Blog | Quitamerendas

Vivir para tocalo

BARCELONA, MADRID, Vigo (31 de marzo), Berlín e outras 17 cidades en Alemania, Echternach (Luxemburgo) e París son algunhas das paradas da xira deste ano de Brothers in Band, banda tributo dos británicos Dire Straits. "Estaban tocando Why Aye Man e teño que dicir que pensei que era unha gravación nosa", dixo en certa ocasión Guy Fletcher, o teclista orixinal do grupo que liderou Mark Knopfler. A anécdota, recollida pola banda na súa páxina web (brothersinband.com), dá conta da calidade do grupo-homenaxe. Dende hai ano e medio nel milita un pianista pontevedrés, Adrián Solla. Curtido como músico de estudio, que ten traballado con artistas como Uxía, Wöyza, Davide Salvado, Xosé Manuel Budiño, e que ten formado parte de proxectos como Corasóns, de Kalandraka, ou a adaptación ao galego do musical O Rei León, Solla formará parte tamén da banda que tocará en directo a vindeira fin de semana na gala da entrega dos premios Mestre Mateo do audiovisual galego.

Adrián Solla (Pontevedra, 1988) lémbrase a si mesmo como un cativo namorado do piano. "A pesar de non haber na casa, cada vez que vía un volvíame tolo. Sempre quixen adicarme a isto". Así que comezou a ir a clases particulares de música. Seguíu formándose pola súa conta, "con músicos ou produtores que me gustaban e cos que contactaba interesándome por aprender deles, algo que ás veces funciona e outras non, pero co obxectivo claro de pegarme aos máis grandes e absorber todo o que podía deles como unha esponxa". Con esa idea foi que acabou, por exemplo, no Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra, "xunto a Abe Rábade e Paco Charlín". Hoxe segue formándose na procura dun título oficial, o superior de jazz. Está matriculado na actualidade no Conservatorio de Música da Coruña. "É difícil organizarse, pero vou sacando tempo".

Solla, que milita na banda homenaxe aos Dire Straits dende hai ano e medio, formará parte  o 4 de marzo de Mr. Cool, o grupo que porá música en directo á gala dos Mestre Mateo



A paixón de Solla vén de lonxe. "O primeiro piano que tiven, un teclado case de xoguete, que aínda conservo, merqueino cos cartos da primeira comuñón. E con el sacaba as cancións de oído", di. "Despois, no instituto, montei un grupo cos amigos". Con apenas 18 anos méteuse nunha orquestra. "Aí adquirín moitas táboas. Aprendín a ser un músico versátil". Matriculouse na Escola de Altos Estudos Musicais de Santiago de Compostela e conseguiu unha bolsa da Sociedad de Artistas, Intérpretes y Ejecutantes (AIE) para seguir formándose. Foi nese punto cando abandonou o mundo da verbena. "Ou sexa, tireime á piscina con catro pesos que tiña aforrados".

Solla cre que para un músico profesional é cada vez máis difícil poder vivir do seu traballo. "Buscando gañar algúns cartos foi que comecei a dar clases nunha escola de Cangas. Aí coñecín a Diana Tarín". O encontro con Tarín (La Voz) cambioulle a vida. A través dela entrou no mundo dos músicos de sesión. Despois chegaron as colaboracións con todos os demais. "Dende Wöyza ata o director do New York City Gospel Choir, Mark Anthony Henry, que veu dúas veces a Galicia e nas dúas contou comigo".

Hai un ano e medio, Brothers in Band buscaba a un músico que se incorporase ao seu espectáculo como teclista. "Eu non coñecía a ninguén da banda directamente, pero alguén lles falou de min, un dos meus mestres, mentores e unha das persoas que considero un exemplo a seguir, Alfredo Susavila. Parece que respondía ao perfil que buscaban", conta Adrián Solla. "Pasei agosto de 2015 pechado na casa aprendendo o repertorio de arriba abaixo". Con eles leva todo este tempo xirando. "É unha experiencia incrible tocar en auditorios impresionantes dalgunhas das cidades máis importantes do mundo. Pero é que ademais é unha banda súper profesional, onde se coida moito o detalle. Encántame formar parte dela. Aínda que tamén é unha sensación estraña esta de estar de viaxe permanentemente".

Esta semana está na casa. Porque tocará na gala dos Mestre Mateo, formando parte da banda Mr. Cool. "O caso é non parar de traballar", explica Solla, que tamén fai producións e arranxos para o que lle piden. "Son un deses músicos que está sempre detrás, os que fan o traballo oculto. O que non quita que teña o soño de sacar o meu propio proxecto adiante. Estoume preparando para iso".

Comentarios