Blog

As aventuras hai que buscalas

O momento no que recibín a chamada que me confirmaba a miña solicitude como estudante en prácticas en El Progreso foi toda unha alegría. Para os meus pais máis aínda. Por fin me vían facer algo de verdade. Pero a experiencia superou sobradamente ás expectativas e aínda que nun principio poida parecer que se trata de pasar un verán nunha oficina, tamén implica pasalo percorrendo a Terra Chá por recunchos que nin coñecía e que realmente pagan a pena. E máis paga a pena a xente que unha se atopa polo camiño mentres busca protagonistas de historias que redactar.

Podería resumir o meu paso pola redación de Vilalba nunha palabra: aventura. Cada día unha nova. Algo máis que contar. Algo máis aprendido a nivel profesional e, sobre todo, persoal. En tan só dous meses non me foi difícil reunir anécdotas coas que encher liñas e liñas, pero o que máis valoro a día de hoxe foi atopar a profesionais que se converteron en máis que simples compañeiros. Cris Arias, Marta, Cris Pérez e Rubén escoitaron cada unha das historias que traía de volta e ensináronme moito máis ca tres anos de carreira: o que é un planillo, o que significa un 2 por 5 dentro dunha páxina, ou que asignar unha foto non é o mesmo que validala. Que a práctica dista moito da teoría e que resulta incriblemente mellor.

Con ganas de aprender chégase a calquera lugar e un becario acostuma a ir sobrado diso, por iso volver outro verán máis ao lugar que me viu dar os primeiros -e indecisos- pasos na profesión é sempre un pracer.

Comentarios