Blog | A Semana do Revés

Así se gañou o caso Garañón

O Concello foi por todas coa tese de que foi o promotor quen obrou mal e hai unha semana soubo que o pleito estaba listo para sentenza
Operarios en la parcela de O Garañón, este martes. SEBAS SENANDE
photo_camera Operarios en la parcela de O Garañón, este martes. SEBAS SENANDE

A sentenza que denega pagar 15,4 millóns ao promotor do Garañón sacudiu a cidade, esta vez para ben. Había moitas dúbidas sobre o ditame e chegou cando as torres están a punto de caer e ás portas das eleccións.

Non poderían cadrar mellor os acontecementos para o goberno de Lara Méndez nin que foran programados, como di —aínda que dificilmente pensa— a oposición, que afirma que se orquestrou a demolición para obter rédito electoral. Semella difícil que se quixera adiar a eliminación dun dos episodios máis nefastos do urbanismo lucense e que, mal que lle pese, leva a firma do seu partido. E en concreto a de quen un día tivo que baixarse da política precisamente por esta e outras investigacións xudiciais (co tempo todas arquivadas) e que recentemente acaba de volver a ela para, aparentemente, retomar o camiño cara á Xunta.

A sentenza é do xuíz Javier Tudela, que foi decano en Ferrol e chegou a Lugo non hai moito tempo virxe sobre O Garañón. E pode que esa fora unha das claves. A outra, é obvio, foi a defensa que as partes fixeron de cadanseus intereses e de fondo, os acontecementos xulgados.

O Concello foi por todas, coa tese de que a responsabilidade que tivo na polémica urbanización, co tempo ilegal, era limitada e, en todo caso, non constitutiva de indemnización. O Concello non solicitou no seu día informe a Patrimonio (trámite que en primeiro termo tería que facer o promotor, sinala o xuíz) de forma consciente. Para o edificio do lado, moi voluminoso tamén, non se esixira e había un caso análogo en Viveiro, ata con sentenza xudicial.

No Garañón, en esencia, o xuíz considerou que o promotor reclamou antes de tempo, cando aínda non había "un daño real y efectivo" e cando o Concello non incumplira ningunha obriga. «No es la primera ni única vez que ha de retrotraerse un procedimiento administrativo por falta de un informe», sinala.

O xuíz lembra que a paralización da obra se debeu a un proceso penal (co tempo sobreseído) e que, dende que se produxo a reclamación, houbo varias sentenzas do TSXG contra a urbanización. Dalgún xeito, asume o argumento de que o promotor nunca presentou alternativa.

O xuízo celebrouse con gran discreción en xuño de 2022, sen que trascendera, e daquela a defensa do Concello tivo un bo pálpito. Despois de que a outra parte fixera unha prolixa exposición con datos técnicos e informes periciais, o xuíz dixo: "Muchas gracias, pero no sé si eso va a ser lo decisivo".

O Concello intuía que a sentenza estaba a caer cando soubo do exhorto realizado a principios de ano ao xulgado de Ourense que leva o proceso concursal do promotor. A resposta demorouse pola folga dos letrados, pero hai unha semana, o xulgado informou ao Concello de que o pleito estaba listo para sentenza. Había dúbidas de que se emitira antes das eleccións, pero a comunicación do xulgado chegou o xoves a media mañá, coa corporación reunida no último pleno do mandato. Algunhas mans tremeron ata abrir e ler "desestimo". A noticia correu por algúns móbiles do Concello e á rexedora cambioulle a faciana a pesar de que o seu edil de Urbanismo, Álvaro Santos, lle rebentaba o anuncio nunha comparecencia de despedida na que resumía o urbanismo municipal dos últimos anos cunha de cal e outra de area.

Alfredo Cerezales: un avogado 

CEREZALES

A defensa contra a reclamación patrimonial do Garañón contou coa participación, dun xeito ou doutro, de moitos xurídicos, entre eles o xefe desta área no Concello, Manuel Louzao, pero seguramente foi clave o papel desempeñado por un profesional contratado expresamente para este caso.

Trátase do avogado especialista en administración e urbanismo Alfredo Cerezales, un dos socios do estudo xurídico madrileño Ejaso, con despacho na Coruña, onde el é precisamente o seu responsable. Foi, ademais, xerente e director de Urbanismo nos Concellos de Vigo, Santiago e A Coruña, por esta orde.

A alcaldesa recorreu a Cerezales en 2017, para decidir se seguía defendendo nos xulgados O Garañón, cando xa só lle quedaba ir ao Supremo. Decidiu non facelo, "consciente de que o tempo dese urbanismo na cidade xa rematara", lembraba a rexedora este venres, unha posición que supuxo unha emenda á totalidade aos seus antecesores neste asunto.

O tempo e o xulgado déronlle a razón, alomenos de momento, xa que a sentenza non é firme. Polo pronto, o Concello non terá que pagar, unha tese que se antollaba complicada de ver para a cidadanía pero que tamén defendía o coordinador de Urbanismo do Concello, Manuel Vázquez.


 

Comentarios