Blog

A ilusión da primeira vez

No verán de segundo de licenciatura empecei a miña andaina como becaria, o que puxen en práctica ao longo dos catro anos de carreira. A verdadeira forma de aprender. Estaba ante o meu primeiro contacto coa realidade do xornalismo, co que implicaba traballar nun xornal provincial e co que supuña o papel dos profesionais da comunicación. Eran as miñas primeiras prácticas, as que me fixeron ver que a verdadeira aprendizaxe non pasaba polos titoriais escritos, senón por dedicar os veráns a adquirir coñecementos ao lado da experiencia.

O xornal El Progreso cada verán publica un anuncio a través do que ofrece prácticas remuneradas nas distintas delegacións que ten ao longo da provincia. Sendo da Mariña, fun parar á Chaira; pero non me importaba, o que menos pensaba é que tivese esa oportunidade. Recibín a chamada do delegado como se dun rei se tratase. Todo era ilusión e ganas de comerme o mundo. O que sempre desexara e soñara.

Ao mesmo tempo, que no día a día descobres que a realidade da profesión non é aquela que che contan nas aulas e aos poucos afaste á idea do difícil do mundo da comunicación; tamén te sentes parte dun equipo e nace en ti o agradecemento pola implicación que os redactores e xefes da delegación che dedican a diario para que mellores e progreses. A delegación da Chaira do Progreso foi durante dous veráns a miña verdadeira facultade: os coñecementos adquiridos con cada nova, con cada reportaxe ao longo dos seis meses, os erros, os acertos, o vocabulario novo que logo se fixo cotiá...

Nunca esquecerei a primeira saída da oficina. Con cámara na man, despraceime ata a piscina municipal de Vilalba para interesarme pola apertura dos cursos de natación de verán. O contido ía para a entrevista de Emergentes. Sorprendinme. Confiaban xa o primeiro día en min para cubrir una espazo da Chaira. Naquelas páxinas ía a miña sinatura plasmada. Gardo aqueles números do suplemento chairego con gran cariño e co valor que só os que o vivimos lle sabemos dar.

Aprendín a vivir como unha máis as dificultades desta profesión, as consecuencias dos meus erros pero tamén as alegrías e a ledicia que che trasladaba a xente por dar a coñecer os seus proxectos, o seu traballo, as súas ilusións... Estaba a prestar un servizo, un servizo público e estaba a aprender. Foron os meus comezos no xornalismo, a miña primeira incursión no xornalismo local, a miña primeira visión práctica do papel fundamental do xornalista na sociedade... Estaba ante algo diferente a unha profesión. Era unha vida. 

Agora, pasados os anos, só me queda dar as grazas pola paciencia que tiveron comigo, pola axuda que me prestaron e por ofrecerme a oportunidade de aprender. O suplemento da Chaira permitiume contactar co xornalismo e hoxe esta publicación está de cumpreanos. Os meus parabéns por un traballo tan ben feito.

Comentarios