Blog

Agradecemento aos que len

Diante desta efeméride de celebración  en A Chaira, tiven a honra de ser convidado a escribir un texto no que facer referencia ao meu paso por este medio. Evidentemente, a miña primeira intención pasou por aproveitar e agradecer o que para min foi unha desas etapas laborais que me permiten asentar a miña idea de que, aínda que traballar sempre será un dereito, teño claro que poder traballar no que che gusta si é un luxo. E eu tiven o luxo de escribir en El Progreso a traverso da miña colaboura en A Chaira.

E agora, ademais de sumar as miñas máis sinceras felicitacións, tócame agradecer.

Debo agradecer a quen me deu aquela oportunidade, decidindo contar comigo para poder achegarvos o que acontecía en As Pontes, ós anunciantes e administracións que apostaron por estas páxinas, a quen traballou comigo para facer chegar esa información, a toda a xente que traballou para dar forma ó que nós escribiamos, a tod@s @s que están detrás da páxina na que ía a miña sinatura, pero ía o seu desempeño tamén.

Pero sobre todo teño que darche grazas a ti, a quen le isto, e a quen léndoo ata hoxe o trouxo ata aquí. Porque ese é ó final o senso deste marabilloso traballo, comunicar. E por moito que traslademos a imaxe dunha comunicación unidireccional, sempre é bidireccional. Non poderiades lernos, vernos, escoitarnos... se nós non fixésemos o propio para convosco.

Para min esa é a grandeza do meu traballo, e máis no terreo da proximidade no que sempre, e na Chaira, volvía acontecer, tiven a fortuna de poder desenvolverme. O contacto directo. Se o que eu un día escribín puido trascender e interesar foi porque fun un mero transmisor, porque contei o que sei quereriades ler, porque eran os vosos veciños, parentes, amigos... os que o xeneraban, os que mo fixeron saber para poder darlle forma e contárvolo.

As miñas grazas máis sinceras son para ti, que les o que me contaches ti ou os teus, o que acontece ó e no teu entorno máis próximo. Grazas ós que se achegaron, chamaron, ou contactaron, para dicirme que ían facer unha actividade, ou que souberan de algo, ou darme a súa versión ou visión do acontecido. E é que esa é a maior proba de interese, a confianza, e un só conta as cousas a aqueles nos que confía. A cidadanía desta bisbarra atípica na que as relacións humanas e sociais trascenden dos lindes administrativos, confiou na Chaira e ó atopar cobillo nun medio que precisou de vós e acabastes precisando este medio.

A Chaira foi, e ten que seguir sendo, o vencello que xunga unha bisbarra na que eu pertenzo a unha vila que administrativamente está situada noutra provincia, pero se enriquece desta ubicación entre comarcas, e sempre será tamén chairega.

A min satisfíxome especialmente a boa acollida que en As Pontes tivo esta publicación, nuns intres nos que os criterios económicos rexen lesivamente no xornalismo local e comarcal. A aposta era arriscada pero servíu para reconciliarse co labor da divulgación xornalística dende criterios de cercanía por riba do rendemento que puidese ter. E ti, lector, e xerador desas mesmas novas, és quen máis merece este recoñecemento e este agradecemento. Porque a túa demanda de querer ler A Chaira, de buscar aí as novas, as fotografías, as historias, que realmente che interesan, fixo que El Progreso, que xa viña apostando por As Pontes, cando outros máis cercanos lle daban as costas, fose máis demandado. E hoxe está asentado para quedar. Hoxe é referencia informativa na que tes a garantía de atopar o teu, pola confluencia de interese entre @s traballadores/as que o levan a porto e @s veciñ@s que o armades para que saia navigar.

Dende a fachenda de ter viaxado neste barco e ter remado na mesma dirección hoxe felicito @s que cada semana seguen a procurar que a singradura siga a ser venturosa.

A disfrutar desta aventura que é comunicar, e aquí quedan os meus brazos para remar cando sexa preciso.

Comentarios