Blog

Unha bolseira con sorte

O meu paso pola delegación de Vilalba foi efémero, pero moi aproveitado. Daquela, creo lembrar que a comezos do 2007, era unha becaria con sorte que cubría unha baixa tras outra, o que alongaba a miña experiencia na empresa e, de paso, me permitía coñecer a provincia.
Lugo, Monforte e Vilalba foron os meus destinos nese primeiro ano en El Progreso un tanto caótico pero cargado de aprendizaxe e fermosas vivencias.
Traballar na delegación de Vilalba era moi especial porque xeograficamente abranguía o meu concello, a miña casa, Ribeira de Piquín. Encantábame poder publicar noticias sobre o municipio, en parte por esa morriña que tiraba moito pero tamén por darlle visibilidade, xa que o certo é que moita xente non sabe nin onde está.
Poñer en valor este e o resto dos concellos, coñecelos de preto e darlles voz ás súas xentes é o que fai cada semana A Chaira, porque tan importante é para os veciños saber dun roubo, como do comezo dunhas obras ou verse retratados na páxina social.
Pero se algo quixera destacar hoxe é o inxente traballo que hai detrás deste suplemento, a continua busca de temas a tratar, os centos de quilómetros recorridos para chegar a cada historia, o tempo de escribir, facer as fotos... horas e máis horas de dedicación para un resultado final que sempre merece a pena.
A Chaira ten dez anos, apenas é unha nena e ten un gran futuro por diante grazas á implicación e ao traballo do gran equipo da delegación de Vilalba. Parabéns e por moitos anos máis!
 

Comentarios