Blog | A Semana do Revés

Os obstáculos do PXOM: xestión ou política?

A aprobación do 5% do PXOM segue atascada dende setembro porque o goberno local sostén que unha eiva na tramitación por parte da Xunta xera "inseguridade xurídica"
Vista aérea de la zona del Hula, cuyo entorno está sin desarrollar a la espera del 5% del PXOM. XESÚS PONTE/AEP
photo_camera Vista aérea de la zona del Hula, cuyo entorno está sin desarrollar a la espera del 5% del PXOM. XESÚS PONTE/AEP

Vinte e cinco anos despois de que se iniciaran os trámites para dotar a Lugo dun novo plan de urbanismo e transcorridos case doce dende que a Xunta deixou sobre a mesa o 5% do documento presentado polo Concello, porque estaba incompleto e recollía desenvolvementos que non vía ben xustificados, parece lóxico que os cidadáns se pregunten que está pasando e que teñan reproches para os políticos. 

Teranos sen dúbida os propietarios de solo que agardan polo plan para poder facer unha casa ou montar unha empresa, pero a situación aféctalle a moitísimos máis cidadáns, incluso de fóra do municipio. Arredor do Hula hai un leirapárking cheo de fochancas —e están anunciados outros dous coas mesmas características— entre outras razóns porque non está aprobado o PXOM para esa zona, na que, por ese mesmo motivo, tampouco se pode construír nos arredores e dar servizos aos traballadores e aos usuarios do hospital.

O urbanismo é asunto complexo e polémico en todos os lugares, pero neste caso cómpre preguntarse, de novo, se a situación na que estamos se debe só a complexidade técnica e administrativa ou tamén hai déficit de xestión e razóns políticas.

En setembro, no límite dos tres meses de prazo que tiña para pronunciarse, a Xunta deulle o visto bo a ese 5% do PXOM "condicionado" a que completara, incorporara e integrara determinada documentación. O problema, segundo o goberno local, é que a Xunta non fixo ese requerimento no mes seguinte a recibir o plan, o prazo legal que está estipulado para iso, polo que o Concello non puido levar a cabo esas subsanacións antes de que a Xunta dictaminase. 

O erro da Xunta debeuse a que, por razóns que non chegaron a explicarse, o Concello envioulle o 5% do PXOM a principios do verán pasado e a Dirección Xeral de Urbanismo non se percatou de que o tiña ata setembro, cando o PP lucense acusou o goberno local de non ter remitido o texto.

A consecuencia de todo isto, sinala o edil de Urbanismo, Álvaro Santos, é que, se o Concello fai as modificacións que lle pediu a Xunta e leva o documento ao pleno, o texto que o Concello aprobará de xeito definitivo será diferente ao que validou a Xunta. E iso sería unha regularidade que podería levar á anulabilidade do plan se alguén o denunciara, considera o goberno de Lara Méndez.

O executivo busca a maneira de salvar esta dificultade dende que a finais de setembro a Xunta fixo esa "aprobación condicionada". Dirixiuse á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil para saber se habería lugar a un novo pronunciamento pola súa parte, despois da resolución favorable que xa emitiu en 2019. Coñecendo o xeito de proceder da CHMS, xurden dúbidas de ata que punto se implicará na solución, polo que as outras opcións serían que o Concello corrixa o documento e o aprobe definitivamente no pleno ou que acorde outra solución coa Xunta que lle dea máis seguridade xurídica ao documento se considera que do primeiro xeito non ten suficiente. O que parece indiscutible é que, como promotor e responsable do PXOM, é o Concello quen ten a responsabilidade de impulsar e de buscar unha solución. E que con reproches e confrontación avánzase pouco.

Elena Candia xestiona para a cidade proxectos sen ser alcaldesa

Elena Candia non goberna na cidade senón que aspira a facelo e esa é unha das razóns polas que está logrando ou a punto de facelo, segundo asegura, algúns proxectos para a cidade, como unha residencia para persoas con alzhéimer nas plantas libres que hai no hospital de Calde. 

Candia ten hándicaps para gañar as eleccións, como a súa pouca vinculación coa cidade e o limitado coñecemento da mesma e do resto da amplísima zona rural do municipio. Ambas desvantaxes estaas tentando superar coas reunións sobre o terreo que está levando a cabo dende hai meses e coas fortalezas que tamén ten, como a enerxía, o tesón e unha Xunta amiga. 

A candidata popular quere demostrar a capacidade que ten para xestionar e esta poderase ver e se o proxecto de Calde e outras ideas que ten para a cidade se comprometen antes do 28M. Candia quere gañar e de paso axudar a mellorar a vida de colectivos sociais que teñen moitas necesidades, asegura, unha preocupación que algunhas desas entidades ven sinceira.

Comentarios