Blog | A Semana do Revés

Os nomes da nova Xunta en Lugo

Goberno e partido buscan perfís con máis carga ideolóxica para as xefaturas territoriais. Un dos nomes novos que soa é o de Marco Antonio Fernández para Vivenda e Planificación de Infraestruturas.
Arias e Candia, esta semana en Lugo co conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e a xefa territorial desta área, Sagrario Sánchez. SEBAS SENANDE
photo_camera Arias e Candia, esta semana en Lugo co conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e a xefa territorial desta área, Sagrario Sánchez. SEBAS SENANDE

Completados os nomeamentos da primeira e da segunda liña da Xunta tras a investidura de Alfonso Rueda como presidente queda agora a que pode considerarse a terceira, na que estarían as xefaturas das consellerías nas provincias, baixo a dirección do delegado, Javier Arias no caso de Lugo. Son postos nos que é importante o coñecemento das áreas pero nos que, nesta nova etapa, tamén se buscan perfís máis políticos. Elimínase, ademais, a condición de ser funcionario público, que fora fixada polo anterior presidente, Alberto Núñez Feijóo.

Porén, todo apunta a que esta última modalidade non vai ser a maioritaria nin en Lugo nin nas outras provincias, en parte pola dificultade de que persoas que teñen as súas carreiras profesionais no eido privado dean un paso que non lles garante volver a elas, ao non seren as xefaturas territoriais postos electos.

Non tería ese problema Marco Antonio Fernández Piñeiro, que podería asumir a xefatura de Vivenda e Planificación de Infraestruturas. Suporía a saída de María José Nistal, agora xefa de Infraestruturas porque Vivenda estaba xunto a MedioAmbiente. Agora é unha consellería de novo cuño e das máis potentes e este letrado da Xunta, vinculado familiarmente ao exalcalde popular Vicente Quiroga, xa a coñece parcialmente porque dende 2022 é  director provincial do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS). É un funcionario con moito coñecemento da administración autonómica, onde tivo xa outras responsabilidades, entre elas a secretaría da delegación da Xunta na provincia.

Este relevante posto é outro dos que haberá que cubrir agora, xa que Marta Barreiro, que veu desenvolvendo o cargo con moita eficacia nos últimos anos, foi reclamada para a secretaría xeral técnica da Consellería do Mar. Barállanse varios nomes.

Igualmente, o probable ascenso de Fernández Piñeiro á xefatura territorial deixaría libre a dirección provincial do IGVS. Na da Axencia Galega de Infraestruturas (Axi) agárdase que siga Gerardo Pallares, enxeñeiro funcionario da Xunta dende 1994 e responsable das estradas provinciais dende 2003.

Outro posto froito da nova Xunta deseñada por Rueda é a xefatura territorial de Cultura, que ao separarse de Educación adquire condición propia de consellería. Na segunda continuará a exvicedirectora do instituto As Mercedes e exconcelleira na cidade Sagrario Sánchez, que asumiu o cargo en agosto do ano pasado cando a hoxe conselleira de Medio Rural, María José Gómez, marchou ao Senado.

Na xefatura de Medio Rural, que desenvolve a alcaldesa de Triacastela, Olga Iglesias, tampouco se espera cambio, aínda que á estrutura desta consellería podería incorporarse outro lucense. Non se descarta que o faga Gerardo Criado, exalcalde de Vilalba, que dende 2020 –cando lle faltaba un ano para xubilarse– exerce como xefe territorial de Presidencia, Xustiza e Deportes pero que pola súa actividade profesional –é veterinario– ten un gran coñecemento e interese polo medio rural.

Presidencia é outro dos postos nos que se busca un impulso e nos que se quere manter un perfil político. Un dos nomes que soan é o de Javier Vázquez Nodal, agora xefe territorial de Política Social e secretario xeral do PP na provincia. Foi asesor do PP no Concello durante 16 anos e ten unha ampla formación.

A creación de novas consellerías suporá movementos e novos nomeamentos

Partindo desa premisa de combinar capacidade e política, outra xefatura na que non se espera continuidade é a de Medio Ambiente, que desempeña Jesús Montouto dende mediados da anterior lexislatura, cando relevou a Margarita López, dende ese ano membro do consello da CRTVG. Montouto é funcionario da Deputación e foi o xefe de gabinete da xefa provincial do PP, Elena Candia, durante a súa breve presidencia en San Marcos.

Tampouco se esperan cambios, agás sorpresas de última hora, en Sanidade, a cuxo fronte está a veterinaria e concelleira en Outeiro de Rei Begoña Seco, e Mar, a onde chegou Mariña Gueimunde hai menos dun ano tras oito en Educación. É a líder do PP en Viveiro, onde gañou pero non goberna, e un valor do PP.

Hai máis incertezas noutros departamentos, como Emprego (Pilar Fernández), Economía (Gustavo Casasola) e Facenda (Susana Casal), nun momento no que as quinielas están á orde do día. Nelas tamén aparece –a priori con pouco fundamenteo– Miguel Couto, exconcelleiro de Urbanismo en Lugo co PSOE e agora colaborador do PP.

Comentarios