Blog | A Semana do Revés

De quen son as rúas?

O aumento da vida na rúa polo covid e o incumprimento de normas como a circulación en coche por espazos peonís tráelles molestias ao veciños, que ás veces se se senten desprotexidos
undefined
photo_camera Praciña da Universidade. XESÚS PONTE

"LA CALLE es mía", dixo en 1976 o daquela ministro de Gobernación, Manuel Fraga, cando os sindicatos e os partidos da oposición querían saír á rúa para conmemorar o 1 de maio e el non compartía iso de que as rúas foran do pobo. Agora na cidade hai veciños que cren que as rúas de cidade son de todos os demais menos deles. É o que ten convivir. Ou mellor dito, convivir sen saber facelo.

Se xa eramos un país proclive a facer moita vida na rúa, esta tendencia acentuouse a raíz da pandemia, por gusto e por necesidade, e hai veciños que non entenden nin soportan xa tantas molestias, que moitas veces van moito máis aló do asumible e delincuencia é a palabra máis axeitada para definilas.

"A única humanidade que ven algúns veciños no casco histórico é a dos ouriños nas rúas e nas fachadas das vivendas e da catedral"

Cansos de que as súas queixas caeran en saco roto, os residentes da Praciña da Universidade acaban de dirixerse ao Valedor do Pobo porque unha semana si e outra tamén non só soportan molestias derivadas do ocio nocturno senón que sufren danos nas súas propiedades, como roturas de portais e de xardineiras e senten ata medo a saír á rúa, aseguran. Non hai moitas semanas, non moi lonxe de alí, houbo pelexas con algunha coitelada. E o medo é libre.

O Concello quere acadar para o casco histórico o título de Patrimonio da Humanidade, pero a única «humanidade» que ven algúns veciños é a dos regos de ouriños que teñen que saltar moitos días cando saen, e os que levan camiño de botar a perder as ferraxes medievais da porta norte da catedral, como xa denunciou tamén en moitas ocasións a Igrexa.

Hai quen cre que se tende a converter o espazo público nunha especie de parque de ocio, e moi especialmente o casco histórico, polas boas condicións que ten para iso. Non todos os cidadáns están de acordo en que se promova «tomar as copas» na rúa ou en que estas luzan durante mese engalanadas con bandeirolas, chamando á festa. 

Tampouco hai quen concorda coa maneira en que se abriu a man coas terrazas durante a pandemia, deixando que se estendesen e ocupasen dende espazos peonís a prazas de aparcadoiro. E sobre todo, non entenden que, unha vez que mellorou a situación sanitaria, sega sen cobrárselles a taxa municipal e sen poñer límite a estas instalacións. 

O goberno local traballa nunha ordenanza para regular o tamaño e a estética das terrazas, pero fai falta que vaia máis rápida que o novo sistema de control de acceso de vehículos ao casco histórico. Anunciouse en 2019 e tardará aínda uns meses porque, segunda explica o goberno, houbo que agardar a acabar a obra de peonalización de Quiroga Ballesteros, a empresa adxudicataria tivo un problema cunha subcontrata e hai que compilar as matrículas dos veciños con garaxe nesta zona, algo que, ao parecer, non se podía facer en paralelo á obra. Co actual sistema fóra de servizo e un control policial laxo, hai condutores que circulan por rúas peonís como se o fixeran pola Avenida da Coruña. Veciños que non pensan noutros veciños.

Difícil atraer residentes
O CASCO histórico leva anos perdendo residentes e parece difícil que a tendencia reverta se se volve incómodo. Os veciños da Praciña da Universidade, por exemplo, están obrigados a manter os portais con aluminio branco, máis difícil de manter que outras cores, din. E non é o único problema ao que se enfronta o espazo con máis historia e valor da cidade. O seu comercio non é alleo ao declive do sector noutros lugares.

 

Multas ou caldeiros de auga
A vixilancia intensificouse nos últimos meses en zonas e horas de ocio nocturno e son frecuentes os partes con información das sancións postas por ouriñar na rúa, nas paredes dos edificios ou nas da catedral. Porén, os veciños que máis os sofren pregúntanse cantas se chegan a cobrar. Habería que preguntarse tamén sobre a súa efectividade. Igual compensaba darlle auga e trapo a cada infractor no acto.

 

Cumprir para poder esixir
Exemplo do difícil que é poñer normas e facelas cumprir é que, o que a maioría ve acerto, pode ser cuestionado por outros, case sempre por falta de empatía. Ninguén cuestiona hoxe que se restrinxise a entrada de familias en coche ata os colexios do casco histórico, decisión que forzou o BNG na anterior etapa de goberno. Porén, hai pais que, aproveitando o pouco control, insisten en infrinxir.

Comentarios