Blog | A Semana do Revés

Carreira por quedar ben

O BNG tomou o temón da reivindicación de melloras no tren e obrigou aos outros partidos e aos veciños a mover ficha
Participantes na protesta do BNG 'Lugo Quere Tren'. AEP
photo_camera Participantes na protesta do BNG 'Lugo Quere Tren'. AEP

Resulta curioso ver como os partidos políticos entran nunha carreira por ver quen queda mellor ante os cidadáns. Alomenos de palabra. Están de moda –benvida sexa– as comunicacións da cidade e da provincia. A falta ou a insuficiencia delas, máis ben. Estano porque se acaban de presentar os Orzamentos do Estado e da Xunta e as forzas políticas –as que gobernan e as que non– poden facer emendas para melloralos. E estano tamén porque semella que a conta atrás para as eleccións municipais abriu unha especie de veda para facer reivindicacións.

Hai unha semana o BNG saíu á rúa para pedir máis conexións ferroviarias, especialmente de media e de curta distancia, porque non todo é ir a Madrid e as primerias son fundamentais para facilitárllela vida, o traballo e o negocio aos cidadáns, din.

Non morreron de éxito os nacionalistas con esta manifestación, que chegou despois de meses de recollida de sinaturas e outras accións reivindicativas a favor do tren. Non axudaron a data, un venres de outubro ás oito da tarde, e a climatoloxía, con auga caendo a caldeiros, pero semella que os convocantes pincharon tamén á hora de mobilizar sequera a súa parroquia.

PSOE e PP ven hipocrisía do BNG, un por non apoiar o "maior gasto da historia" e outro por non rexeitar un diñeiro "insuficiente"

Na manifestación apareceu, baixo un paraugas coas cores e as siglas do PP, a súa aspirante á alcaldía, Elena Candia, e algún membro máis do partido. A candidata non entende como é o BNG quen está á fronte desta demanda. Explicáronllo os nacionalistas, cando lembraron a histórica falta de investimentos nas infraestruturas da provincia durante Gobernos do PSOE e do PP. Os nacionalistas falan dende a cómoda oposición e dende a hipócrita abstención aos Orzamentos, opinan socialistas e populares. Os primeiros cren que é así porque o BNG non apoia un nivel de investimentos no tren que nunca ata agora se vira. E os segundos, porque non din non a un gasto insuficiente.

Pero non hai como que se aproximen unhas eleccións para que os partidos cambien o paso. A alcaldesa mesmamente, que esta semana defendeu que onde hai que mobilizarse é nos despachos –irrebatible– para despois matizar que iso non exclúe de presionar na rúa nun determinado momento se as condicións así o esixen.

Comentarios