Blog | A Semana do Revés

Olga Louzao volve ao candeeiro

A líder de Cs en Lugo, que volverá a optar á alcaldía de Lugo, gaña visibilidade ao asumir outra vez, agora con equipo propio, a coordinación e a voz do partido en Galicia
OlgaLouzao
photo_camera Olga Louzao, nun acto de campaña electoral en 2019. SEBAS SENANDE/AEP

A líder de Cs en Lugo, Olga Louzao, volve ao candeeiro tras ser nomeada coordinadora e voceira do partido en Galicia, responsabilidade que xa ocupara noutras ocasións. Na actualidade, sobre o papel era a responsable de organización, aínda que na práctica seguía sendo unha referencia do partido en Galicia. Ata o punto de que era ela e non a voceira, Beatriz Pino, que traballa en Madrid, quen adoitaba dar a cara ante a cidadanía, como cando Cs pechou a sede en Santiago.

Porén, ata agora Louzao non foi quen de traballar como lle gustaría nin de contribuír a sacar a Cs da irrelevancia nunha comunidade onde a estrutura do partido e o apoio electoral recibido sempre foron febles. Ao que agora se engade o declive da marca a nivel nacional, que leva tempo producíndose e recibiu unha estocada, non se sabe se mortal, nas eleccións de Castela e León e de Andalucía. 

Louzao incorpora ao comité autonómico e ensina en Galicia o edil lucense Juan Vidal, un avogado cos pés na terra

Dende que Louzao entrou en política, en 2015, o seu foi un continuo ir e vir a nivel autonómico. E case nunca por falta de ganas senón porque nalgúns momentos non compartía nin a liña que seguía o partido nin o xeito de traballar dalgúns membros. A diferenza agora podería ser que asume as rendas cun equipo de confianza. Para empezar acompáñaa o seu compañeiro de filas na corporación municipal, Juan Vidal, un avogado con capacidade de comunicación e cos pés na terra, que palpa ben as inquedanzas cidadás. Ocuparase da mensaxe política e da relación cos medios.

En organización estará Eva Endress (Vigo), a acción institucional levaraa o edil de Oleiros Manuel Moinelo e como secretario exercerá o santiagués Juan Ínsua, o único que repite.

A lucense ten por diante unha tarefa titánica, pero mantén que en Cs segue habendo xente que, como ela, está disposta a traballar polo voto e polos intereses de toda eses cidadáns que non se identifican con ningunha outra sigla ou que están decepcionadas con elas. Un 40% de abstención nas últimas eleccións autonómicas proba que hai espazo, opina. Polo pronto, e se non comete erros, Louzao gañará visibilidade para afrontar o seu principal reto, que é manter a representación no Concello de Lugo en 2023. Como sempre, nega outra ambición.

Unha política de vocación que non decae

A Olga Louzao (Lugo, 1979) o seu fillo de nove anos dille que a política lle quita vida. E ela respóndelle que quere deixarlle un mundo mellor e que se todo o mundo pensase como el nada cambiaría. De momento, a resposta válelles aos dous e por iso Louzao segue en política, ás duras e ás maduras. Compatibilízaa co seu traballo nunha compañía de seguros que ten en sociedade e, como tantos outros políticos, seguramente viviría mellor fóra ela. Máis no seu caso e no actual escenario. Pero, como ela di, non hai momento mellor para demostrar o compromiso co Cs. Unha vez máis. E para que o PP deixe de facerse ilusións, engade.

 

A (¿inxenua?) aspiración de ser bisagra

Hai tempo que os acontecementos lle puxeron os pés na terra a Cs, por iso agora aspira ao que para algúns sempre debeu ser, obter representación suficiente para condicionar gobernos e políticas.
Ao mellor agora xa é tarde, pero Louzao e os seus non desisten, sexa por convencemento ou porque pouco poden perder. En Lugo, esa bisagra probablemente só funcionaría co PP. Nalgúns temas sociais, os laranxas están máis preto da esquerda, pero despois de anos de cuestionamento permanente ao goberno sería difícil entender un apoio ao mesmo. Por moito que entre Louzao e a alcaldesa xa non salten tantas chispas.