Blog

Iniciando a andaina laboral

Foi no verán de 2006 cando eu aterrei por primeira vez na redacción dun xornal, e foi na delegación de El Progreso en Vilalba. É por iso que recordo con particular agarimo dita etapa.

Lémbrome como se fora hoxe. Esperándome estaban o xefe de redacción, Froilán Varela, e dúas compañeiras, María Roca e Cristina Pérez, que durante os meses de prácticas que alí estiven trataron de achegarme o sentir real do que é ser xornalista.

Foron as primeiras persoas profesionais dos medios coas que eu traballei. Con elas deixaba atrás a facultade e comezaba a miña andaina laboral.

A miña tarefa na redacción centrouse sobre todo en escribir para o suplemento A Chaira, un suplemento semanal da Terra Chá, Meira e As Pontes. Grazas a ese labor coñecín cantidade de xente e vivín novas experiencias cada día (foi raro o día que non me perdín polos concellos buscando o sitio exacto da reportaxe ou entrevista).

Pero tamén entendín que un xornalista vive e agradece o seu traballo. Ninguén me explicara eso na facultade. Experimentei por primeira vez a tensión do peche, esa hora na que aconteza o que aconteza, as páxinas teñen que estar listas. E co tempo, dinme conta do grandísimo valor que teñen as delegacións.

Unha década despois, A Chaira segue a pleno rendemento, así que leda e agradecida pola oportunidade que significou para min traballar na delegación de Vilalba e colaborar no suplemento, só me queda felicitar a todos os compañeiros e compañeiras que traballan para sacar adiante A Chaira, e desexarvos unha longa vida. Parabéns.

Comentarios