidade e, máis aló da broma, cumpre tamén unha función social nada desprezable, pero o apoio que recibe vese con envexa por parte de moitos outros colectivos.

Veno así sectores económicos que sufriron igual ou máis e non tiveron nin tanta axuda nin unha recuperación tan rápida, e os cidadáns, que pagan dúas veces, a cervexa e o que o Concello deixa de cobrar polas terrazas. E peor aínda o ven os que non as usan e sofren a falta de espazo na rúa, a suciedade e o ruído.

Unha norma para ordenar as terrazas

O Concello anunciou en decembro unha ordenanza na que fixaría os criterios sobre os lugares onde poden instalarse terrazas de hostalaría, as dimensións e ata as características físicas. O obxectivo é poñer orde a un mobiliario que ocupa a vía pública, para conciliar todos os usos desta. Pretende tamén facer unha armonización estética, similar á que levou a cabo hai anos no casco histórico con fondos europeos, cos que foi posible dar axudas aos hostaleiros para cambiar mesas e cadeiras. A idea era aprobar e aplicar a norma canto antes, pero de momento non hai noticias sobre ela.

 

Os prezos soben para os hostaleiros e para os clientes

Da inflación non se libra ninguén, nin fogares nin empresas, e, mentres hai quen se queixa dos prezos na hostalería, onde algún café subiu trinta céntimos dun día para outro, hai hostaleiros que aseguran que non lles saen as contas doutro xeito. A falta de man de obra neste sector é outro problema, como en moitos outros. Para que traballar resulte máis atractivo, a hostalería está levando a cabo algúns cambios, como adiantar a hora de peche, pero iso tamén lles vai á caixa. Outras propostas, como eliminar as tapas de cociña, provocarán revoltas se se levan a cabo. A terraza e o aperitivo parécennos caros, pero que non nolos quiten.

Comentarios