Blog | A Semana do Revés

O BNG, á busca do seu oco

Elena Candia e Rubén Arroxo, nun acto na cidade de Lugo hai uns meses. EP
photo_camera Elena Candia e Rubén Arroxo, nun acto na cidade de Lugo hai uns meses. EP

A popular Elena Candia aínda está en fase de mudanza á cidade de Lugo para pelexar pola alcaldía, pero a súa incorporación á batalla electoral probablemente xa está levando aos adversarios a revisar estratexias.

Será a primeira vez que os dous partidos máis votados compitan con dúas mulleres pola alcaldía de Lugo, e as circunstancias nas que o fará Candia, trasladándose dende Mondoñedo, onde foi rexedora, e pasando por diante dos seus compañeiros na cidade, non pasarán desapercibidas.

De momento, as maiores críticas chegáronlle do BNG, quizais porque ve vir unha campaña polarizada arredor de Candia e da actual alcaldesa, Lara Méndez. Porque por moito que os nacionalistas formen parte do goberno lucense, rexedora hai unha, e non é branquiazul. A reacción do PSOE ante a chegada de Candia foi máis contida porque, aínda que as circunstancias nas que Méndez accedeu á alcaldía foron distintas, tampouco ela ten pedigrí lucense. 

Quizais o BNG teña que dobrar esforzos para facerse un oco no debate público porque Méndez non llo dará e Candia probablemente tampouco. En Galicia, os populares explotan o discurso de, ou centrismo e seguridade co PP, ou radicalidade e incertezas co BNG, pero en Lugo Candia seguramente dispare contra a rexedora. Farao cada vez que alguén saque a relucir a súa orixe mindoniense e cuestione a súa vinculación coa capital. Ou cando aproveite a contestación cidadá que teñen algúns proxectos que levan a firma de Méndez para criticar o destino dos fondos europeos.

Claro que o BNG nin é manco nin chegará a 2023 coas mans baleiras. Un candidato xove e que chega ben á xente como é Rubén Arroxo e un equipo que non semella ter moitas fisuras –e se as ten disimúlaas– non é un mal punto de partida. E logo está o traballo feito. Hai cidadáns críticos coas peonalizacións, como os había cando estas comezaron nos anos oitenta, pero tamén os hai satisfeitos co cambio que o BNG lle está dando á cidade. Recatelo, Rafael de Vega e A Mosqueira son exemplos. Son accións que tamén estaban no programa  do PSOE, pero quen peonalizou foi o BNG. E será difícil disociar.

A dúbida de cando menos pode ser máis

O BNG demostra habilidade para esquivar charcos, aínda que nalgunha ocasión a decisión de non asumir responsabilidade tamén lle tivo custo, como cando en 2021 preferiu non organizar o feiral de San Froilán, por razóns sanitarias, e tomou o temón a alcaldesa. Os nacionalistas practican unha política de choiva fina, de facer e amosar e de facelo sen pompa. Non houbo unha gran inauguración da Mosqueira, pero está presente nela todas as semanas con música e  outras actividades culturais. Os focos estiveron máis sobre a alcaldesa nos últimos meses, pero non sempre por razóns positivas. Pode que, ás veces, menos sexa máis.

Méndez, como Candia, traballa o foco galego

A alcaldesa de Lugo compareceu esta semana en Santiago como vicesecretaria xeral do PSdeG para atizarlle ao Goberno galego e pedir máis investimento e máis planificación en eidos como a sanidade pública e a prevención e a loita contra os lumes forestais. Méndez ascendeu ao número dous do PSdeG a finais do pasado outono, despois do congreso de renovación do partido. E dende este febreiro é presidenta do Eixo Atlántico. Leva tempo proxectando o seu labor fóra da cidade de Lugo. Como Candia, a súa nova adversaria, que compatibiliza a política local e a provincial coa vicepresidencia primeira do Parlamento galego.

Comentarios