Blog | A Semana do Revés

Un pouco a pé e outro pouco camiñando

No debate sobre as restricións ao uso do coche en Lugo tamén parecen dominar as teses ayusistas, máis conservadoras
Colas y controles en los accesos al recinto ferial, el denso tráfico en la Ronda do Carme, espectáculo del flautista de Hamelín y ambiente en los vinos.
photo_camera Tráfico na Ronda do Carme. EP

O ASUNTO da mobilidade en Lugo neste momento produce tanta división de opinións na cidadanía como o fixo hai uns días no PP o enfrontamento Ayuso-Casado. Peonalizacións, cambios de sentido de circulación, carril bici, supresión de prazas de aparcadoiro, reforma de vías para darlle preferencia aos peóns... son cambios que perseguen o mesmo fin: desincentivar o uso do coche privado e fomentar unha mobilidade máis sostible economica e sobre todo medioambientalmente, na que os cidadáns se movan a pé ou en medios menos contaminantes, como o transporte público e a bicicleta.

Como sucedeu no conflito popular, onde seguramente a razón estaba do lado de Casado pero acabou do de Ayuso despois de que o primeiro medira mal o tiro, a lóxica di que ese é o camiño polo que deben ir as cidades: o de San Fernando, un pouco a pé e outro pouco camiñando. Por saúde —a das pernas, a dos miolos e a dos pulmóns—, por economía e porque as directivas da Unión Europea non deixan lugar á elección. Por moito que teñamos a realidade diante dos ollos, ás veces negámolos a vela e o único que nos mobiliza é o diñeiro, sexa en forma de multas sexa en forma de crédito.

A dificultade de ir por este camiño é que moitas veces se impoñen as circunstancias do día a día. Hai que ir a correr dun lado para outro, mover nenos e maiores, trasladar mercancías e desprazarse traballar a un polígono industrial ás aforas ou mesmo a outra localidade. E cando non hai un transporte público á carta —que non pode haber— ou alomenos un transporte público racional —que si pode, e debe, haber— nin esa cultura de mobilidade alternativa como é a da bicicleta que si hai noutras cidades con peor clima, peor orografía, máis distancias e as mesmas necesidades vitais e sociais que hai en Lugo, renunciar ao coche faise difícil. 

Pero nun contexto no que calquera enerxía cada vez é máis cara e no que por momentos ata planea a sombra do desabastecemento, pode que en pouco tempo pensar en aparcar o coche deixe de ser unha opción para ser a única posible. Porque ademais a iso hai que sumarlles as restricións aos vehículos a motor que levan anos impoñéndose nas grandes cidades e que, antes ou despois, chegarán tamén aquí. 

Lonxe diso, de momento o parque móbil da cidade non deixa de aumentar mentres o espazo para el nas rúas non deixa de achicarse, o que inevitablemente dá lugar a atascos, a problemas de seguridade e a malos fumes dos que sufren un problema e o outro. 

Pode que co tempo esta dicotomía careza de sentido, como non o ten agora cuestionar a prohibición de fumar en interiores ou o carné por puntos, pero de momento, podería dicirse que no debate sobre a mobilidade en Lugo imponse o ayusismo, as teses máis conservadoras. Coa saúde e o medio ambiente como coa corrupción (presunta): miremos para outro lado. Tiremos para diante. Circulemos mentres poidamos. 

Unha estación sin estación
Di agora a Xunta que non descarta manter no lugar da actual estación de autobuses, que formará parte da terminal intermodal a carón da do tren, unha parada para os autobuses interurbanos e un edificio, porque coa supresión das dársenas quedaría aínda abondo espazo para a gran praza que proxecta. Porén, se vai haber un edificio e van parar os autobuses, que virá sendo máis que unha estación de autobuses?

 

O conservadurismo gaña
Non hai cambio que non xere conflito, pero para que a evolución se impoña sobre o conservadurismo cómpre que as accións sexan racionais e non lle compliquen a vida aos cidadáns. Un carril bici deseñado doutro xeito e un bus con máis liñas, paradas e frecuencias seguramente terían máis adeptos. Sería bo reprogramar os investimentos para ampliar e promocionar o bus? É imposible facelo, como se insinúa, ou é difícil?

 

Por que se usa pouco o bus?
HAI meses que vou por Lugo preguntándolle á xente se sube ao bus e se os cambios o melloraron ou o empeoraron. Hai quen opina dun xeito e quen opina doutro, aínda que os axustes anunciados onte nalgunhas liñas mostran que había marxe de mellora. É difícil sacar unha conclusión porque, para empezar, segue a subirse pouca xente. E non o fai porque o servizo é malo ou porque pensa que é malo?