Blog | A Semana do Revés

Alvarellos pon deberes en Urbanismo

A concelleira reorganizou o traballo entre os profesionais do servizo de Arquitectura e estableceu obxectivos, de maneira que para a maioría fixa a tramitación dun mínimo de 15 expedientes ao mes, de tipoloxía similar e de distinta complexidade

Generated by  IJG JPEG Library
AppleMark
photo_camera Generated by IJG JPEG Library AppleMark

A nova edil de Urbanismo, Paula Alvarellos, vén de reorganizar o traballo no servizo de Arquitectura cun dobre obxectivo: "actualizar os expedientes que por diversas causas nos últimos anos se foron acumulando" —como figura nunha circular interna— e restituír a xerarquía no departamento, cumprindo co establecido na relación de postos de traballo do Concello, e co ánimo de que tamén isto axude a mellorar a xestión.

A reasignación de tarefas vai acompañada do establecemento de obxectivos mensuais, que se terán en conta á hora de pagar produtividade. A cada un dos sete arquitectos e dos tres arquitectos técnicos que compoñen o servizo, que neste momento ten todas as prazas cubertas, asignóuselle unha función principal e outras secundarias e o obxectivo é que, como mínimo, cada un tramite ao mes cinco expedientes da primeira e dez da segunda. Hai algunhas excepcións, relacionadas coas particularidades dos informes que deben emitir. Como traballo óptimo, a concelleira establece, en termos xerais, 10 expedientes principais e 15 secundarios ao mes. Para un desempeño excelente fixa 15 principais e 20 secundarios.

A xefa de Arquitectura é de novo a responsable das licenzas de obra maior e o adxunto leva o control das obras municipais

Alvarellos levou a cabo esta reorganización tras escoitar un a un a todos os arquitectos para coñecer máis a fondo os seus perfís profesionais e a súa visión do departamento, onde hai un atasco grande de asuntos por sacar adiante. Especialmente, aínda que non só, de licenzas de obra maior.

A responsabilidade das licenzas de obra foille encomendada de novo á xefa de servizo, Susana Penedo, despois duns meses en mans do adxunto á xefatura, Ángel Riva, pero estes expedientes repártense agora entre todos os arquitectos do departamento, coa excepción de Riva. Na medida do posible, cada un recibe expedientes dunha mesma tipoloxía e alterna casos de maior e de menor complexidade.

O desempeño de Riva xeraba friccións con promotores e arquitectos externos. Achácanlle pouca flexibilidade á hora de interpretar a normativa e de tratar dúbidas e problemas, e Alvarellos quixo aproveitar precisamente esa esixente forma de traballar para o control das obras municipais. Porque ademais é o arquitecto que máis coñecemento ten dos edificios do Concello.

Riva supervisará todas as obras municipais agás as da estratexia europea Dusi e o expediente de modificación do PXOM para converter O Garañón en zona verde. Ao cargo deste último están fundamentalmente Penedo e o xefe do servizo de Urbanismo, José María González, mentres que para os proxectos europeos hai outro equipo contratado ex profeso para iso.

Alvarellos tamén prevé que en breve haxa ditames xurídicos para elaborar modelos base de informes. E para aclarar dúbidas, fixar criterios de interpretación e optimizar os coñecementos que hai no servizo acordouse que Penedo sexa a referencia en planeamento, Riva en rehabilitación e Belén Santiago en obras e usos en xeral.

Por último, a atención ao público en relación a actividades e comunicacións previas manterase os martes e para o resto de asuntos haberá unha quenda rotatoria de dous técnicos cada martes, co obxectivo de que non haxa unha espera de máis de quince días.

Desafíos para unha edil tenaz e de man esquerda

Paula Alvarellos. SEBAS SENANDE

Paula Alvarellos, veterana afiliada do PSOE, debutou na política institucional e de xestión  en 2019 e, tras catro anos lidiando cos asuntos internos e coa economía do Concello, en xuño recibiu o encargo de ocuparse de Urbanismo.

Xa estivera preto dun ano á fronte deste servizo, durante a baixa do edil titular, aínda que daquela coa axuda do entón coordinador de Urbanismo, Manuel Vázquez.

Alvarellos recibiu con satisfacción e ganas a nova responsabilidade e, tras unhas semanas de escoita dos traballadores, puxo en marcha os primeiros cambios, que ao seu pesar acabaron trascendendo. Porque a prudencia é unha das característica desta política, que ademais é tenaz e ten man esquerda, o que na anterior etapa lle valeu para sacar adiante algúns asuntos complexos na sempre difícil área de persoal. 

Os desafíos que ten agora non son menores, máis ben ao contrario, porque a xestión urbanística ou a falta dela vese máis e ten máis implicacións nos administados e na cidade.  E precisamente por iso terá que seguir sendo hábil na xestión dos recursos humanos. No prazo dun ano verase obrigada a afrontar cambios nas tres xefaturas de Urbanismo, por xubilacións dos titulares de dúas delas -Urbanismo e Licenzas, esta última xa en prórroga actualmente- e polo remate da comisión de servicio de Arquitectura. Ademais, hai pendente unha sentenza xudicial en relación a este último posto. 

Comentarios