Catro feridos na colisión entre sete vehículos na AP-9, preto do Aeroporto de Vigo

O tramo da AP9 afectado polo sinistro CRTVG
photo_camera O tramo da AP9 afectado polo sinistro. CRTVG

Unha colisión múltiple ocorrida na mañá deste martes entre sete vehículos na AP-9, preto do Aeroporto de Vigo, saldouse cun total de catro feridos de diversa consideración. 

Segundo informa o 112 Galicia, os feitos ocorreron nesta vía en sentido A Coruña sobre as 11,30 horas, cando os coches circulaban pola Autoestrada do Atlántico ao paso pola parroquia viguesa de Carral. Aínda que nun principio o choque se producira entre tres turismos, seguidamente se uniron outros catro por alcance. 

Foron varios os condutores que contactaron coa central de emerxencias para solicitar asistencia médica para os posibles feridos. En total, indican fontes da Garda Civil a Europa Press, catro persoas resultaron feridas pero de carácter leve. 

No entanto, os efectivos de Urxencias Sanitarias-061 desprazados até o punto atenderon aos afectados e trasladáronos ao Sanatorio Concheiro, en Vigo. Tamén acudiron ao lugar do sinistro a Garda Civil, a Policía Local e Protección Civil da cidade. 

O choque, os labores de atención aos afectados e a posterior limpeza da vía provocaron retencións na AP-9, que quedou liberada pasadas as 13,00 horas do mediodía, segundo aseguran a Europa Press fontes da Dirección Xeral de Tráfico (DXT). 


 

Comentarios